Un roubo nocturno provoca grandes danos no embarcadoiro de Doade

Os ladróns rebentaron portas, ventás e unha máquina expendedora e leváronse diñeiro e varios teléfonos. A Deputación de Lugo, titular das instalacións, xa denunciou os feitos
Unha das traballadoras do embarcadoiro observa os danos. M.PIÑEIRO
photo_camera Unha das traballadoras do embarcadoiro observa os danos. M.PIÑEIRO

O embarcadoiro Ponte do Sil (antes, de Doade) amenceu con importantes danos provocados por un roubo de madrugada. Os ladróns rebentaron unha porta lateral e accederon ao andar baixo e ao almacén, onde crearon unha gran desorde e golpearon unha máquina expendedora de bebidas ata deixala totalmente inutilizada.

Os asaltantes romperon tamén a entrada ao espazo onde se venden os billetes para o catamarán e esnaquizaron o cristal dunha ventá para acceder ao interior do bar situado no andar superior. Non puideron levarse nada do establecemento, que está pechado ao quedar baleira a concesión pública que permite a súa explotación.

No resto dos espazos, o botín dos asaltantes no foi moito máis alto, segundo sinalaron fontes consultadas por este xornal. Leváronse algúns cartos (non se especificou cantos) da expendedora e varios teléfonos. Si foron elevados os danos materiais ocasionados pola súa intrusión.

A Deputación de Lugo é a administración titular das instalacións. Xa denunciou os feitos ante as autoridades, que investigan para determinar a súa autoría. Desde o goberno provincial anunciaron tamén que colocarán cámaras para evitar que estes actos ilícitos se repitan no futuro. Este sistema sumarase aos vixiantes de seguridade que coidan do embarcadoiro cando rematan as xornadas.

Todo o material rebentado está apartado no propio lugar onde ocorreu o roubo, á vista para non entorpecer o día a día. A Deputación non repoñerá as portas, as ventás nin a máquina expendedora ata que a investigación lle dea o visto bo para facelo.

CONCURRIDO. O embarcadoiro Ponte do Sil é un dos puntos máis visitados da Ribeira Sacra, aínda que, coma todos os servizos, está baixo mínimos por mor da pandemia.

Desde alí sae o catamarán que percorre as augas do Sil. Fontes cuestionadas subliñaron a importancia de aumentar as medidas de seguridade nesta zona. Trátase dun punto afastado dos cascos urbanos e case non hai visibilidade polas noites.

Tamén entraron en Boral Aventura

Xusto a carón do embarcadoiro Ponte do Sil están as instalacións de Boral Aventura, unha empresa turística que ofrece experiencias en canoa ou caiac polo río, paddle surf ou traxectos en bicicleta á que tamén atacaron os ladróns. Os propietarios atoparon a porta principal rebentada e non tardaron en decatarse de que sufriran un roubo nocturno. Como no embarcadoiro, os danos materiais eran moi visibles.

Diñeiro e ferramentas
Os asaltantes, ademais de danar a porta, o porche e unha ventá, foron a pola caixa rexistradora, onde había uns poucos cartos. Ademais faltaban algunhas ferramentas, entre elas un martelo, unha serra ou un insuflador de aire. Os propietarios cren que os ladróns empregaron unha das rochas usadas para marcar a zona de estacionamento.