Rodríguez Pazos recordou a Manuel María "como un pozo de sabedoría"

A exrepresentante pública lucense recibiu a navalla do escritor nun acto que reuniu ducias de persoas de toda Galicia en Outeiro de Rei

Un momento do recital poético na honra a Manuel María na carballeira de Santa Isabel. AIDA SOENGAS
photo_camera Un momento do recital poético na honra a Manuel María na carballeira de Santa Isabel. AIDA SOENGAS

"Manuel María era un pozo de sabedoría. Unha gran persoa que sempre loitou pola nosa cultura, pola nosa lingua e polo noso país. Por iso estamos aquí, un ano máis, para recordalo, aínda que nunca esmorecerá da nosa memoria", salientou emocionada Branca Rodríguez Pazos ao recibir este sábado a navalla do escritor en Outeiro de Rei nun multitudinario acto, enmarcado na chamada Memoria da Chaira Enteira, e celebrado con motivo do cabodano do escritor.

A xornada, organizada polas asociación Xermolos e Irmandade Manuel María, arrancou ao mediodía cun xantar de irmandade no restaurante local Río Ladra. Preto dun cento de persoas desfrutaron deste ágape, que deu paso a un recital de poesía en Penas de Rodas.

O momento máis emotivo do día foi a procesión cara ao cemiterio de Outeiro de Rei para depositar unha rosa na tumba do autor. Os asistentes, chegados de todas as partes da xeografía galega, desfiaron á tromba de choiva que pretendía empañar o momento e camiñaron firmes cara ao camposanto acompañados dun recital de versos do escritor e do himno da Irmandade de fondo.

A continuación, celebrouse o acto de entrega das navallas de Manuel María aos dous homenaxeados deste ano na carballeira de Santa Isabel. Marica Campo, David Otero e Mero Iglesias foron os encargados de presentar os recoñecementos para ambos. De Branca Rodríguez Pazos salientaron que o seu labor na Administración galega foi fundamental para o nomeamento da Muralla como Patrimonio da Humanidade e enxalzaron a súa "atención ás necesidades veciñais".

De Moncho Valcarce destacaron que fixo "sempre forza co pobo, desde o rural, para reclamar a dignidade da terra en propiedade para que sexa fogar, semente e poida garantir porvir".

A homenaxe concluíu cun xantar de confraternidade entre todos os asistentes. Os organizadores destacaron a grande afluencia de público, "que se multiplicou no momento da ofrenda", e salientaron que seguirán traballando para manter vivo o legado do poeta.

Esta distinción, ademais de á extenente de alcalde do Concello de Lugo e exdelegada da Vicepresidencia da Xunta, tamén foi concedida a título póstumo a Moncho Valcarce, o cura das Encrobas. Membros da Irmandade Moncho foron os encargados de recoller este galardón.

Comentarios