Pontevedra enfaríñase

A gravación da serie de Bambú e de Atresmedia 'Fariña' revoluciona o centro da cidade ►No antigo Concello e no Valle-Inclán recréase a toma de posesión de Nené Barral como alcalde de Ribadumia

Viñeron todos: Javier Rey (Sito Miñanco), Carlos Blanco (Laureano Oubiña), Antonio Durán ‘Morris’ (Manuel Charlín) e todos os seus compinches, os personaxes que interpretan Monti Castiñeiras (Colombo) e Manuel Lourenzo (Terito), entre outros. Por vir, viñeron ata Miro Magariños (Nino Balbín, personaxe que ficciona a Nené Barral) e o sarxento da Garda Civil ao que dá vida Tristán Ulloa.

Boa parte do elenco principal da serie Fariña, unha ficción da produtora Bambú e de Atresmedia baseada no libro do mesmo nome do xornalista Nacho Carretero, que repasa a historia do narcotráfico en Galicia, estivo onte en Pontevedra para gravar secuencias na Praza de España, no antigo Pazo do Concello e no instituto Valle-Inclán. Ata a cidade volveuse desprazar o equipo da serie, tal e como xa fixera noutra ocasión no mes de agosto, espertando desta vez unha grande expectación ao incluír no plan de rodaxe varias escenas en exteriores. Ducias de persoas se achegaron ao longo de todo o día á gravación para poder presenzar de preto como se realiza unha produción televisiva.

As secuencias na Praza de España incluíron o uso de coches dos anos 70 e 80, entre eles, vehículos orixinais da Garda Civil

fotografías. Foron varios os veciños e curiosos que aproveitaron, ademais, para facerse fotos cos protagonistas de Fariña. Con eles e con moitos dos coches dos anos 70 e 80 que se empregaron nas distintas secuencias, incluídos vehículos orixinais da Garda Civil da época.

Numerosos extras pontevedreses participaron tamén no traballo realizado onte na capital da provincia, onde se recreou o que foi a toma de posesión de Nené Barral como alcalde de Ribadumia.

Fariña é a terceira ficción importante que este verán incluíu Pontevedra entre as súas localizacións. Aínda non remataron de gravar na cidade os responsables de Vivir sin permiso, outra serie televisiva, neste caso protagonizada por José Coronado e Álex González. O equipo da ficción de Telecinco veu en varias ocasións a Pontevedra, onde, entre outras cousas, está localizada a oficina do personaxe de Coronado, concretamente nas instalacións dunha inmobiliaria da rúa Blanco Porto.

Finalmente, o cineasta Dani de la Torre (El desconocido) tamén escolleu o instituto Valle-Inclán e a avenida de Montero Ríos para rodar parte da súa nova película, La sombra de la ley. Producida por Vaca Films e protagonizada por Luis Tosar, o filme conta a historia do policía Aníbal Uriarte na Barcelona dos anos 20, unha cidade marcada polo gansterismo.

Comentarios