Saleta: "Manuel María era unha persoa normal cunha facultade"

A viúva do escritor homenaxeado polo Días das Letras Galegas participará este martes no acto que culmina o ano dedicado ao seu home cunha xuntanza da Real Academia Galega en Outeiro de Rei. A muller do escritor sinala que a educación relixiosa e o amor pola terra explican a figura celebrada este martes
Saleta Goy co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na Casa-Museo Manuel María
photo_camera Saleta Goy co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na Casa-Museo Manuel María

Saleta Goy mira o mundo cos ollos gastados e o escepticismo sarcástico de que acumulou 83 anos de vida. A viúva de Manuel María opina que o seu home "era unha persoa normal, que levou unha vida normal, aínda que cunha facultade". Esa facultade consistía en escribir. Manuel María desenvolveuna con tal calidade e profusión que a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas. Máis que un día, as Letras veñen sendo un ano de edicións, homenaxes e celebracións que culminan mañá co acto central que se celebra na casa museo do poeta, en Outeiro de Rei, onde naceu en 1929.

A muller compartiu un treito longo desa "vida normal", que comezou en 1956 e que avanzou ata o pasamento do autor, en 2004. Este ano, coas numerosas lembranzas a Manuel María repartidas por todo o país, Saleta Goy confesa que a proliferación de eventos lle resulta "demasiado intensa para os meus anos", aínda que logo se recompón e proclama estar "moi agradecida á reposta á reacción" que tivo Galicia.

Trata de ocultar a súa satisfacción polos recoñecementos á «facultade» do seu compañeiro de vida rememorando as fatigas causadas pola ordenación da súa obra. "Houbo que arquivar moitos documentos, aínda que o máis complicado foron os 12.000 libros que tiña na casa", indica sen esquecerse de agradecerlles a xeira "a dous rapaces, que eran voluntarios". Recoñece que "tiña moi boa memoria, pero hai que pensar que o piso ten cen metros cadrados", apunta en referencia á vivenda de ambos os dous na Coruña. A cifra non sorprende dado que "el lería as 24 horas do día".

Saleta Goy salienta que viaxaron xuntos por moitos lugares "pero Manuel María vía a súa terra en todos os lugares"

Soamente a viaxe era para Manuel María tan estimada como a lectura. O seu amigo Darío Xohán Cabana lembra que "gustáballe viaxar tanto polo mundo de fóra como polo de dentro". Xuntos teñen percorrida Galicia en toda a súa largura. "Foi el quen me levou por vez primeira a Vilalba, sobre a que me explicou que era a capital da Terra Chá". Como "nunca tiña présa", era habitual que detivesen o coche nunha paraxe habitada e que baixasen "para falar coa xente". Saleta apunta que viaxaron polo sur de Europa, "pero el vía a súa terra en todos os lugares". Mesmo lembra que, estando en Grecia, visitaron un lugar miserable chamado Paradisus, "que foi onde escribiu un poema no que di que pechou ‘os ollos para dentro e encontrei o Paradisus’, que era Outeiro".

Cabana lembra que a única sensación que podía incomodalo mentres estaba viaxando era a fame. "Debía de ter un reloxo no estómago porque á hora de xantar protestaba" reclamando atención culinaria.

A Manuel María non lle faltaban as paixóns. O tamén poeta lembra que o amigo o levou "ao fútbol, por primeira e derradeira vez" para ver un partido de rivalidade comarcal entre o Lemos e o Ourense. "Metéronos oito, porque eu ía polo Lemos; claro".

A viúva de Manuel María comenta con sarcasmo que "os críticos ven cousas" na obra do seu home "que nin el sabía que estaban". "Pero eu non son crítica", engade logo para protexerse da súa propia retranca.

Para Saleta Goy "hai dous grandes temas que explican a Manuel María, que son o medo á morte e o panteísmo". Argumenta a afirmación supoñendo que "debía de ser pola formación relixiosa que recibiu de neno, pero tiña un gran medo á morte".

Como consecuencia de estar vivindo sen despistarse da fin -"saes da terra, volves á terra"-, o escritor sentíase imbricado coa súa terra, con Galicia. "É un poeta que non se entende sen o mapa de Fontán". A que fora a súa muller cota como inspiradores dese amor polo país a San Francisco e ao poeta Francis Jammes. "Manuel María era franciscano, pero non no senso relixioso porque tivo unha crise de fe cando lle morreu un irmán", comenta.

INCONFORMISTA. A viúva de Manuel María considera que a súa obra caracterízase polo "inconformismo" que prende na mocidade "porque o seu tío cura quería que fose avogado e el quería facer Letras". Ao primeiro, eludiu a carreira de leis, pero non conseguiu triunfar na súa vocación. "Cando o suspenderon en Letras sorprendeuse moitísimo e converteuse nun inadaptado", lembra.

O disgusto non o persuadiu de escribir. Escribiu dun xeito intenso e continuado. Saleta afirma que "cando máis lle gustaba facelo era no outono, era o seu tempo natural de produción; aínda que non sei o motivo".

En contradición, canto menos escribiu foi no seu outono vital, "porque de novo, a poesía saíalle a chorro; despois, non, despois era máis cerebral. Pensaba durante máis tempo os poemas".

Comentarios