Blog | A Semana do Revés

San Marcos por San Caetano

Lara Méndez y Gonzalo Caballero, antes de la reunión de la Executiva Nacional del PSdeG. XESÚS PONTE
photo_camera Lara Méndez y Gonzalo Caballero, antes de la reunión de la Executiva Nacional del PSdeG. XESÚS PONTE

NO OUTONO do ano que vén, se non é antes, os galegos terán que elixir goberno na Xunta e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quere aproveitar a boa onda socialista e vai a por todas. Lugo era a provincia onde menos controlado tiña o partido e os resultados electorais e circunstancias previas e posteriores puxéronlle en bandexa o intento de mudar a situación.

O 26M, o PSOE conseguiu o que semellaba imposible e mantivo a capital e con ela a Deputación. Tivo tamén logros moi aparentes, como o goberno do feudo popular de Vilalba, pero no cómputo global empeorou os resultados e perdeu un deputado. Á vez, a maioría absoluta na segunda cidade da provincia reforzou ao seu alcalde, José Tomé, para optar á presidencia da Deputación tras catro anos nos que a aceptable xestión de Darío Campos —véxase orzamentos aprobados, plan único, apertura de residencias..., en parte grazas a polémicos acordos co PP e certo baleiro ao BNG— viuse ensombrecida polas carencias á hora de comunicar e de atallar crises públicas.

A todo o anterior había que engadir a mala relación entre as direccións socialistas provincial e galega, con orixe na falta de apoios mutuos nas respectivas primarias. As tensas relacións percibíronse en moitos momentos nestes anos e de forma especial nas dúas últimas campañas electorais, nas que os choques foron constantes e Lugo e Santiago acabaron indo por separado, e chegaron ao cumiu cando se abriu a pugna San Marcos por San Caetano pola Deputación entre Campos e Tomé. Este resultou estar no momento e no lugar axeitado para os intereses do PSdeG e Campos contaba co apoio de Álvaro Santos, un secretario provincial que mediu mal os apoios cos que contaba cando decidiu botarlle o pulso ao xefe. Se a iso se lle suma unha verborrea ás veces descontrolada, que lle fai perder a razón que pode levar nalgunhas cuestións, e o que aparenta ser certa dificultade para ver o que o resto do mundo ve, era fácil adiviñar cal ía ser o desenlace.

Santos dimitiu, o PSdeG prescindiu de Campos e Ferraz ratificou a Tomé como candidato á Deputación. Polo medio, o goberno de Lara Méndez volveu a ser vítima colateral. As previsións era que Santos, que acaba de incorporarse como concelleiro en Lugo, fora deputado pola capital, pero non só quedou invalidado, por razóns obvias, senón que a maioría dos concelleiros do partido xudicial de Lugo situáronse do lado de Tomé e votaron para deixar a cidade fóra da Deputación.

A intervención da alcaldesa propiciou que Caballero decidira dar un deputado a Lugo —será a concelleira Ana González— in extremis, cando faltaban unhas horas para que Ferraz aprobara as listas. Igual ca noutras ocasións, como a consecución do reforzo do xulgado do social ou a confección da candidatura municipal, Méndez demostrou que ten máis peso do que algúns pensan. A rexedora salvou os mobles, pero o acordo beneficia igual ou máis ao líder do PSdeG. O ano que vén, todos os brazos serán necesarios para remar cara a San Caetano.

Maltrato a Darío Campos
É manido que os inimigos están dentro e é a sensación que queda con Campos, do que ata alcaldes do PP e do BNG recoñecen que sempre puideron contar con el. O PSdeG tamén valora o seu traballo, asegura, e probablemente intente compensalo, pero non hai quen lle quite os malos tragos que viviu na Deputación dende 2015 nin a triste defenestración que acaba de sufrir. Certo tamén que el puido xogar mellor as súas cartas. 

 

Heteroxeneidade a proba
É unha incógnita como funcionará o grupo que dirixirá Tomé, con persoas con traxectorias e perfís antagónicos. Seguen deputados que veñen do ‘besteirismo’, e foron evolucionando, e incorpóranse algúns que foron azoute. Hai alcaldes con lustros de xestión sobre o terreo e deputados que se fixeron nos despachos. E está por ver como rexen co BNG tras anos de frialdade. En Monforte, Tomé papou os nacionalistas. 

 

O PSOE, en mans de quen?
Un home de Caballero, José Antonio Quiroga, está á fronte do PSOE en Lugo trala dimisión de Santos. En noventa días, o partido debería convocar primarias, pero falta moito e de momento ninguén ensina as cartas. Tomé di que non toca; Méndez, que o seu único interese é o Concello... E como é habitual, ese ente abstracto e cada vez máis reducido chamado ‘besteirismo’

Comentarios