O reto de Jorreto na Casa dos Lemos

Data do século XVI e representa a idiosincrasia arquitectónica máis antiga da vila, pertenceu á familia dos Eiriz sendo o seu último morador Joaquín María de Lemos, do que toma o seu nome. A súa restauración foi un reto para o arquitecto Gallego Jorrreto, que mantivo a esencia tradicional exterior cun interior vangardista.
Casa dos Lemos nos anos 40. ARCHIVO PARDO
photo_camera Casa dos Lemos nos anos 40. ARCHIVO PARDO

As primeiras conversacións entre Faustino Fernández (último propietario da Casa dos Lemos) e Sergio Vázquez Yebra (alcalde de Chantada entre 1983 a 1991) remóntanse ao ano 1984. Xa en novembro debía de estar todo apalabrado xa que a Subdirección Xeral do Patrimonio Artístico e Monumental acusa recibo dos planos e fotografías relativas á Casa de Lemos. En febreiro de 1985 as palabras de Faustino Fernández e a súa esposa María Emilia Gómez quedan seladas nun escrito onde doan gratuitamente ao Concello o inmoble de 352 metros cadrados en planta, baixos, piso e faiado. 

Por aquel entón estaban arrendados na casa Antonio Seijas Pérez e Josefa Penaherbosa Hermida, estando todo o demais sen cargas e gravames. No documento o matrimonio deixa constancia de que "querendo dar unha mostra de aprecio aos seus conveciños de Chantada, cos que senten profundamente vinculados por diversos lazos familiares, culturais e de amizade, cuxo destino será instalar unha casa de cultura ou centro sociocultural, conservatorio de música, sala de exposicións ou conferencias", indicando que terá que conservar o seu peculiar carácter histórico de antigüidade. 

En abril de 1985 subscríbese o Convenio coa Consellería de Educación e Cultura para rehabilitar e adaptar como casa da cultura conforme ao seguinte aproveitamento: "planta baixa sala de conferencias, servizos e pequena sala de exposicións, planta primeira museo e baixo cuberta unha biblioteca". En marzo de 1986 dita Consellería e a Dirección Xeral de Patrimonio Artístico e Monumental informan ao Concello que a empresa Industrias Rozas S.A. de Lugo é a empresa adxudicataria para a restauración e rehabilitación, a cal quedaría rescindida o 15 de maio. 

Faustino Fernández e Emilia Gómez cederon en 1985 de xeito gratuíto a casa ao Concello para que lle dese un uso cultural

Días máis tarde, o arquitecto carballinés José Manuel Gallego Jorreto (Premio Nacional de Arquitectura 2018) presenta o orzamento xeral cuxo importe total ascende a 39.776.530 pesetas. En novembro indemnízanse aos ocupantes da Casa de Lemos coas 500.000 pesetas solicitadas e en marzo de 1987 infórmase á Consellería de Cultura e Benestar Social sobre a licenza de obras cunhas taxas municipais "que deberán ser satisfeitas polo contratista de 729.906 pesetas". 

Plano de Jorreto dos alzados. ARCHIVO PARDOA Gallego Jorreto encárgaselle a redacción do proxecto o 8 de maio de 1985. Nos criterios e condicionantes o arquitecto sinala que "a valoración do grao de conservación ou de actuación é complexa, polo que esixe unha reflexión que termina na propia formulación do proxecto", establecendo para iso a conservación do volume (creando outro análogo), a restauración integral dos paramentos verticais de fachada e a conservación con reposicións de balcóns e corredores, e os elementos horizontais exteriores (teitos soportais). 

Ante tal desafío arquitectónico, Jorreto deixa claro na súa memoria que "o espazo xerado pola cuberta, que xurda da formalización construtiva dunha preexistente, presenta dificultades xa que a actual presenta alabeos e esborralles, lóxicos do seu propio proceso e sistema construtivo, a cuberta organízase atendendo ás dúas fachadas fundamentais, valorando a conservación dos grandes faldóns e a cumbreira de taja horizontal como elementos importantes da súa configuración".

Para o arquitecto o conxunto é moi pechado pola escaseza e ocos, xa que "se abre xustamente en cuberta acusando a rótula (lucernarios) que, por outra banda, servirán para iluminar a biblioteca (baixo cuberta) e a escaleira principal en oco de acceso, estes ocos exponse buscando acordar as dúas tramas existentes no proxecto, a de cuberta e a de planta baixa, a dos elementos sólidos que organizan o espazo, aceptando como elemento fundamental, os muros da primitiva casa que vai albergar o salón de actos e a Biblioteca, e que van mandar e xerar a trama e a orde do conxunto". 

A rehabilitación presupostouse en case 40 millóns de pesetas e a obra inaugurouse en 1990 cunha mostra escultórica

Gallego propón que a cuberta se independice coa orde que xera a súa propia trama marcada polas fachadas, realizando o proxecto en dúas fases. A primeira consistirá no "baleirado do interior do edificio e cuberta, restauración das fachadas, cuberta e forxados (teito de voo) e forxados de cuberta (sen cubrición)" e a segunda correspondente ao resto de obras necesarias, completándoa a de acabados: solados, pavimentos, pinturas, tratamentos e revestimentos, así como tratamento interior de cuberta (illamento e acabado interior), instalacións e amoblamento principal. 

Como consecuencia do seu significado urbano e de notorio carácter artístico, o baleirado do interior do edificio e cuberta propón "a conservación de certos muros existentes (da primitiva casa) que servirán para estruturar o conxunto, para definir espazos capaces de albergar as novas funcións"; en canto á restauración de fachada é cualificado de complexo e difícil solución optando "pola conservación íntegra (restauración) dos paramentos verticais de fachada, con substitución dos elementos horizontais: chans de soportais e naturalmente beirados e cuberta que soamente conservan a súa escala (dimensión) pero non a súa execución técnica".

En canto aos forxados de cuberta aconsellou expor a súa construción con estrutura metálica de máis fácil execución, maior esbeltez e máis acorde coa plasticidade formal da cuberta. Proxéctanse dos tipos de lucernarios, necesarios pola carencia de luz de espazo. 

Para executar a obra requiriuse adoptar medidas de carácter especial como as medidas de seguridade, prestar atención aos elementos para conservar ou repoñer as "fachadas, columnas e balconadas cos seus beirados que require apontoamentos delicados que non danen os elementos e que garantan a súa estabilidade" e as demolicións que esixiron un especial coidado. 

A obra inaugurouse o 19 de outubro de 1990 acollendo unha exposición do escultor Eduardo Rodríguez Osorio.

Más en Ribeira Sacra
Comentarios