"Rozas é un orgullo para Lugo que nos situará no epicentro de Europa"

Natural de Celanova e física da atmósfera do Inta, Neves Seoane é dende hai uns meses a responsable dun centro de ensaios de avións non tripulados que será o motor dunha industria de futuro que demostra que os drons xa non son uns aparatos de ciencia ficción
photo_camera Neves Seoane, no hangar do Ciar en Rozas. EP

LEVA NO PROXECTO dende o principio, pero dende hai uns meses é a responsable dun centro de ensaios pioneiro para avións non tripulados que comenza a voar só e quere facelo alto. Neves Seoane, natural de Celanova (Ourense) e física da atmósfera do Inta, contaxia emoción por un proxecto que aterrizou no aeródromo de Castro de Rei en 2012 case como ciencia ficción pero que este 2020 despega como unha realidade.

Acaban de inaugurar un centro punteiro. Como foi chegar aquí?

Son proxectos moi complicados e dependes de moitas administracións. Eramos moi conscientes de que ía levar tempo e que había moitas complicacións. Pero estamos satisfeitos. Nunca pensamos que ía fracasar, porque hai moito apoio do Ministerio de Ciencia, da Xunta e por suposto do Inta, e cumprimos en tempo todo. Foi un reto e unha aprendizaxe constante, todo era novo. Estamos moi sorprendidos polo resultado porque foi mellor do esperado. Empezamos cunha idea e cumpriuse pero con máis innovacións do que esperabamos.

É difícil explicar un intanxible?

Como en calquera sector da ciencia e da tecnoloxía non é algo inmediato. A construción do Ciar foron oito meses, e vese, pero a investigación e a posta en marcha de servizos é longa, leva o seu tempo. Pero xa temos algo real, empezamos a poder mostrar resultados e voamos como centro propio.

Que falta para voar alto?

Xa está toda a instrumentación, pero falta a posta a punto. Isto non é comprar unha televisión e enchufala. Necesitamos un proceso de formación, no que estamos dende decembro, para empezar a facer ensaios e poder iniciar o proceso de certificación, non só de avións, tamén de sensores e doutras plataformas. Xa podemos facer algúns ensaios e campañas de investigación pero aínda non podemos emitir certificacións, requisito indispensable para que unha aeronave poida voar ou unha empresa comercializala.

Cando será iso?

Nun ano ou menos.

"Antes só se coñecía o uso militar dos drons, agora xa se ven como unha ferramenta moi potente e con moitas aplicacións"

Que ten o Ciar que non teñen outros? Que o fai especial?

É único, polo conxunto da instrumentación e os servizos innovadores que ofrecemos aos clientes (empresas públicas ou privadas organismos de investigación, universidades...). Outros teñen infraestrutura, pero un centro tan completo aplicado aos UAVs non o hai en ningún sitio, somos os primeiros. É a nosa gran vantaxe.

Había rexeitamento ao principio, se sería unha base da Otan ou un obxectivo terrorista. Está superado iso?

Si (ri). Queda moito traballo de divulgación e é importante que a poboación, como organismo público que somos, saiba o que facemos. Ás veces o descoñecemento e a falta de información crean especulacións falsas. Nós dependemos de Defensa pero somos científicos e facemos investigación aplicada ao mundo civil para mellorar a calidade de vida das persoas e do ambiente. Non temos nada que ver con bases militares nin guerras.

Daquela os drons soaban a guerra. Perdeuse ese estigma?

Daquela era algo novedoso e só se coñecía o uso militar. Agora a sociedade ve os drons como unha ferramenta moi potente para moitas aplicacións, vense con normalidade e os estigmas van desaparecendo. Xa non parecen ciencia ficción, nin son un xoguete, son unha ferramenta de traballo.

A onde chegarán? Drons taxi, carteiros, de tráfico, controladores de mascarillas co coronavirus, claves en accidentes como Fukushima...

Se fora pitonisa (rí). Creo que non hai límite. É unha tecnoloxía nova e en desenvolvemento e poderán usarse en calquera aplicación que a un se lle ocurra. Hai moitas que agora ao mellor nin imaxinamos. E será a normativa a que poña os límites.

