Roge Fdez: "Retratar unha personaxe é como revivila"

O bar Ho! Gruf acolle a exposición 'Back to the past' do artista Roge Fdez composta de 27 retratos do mundo do cine, música e televisión

Roger Fdez, no Ho! Gruf. SEBAS SENANDE
photo_camera Roger Fdez, no Ho! Gruf. SEBAS SENANDE

Os que se acheguen ao Ho! Gruf deben saber que serán recibidos por Sharon Stone e Anthony Hopkins. E que, se vén na obriga de ir ao servizos, terán que pasar ante a mirada de Prince, Bowie ou Blondie. A selección dos 27 retratos que enche as paredes son, en realidade, "retratos de min mesmo", di Roge Fdez, o seu autor.

A súa relación coa pintura nace no medio duns estudos de Dereito. Fdez sacou a carreira á vez que vía catro películas diarias e, dado que "a xuventude é moi atrevida", decidiu que, postos a pintar, era ben facelo desas personaxes coas que pasaba tantas horas.

Comezou traballando sobre elementos abstractos e xeométricos e, "como os retratos se me resistían máis, comecei con eles hai catro anos como un reto persoal", segundo afirma. Colleulle o gusto axiña e, dende entón, xa leva feitos máis de 200.

Coas exposicións 'Cinéfilas' xuntou os seus dous grandes amores: o cine e a pintura. Posteriormente engadiu os rostros da banda sonora da súa vida. E, agora, con 'Back to the past' suma personaxes da pequena pantalla.

"Ao medrar xa non vives as cousas coa mesma intensidade, perdes a capacidade da sorpresa"

Dende a televisión chegan ao Ho! Gruf as malvadas dos anos 80, caras recoñecibles para os que medraron con V ou Falcon Crest."Ao ser Nadal intentei que fose unha selección ampla", di.

Nas anteriores exposicións centrouse máis na música dos 60 e 70 e, desta vez, tocáronlle aos 80, á música da súa infancia. "Non sei que pintor dixo que todo retrato é un autorretrato. Esta exposición pode ser un exemplo,en realidade estoume retratando a min mesmo", explica.

A parte do cine é, máis ben, unha forma de vivir. "Se unha película me gusta moito, non distingo se é ficción ou realidade, entendo esas personaxes como parte da miña vida", conta Fdez.

Cada unha das caras e dos fotogramas feitos en acrílico, son un recordo do pintor. Escoller un cadro que teña máis importancia para el é case imposible pero, finalmente decantase por Diane Keaton en O Padriño. "Téñolle moito cariño a Kay Adams, é unha personaxe moi gris, muller dun mafioso da que non se sabe ata que punto se engana a si mesma", explica.

"Ao medrar xa non vives as cousas coa mesma intensidade, perdes a capacidade da sorpresa", di Fdez. É por iso que traballa con referencias dos 70 e 80, porque "son personaxes eternas". Considera que, para poder pintar do que acontece agora, ten que pasar aínda un tempo.

Fdez ve este traballo como "unha arte pop e popular" que aprendiu de forma autodidacta. E ir a lugares como o Ho" Gruf, que para el "é máis que un bar, é cultura e proximidade", son dos mellores agasallos da profesión.

Comentarios