"Galicia foi das poucas zonas que durante a crise non subiu a ratio de alumnos por aula"

"A demografía condiciona toda a estrutura do sistema a medio prazo"

Afronta o inicio do curso escolar coa tranquilidade que dá a falta de incidencias e subliña que a Xunta está "reducindo o fracaso escolar e aumentando os coñecementos e a atención á diversidade" grazas a liñas de traballo como a extensión do plurilingüismo a máis centros e á aposta polo ensino dixital e as competencias STEM
Román Rodríguez
photo_camera Román Rodríguez

Como viviu estes primeiros días?
O inicio de curso é sempre un momento de cambio para as familias e para os alumnos e xera estrés na comunidade educativa, xa que estamos ante un sistema dunha enorme dimensión: máis de 30.000 profesores en Galicia, 380.000 alumnos no ensino non universitario e máis de 1.100 centros educativos.

Cales son as novidades máis destacadas deste novo curso?
Queremos profundizar naqueles aspectos que están dando bo resultado e afortunadamente vemos que o sistema educativo galego está nunha senda de mellora, tanto no que ten que ver coa calidade como coa igualdade de oportunidades. Estamos reducindo o fracaso escolar, aumentando os coñecementos en competencias, incrementando a atención á diversidade... En definitiva, apoiando ás familias con servizos complementarios como o transporte, comedor, acceso aos libros de texto... Temos dúas liñas de traballo importantes que están contribuíndo a modernizar o sistema: a extensión do plurilingüismo a todas as etapas educativas e a aposta polo ensino dixital e as competencias STEM, orientadas a potenciar o coñecemento en ciencias, matemáticas e aqueles ámbitos que van definir o futuro dos actuais alumnos. Temos que preparalos para unha sociedade e unha economía máis tecnificadas, sen esquecer os coñecementos humanísticos que posibilitan que as persoas teñamos uns valores acordes cunha sociedade moderna.

"O bus compartido é algo lóxico que permite racionalizar un servizo público e facilitar a mobilidade no rural"

Funciona o sistema plurilingüe?
Nos datos internos vemos que o dominio do inglés se está incrementando notablemente, e máis nos centros plurilingües. A nivel de resultados de competencias e coñecementos estamos tendo un incremento do nivel dos alumnos galegos no informe Pisa.

Outra das novidades foi a entrada en vigor do transporte integrado. Como valora os inicios?
O bus compartido é algo lóxico e de sentido común que permite racionalizar un servizo público e facilitar a mobilidade nas zonas rurais. Vense facendo noutras comunidades autónomas e tamén en Galicia co Tes+Bus. A premisa é manter horarios, paradas e rutas. O único cambio que senten os nenos é que poida ir algún adulto do seu contorno próximo. Funcionou con normalidade.

Aínda así hai suspicacias nas familias, que non saben quen poderá ir no bus cos seus pequenos...
Hai acompañantes en todas as rutas e teñen a misión de supervisar a organización e a convivencia nos buses e na práctica os usuarios non escolares serán, sen dúbida, familiares, amigos e veciños. Non se alteran as normas e, de facelo, o acompañante ten que ter criterio para favorecer a convivencia.

Algunha novidade para o novo curso en Eso, bacharelato e FP?
Sempre hai pequenos cambios, pero o importante é a liña xeral: aposta polo plurilingüismo e por novas áreas de libre configuración, que son moi importantes, porque posibilitan formar ao alumnado e achegarlle coñecementos moi importantes para a súa formación como persoa. Gustaríame destacar materias como Valores democráticos europeos, Identidade dixital ou Mobilidade segura. Despois sempre hai ciclos que entran e saen do sistema, porque o mapa educativo é un mapa vivo e responde aos cambios demográficos, ás actividades económicas e ás demandas sociais.

Este mapa está vencellado directamente á natalidade. Que fai a Xunta ao respecto?
O problema estrutural máis grave de Galicia é a dinámica demográfica, en tres variables: a baixada de poboación, o avellentamento e o risco de perda demográfica nalgunhas zonas rurais. Isto trasládase a todos os servizos públicos e fundamentalmente á educación e á sanidade. A perda de natalidade ten unha traslación directa ao alumnado. Estamos vendo un descenso da matrícula en Infantil e isto é un reto para os xestores do eido educativo. É un problema que moitos minimizan e foi esta Xunta a que tomou conciencia da situación e impulsou medidas para favorecer a demografía e a que entendeu que é un reto para o Noroeste de España. Debemos ser moi conscientes de que todas as medidas que se poñen en marcha deben avaliarse desde este parámetro, que está marcando a organización dos servizos públicos. Obviamente as dinámicas demográficas condicionarán a meido e a longo prazo toda a estrutura do sistema.


"Temos que preparar o alumnado para unha sociedade e unha economía moito máis tecnificadas"

O curso pasado foi bastante intenso en Bacharelato pola incógnita das novas probas de acceso á Universidade, aínda que ao final non houbo grandes cambios.
Desde Galicia sempre lle solicitamos ao Ministerio de Educación que a nova proba fora moi semellante á anterior e así foi. A Abau celebrouse con normalidade e así volverá ser este curso.

Teñen establecido algún prazo para resolver a configuración do novo mapa universitario?
Estamos traballando de xeito construtivo coas universidades galegas. Unha oferta educativa ten que evolucionar da man da sociedade e responder ás súas demandas, tanto a nivel social como económico e produtivo. Nese sentido temos unha folla de ruta e un plan de mellora de moitos aspectos da vida universitaria: especialización, internacionalización, creación de doutorados e mestrados de excelencia ou graos en inglés orientados a crear as bases da Universidade do século XXI. Antes de fin de ano calculamos que poidamos presentar o novo mapa.

Nalgún momento se pensou en eliminar graos con matrícula escasa, como algúns de humanidades?
Non. O que se pensa é avaliar as nosas fortalezas para potencialas e as nosas debilidades para transformalas. Un sistema universitario ten que ofertar certas carreiras. Búscase definir unha oferta para a Galicia do século XXI tendo en conta o papel central da Universidade, que ten que estar ao servizo da sociedade. Son mundos absolutamente imbricados. Ten que formar profesionais para que a sociedade avance.

Comentarios