David Amor: "Retranca é dúas veces tranca; o humor galego é Nacho Vidal"

David Amor xúntase en Lechazo á feira –sábado e domingo en Vigo e A Coruña– co mellor de cada casa do humor nun espectáculo no que comparte escenario con Touriñán, J.J. Vaquero e Álex Clavero
David Amor. SEBAS SENANDE
photo_camera David Amor. SEBAS SENANDE

David Amor, o home das mans xigantes, deixou o balonmán para triunfar no mundo do espectáculo grazas á súa perseverancia e un talento natural que a súa humildade non lle permite recoñecer.

Con esas mans ninguén se atreve a dicirlle que non no mundo da televisión. (Risas).
Saben que son pacífico e ademais axúdanme máis na comedia que na seriedade.

Veñen do balonmán?
Vir veñen da miña nai (risas). É xenética. Moita xente cre que teño as mans grandes de xogar ao balonmán pero non, hai xogadores con mans pequenas. Realmente non son tan grandes, son anchas, ao dar a man da moita impresión e dis: 'Estou agarrando máis carne da que me gustaría agarrar nestes momentos'.

Primeiro as mans e despois o deporte, entón.
rimeiro naceron as mans, despois viñen eu e despois chegou o balonmán. Ese foi o orde: mans, David, balonmán.

E por que non baloncesto?
Non era alto cando empecei no balonmán, tardei en medrar. De feito o meu avó facía unhas medidas na aldea e dixo: ‘Este rapaz vai ser pequeno’... non era un hacha o meu avó. Foi unha cousa rara, porque o balonmán era o deporte que peor se me daba despois do fútbol. Charly Taboada, un ilustrador amigo meu, dixo unha vez: ‘Non era o peor xogador do balonmán, pero case’.

Tan malo non sería se terminou xogando na liga Asobal e incluso sendo subcampión do mundo en etapa xuvenil.
Con 18 anos fomos aos Xogos Olímpicos de Moscú. De primeiras era moi malo pero despois, pola adicación, por medrar, a cousa empezou a ir mellor e converteuse nunha parte importante da miña vida en dúas épocas. Ata os 20 con moita dedicación, fichei por un equipo de Granada, pero retornei porque aquilo non era como prometía. Xa con 26 anos, o Teucro Pontevedra decidiu fichar xogadores locais e chegoume a oportunidade de xogar no pavillón ao que ía de pequeno. Conseguimos ascender e terminei xogando na Liga Asobal. Vin ata onde podía chegar e acabei priorizando a televisión desde entón. De feito deixei o balonmán o pasado ano!

María Castro é, ademais de amiga, unha das persoas que lle permitiron entrar na televisión. Foron dúas personas. Unha é María Castro, amiga e compañeira de facultade en Inef. Ela era moi boa estudante, eu non, e de feito creo que ela ten ata praza! Ela estaba nunha axencia de modelos e presentoume aos responsables. Eu non era guapo, pero si simpático. Sempre fago a mesma broma con María de que vou detrás dela pero sendo a marca branca. A outra persona foi Fran Hermida. Coñecino no Rei da comedia, na TVG, e díxome de traballar xuntos.

Como chegou a oportunidade nas canles nacionais?
Foi todo inconsciencia total. Sempre tiven curiosidade por saber como son as cousas. Non só coa tele. Traballei de repartidor por saber como era o de repartir pizzas. Estiven dez anos traballando na televisión sen saber que quería facer realmente. Pero xurdiu unha oportunidade en Madrid, en El club del chiste, e lanceime á piscina. Nese programa facíase unha sección que era como unha serie. Foi onde descubrín que quería ser actor. Foi a primeira vez que na televisión pensei: ‘Esto é o que quero facer’.

E dende aí, o puro éxito.
Non, que va. Estiven tres anos sen facer nada. O mundo da televisión é bastante conservador. Se eres o dos chistes, fas chistes e non podes facer outra cousa. Chegou unha oportunidade para Gym Tony e aí seguimos intentando deixar de ser o humorista.

Ía preguntar por famosos pero xa os coñeceu todos en Supermartes.
Foi unha escola moi boa porque despois xa nada te sorprendía. Pero acordo nunha estrea na que Pepe Viyuela pediume se me podía facer unha foto coa súa filla. Tiven moita sorte de traballar con xente moi boa. David Fernández, por exemplo, o Chiquilicuatre, que é moi difícil falar con el porque sempre che fai rir.

Onde non parou de rir seguro que foi en Tu cara me suena.
Paseino moi ben. Mentaliceime moito de que tiña que pasalo ben. Foi unha decisión difícil, son unha persoa que me gusta controlar o que fago sobre un escenario e eu cantar non sei. E aguantar tres minutos cantando sen saber non é nada fácil. Gustábame o programa de antes e pensei que non estaría mal estar. Foi marabilloso. Sentín moito respecto profesional. Eu facía propostas nas miñas actuacións e dicíanme: ‘Pois así se fai’. Estiven moi a gusto.

E agora Lechazo á feira con Touriñán, J.J. Vaquero e Álex Clavero. Por que?
Porque somos catro persoas con moita afinidade e con moitas ganas de verse. Estas cousas móntanse por iso. Clavero vive en Madrid, Vaquero en Valladolid, Touriñán entre A Coruña e Madrid e eu, en Pontevedra. Unha excusa para verse é poñer un día de traballo. A xente disfruta moito con catro estilos de humor moi distintos.

Onde o pasan mellor? Enriba do escenario ou fóra?
Depende da hora (risas). Arriba pásase moi ben. A xente sempre di: ‘Non che da medo, quedar en blanco, se non se rin...’. Pero é como si Messi ten medo a non dar dous toques ao balón. Non tes medo porque vas moi preparado. É o meu traballo.

Como define a retranca para quen non sabe o que é?
Fixemos unha vez unha charla moi interesante sobre iso con xente moi sesuda pero non me acordo da conclusión. Pero creo que retranca é dúas veces tranca e polo tanto o humor galego é Nacho Vidal.

Comentarios