Ringleiras para o polbo no Naseiro de Viveiro

Os postos repartiron máis de 1.000 quilos de cefalópodo na xornada deste venres

Chegou o día e chegou a romaría. Este venres de Naseiro reuniu, unha vez máis, a milleiros de persoas no val do río Landro e os postos ambulantes repartiron máis de 1.000 quilos de cefalópodo na xornada dedicada ao orgullo polbeiro. A paz, que non a tranquilidade, reinaban ao peche desta edición á espera deste sábado dedicado á paella, que atraerá ás multitudes pachangueiras.

Os catro postos de polbo asentados nas inmediacións do hórreo de Naseiro -praza central dos festexos- prepararon máis de 1.000 quilos de produto, segundo informaron os propios propietarios dos botiquíns: Chelo Balseiro (Burela), Pedro Cao (Ponte de Pau, Alfoz), Cesáreo Eijo (Xove) e Bar Casabella (Ourol). O prezo do prato de polbo na festa ascendeu un euro con respecto a outros anos, chegando ata os 13 euros "porque tampouco te podes largar, pero a subida é maior nas lonxas", admitía a propia Chelo, que repartiu sobre 350 quilos só de polbo. Atrás quedan os anos cos dez euros ou menos por ración.

Os restauradores admiten que os seus consumidores seguen a respetar os días gastronómicos do Naseiro: venres de polbo, sábado de paella, domingo de callos, luns de caldo -para a resaca- e martes de sardiñada. "Nós servimos tódolos días iso menos o domingo que facemos lacón asado", dixo Cesáreo Eijo en tanto admite, coma o resto dos hostaleiros, que a ganancia ven polo conxunto da amplia oferta que completan con outros produtos coma o churrasco ou os calamares. O xeito de denominar aos postos ambulantes de comida e bebida na Mariña occidental é botiquín e é por algo... curan co que fai falla en cada momento preciso.

Contra as oito da tarde comezaban a chegar os romeiros eternos -cinco días non son pouco- e os que foron a pasar o día, pero non só a Naseiro senón ás pulperías de Viveiro. Nuria Vázquez, propietaria de O Panadeiro, en Verxeles, comentou que "para min é o mellor día do ano en canto a ventas, teño 600 quilos preparados, 150 racións están encargadas para levar e hai reservadas 80 mesas en varios turnos". En Naseiro, a última nota púxoa o grupo Montreal, con gran cantidade de público que se achegou trala inxesta popular.

Comentarios