E iso é o que falta. Hai un limbo?

Hai normativa, pero falta moita e é vital que saia. As persoas que queiran comercializar os seus produtos teñen que saber as regras de xogo para saber cara onde ir. E temos moita industria interesada.

En que situación se atopa Galicia?

Considero que estamos dos primeiros no sector. É unha tecnoloxía moi nova e estamos apostando moitísimo por ela. Ás veces hai que ser valente e innovador. Estamos moi ben posicionados, creando os vimbios para que se faga algo moi bo e serio.

A última aposta no Ciar é o simulador de tráfico aéreo para o espacio compartido de avións tripulados e non tripulados.

O U-Space é outra patiña que falta por lexislar. O Ciar xa ten unha ferramenta propia pero esta inxección do CDTI e Gain é moi importante. Búscase unha plataforma totalmente novedosa e que se poida probar aquí é un síntoma de que imos por diante e situaríanos no epicentro de Europa.

Pese a estar no rural de Lugo.

Rozas é un orgullo para Lugo e para Galicia. É un lugar especial con baixa densidade de tráfico aéreo, pero o que o fai especial está en contra de poder estar mellor comunicados, algo que ás veces nos gustaría mellorar para todos os que queiran usar o centro. Un imaxina algo así en Madrid ou Amsterdam, nun lugar máis accesible, pero con aeroportos preto non poderiamos ofrecer o que temos aquí. O que nos beneficia para facer os ensaios é estar apartados. Por iso non podemos deixar de innovar se queremos ser competitivos. Se somos únicos en algo non hai máis remedio que vir. O máis importante é ser os primeiros e ofrecer cousas que os demais non ofrecen, a excelencia, para captar ensaios e actividade para o centro. E a xente que vén queda encantadísima. Temos a mellor gastronomía, a mellor paisaxe, o mellor clima...

Cal é o seguinte paso?

A nosa idea é propoñernos como Instalación Científica Técnica Singular (ICTS) e para formar parte da rede de infraestruturas de investigación europeas (Esfri).

Que suporía?

Financiación para as instalacións e para os grupos da comunidade científica que queiran acceder ao centro e aos seus servizos. Manter este tipo de instalacións estratéxicas é moi caro, pero o lóxico é que o Goberno arroupe e apoie este tipo de instalacións. A I+D non dá ganacia, dá perda, pero hai que competir e apostar pola investigación, a innovación e a tecnoloxía.

"Todos estamos moi contentos e ilusionados, queda todo o futuro do centro por diante"

Que implica o cargo?

É a culminación de moitos anos de traballo e é un orgullo. Estou moi agradecida ao Inta e todo o persoal do Ciar está moi contento e ilusionado. Queda moito traballo, moito máis do que se fixo, porque queda todo o futuro do centro por diante. E non nos aburrimos, innovar e traballar con tecnoloxías punteiras é o que ten. Aínda que pases estrés e moitas horas de traballo, é moi agradecido. Estás ao 110%, con ilusión permanente.

Canta xente traballa no Ciar?

Catro científicos e dous técnicos, dez persoas en seguridade, unha en limpeza e outra en mantemento. E a medida que haxa máis actividade seguiremos medrando. Cantos fixeron ensaios no Ciar? SCR, Airbus, Boeing, Solicol, Gradiant, Indra e Babcock, Teckplus, Correos e Fuvex, aparte das universidades e os nosos avións.

Cóbrase?

Hai uns prezos públicos. Somos un organismo público de investigación con carácter comercial. O obxectivo é multiplicar clientes.

Encárgase de presentar o proxecto e o centro ás visitas. Non cansa?

Contaríao 100.000 veces máis.

Cal é o soño?

Quería ser astronauta e cheguei a voar na nosa mini Nasa, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial. Hai que ser moi perseverante para alcanzar os soños. O meu soño cumpriuse ao poder dedicarme ao que me gusta na miña terra. É un luxo e unha sorte.

Traballaba nas nubes. É difícil manter os pés no chan?

Non, no mundo científico a realidade ponte no chan. A humildade é fundamental na ciencia.

Comentarios