O regreso dos cabezudos a Meira

Hai polo menos 40 anos os xigantes bailaban entre a xente para celebrar as patronais meiregas e este martes pola tarde volverán facelo  A Cofradía Nosa Señora do Pedregal é a encargada de traelos de volta. De momento, serán dous, por cuestión de cartos, pero o seu obxectivo é ir creando un bo grupo para os próximos anos 

O grupo de batukada, que estreou a confraría o ano pasado polas festas. EP
photo_camera O grupo de batukada, que estreou a confraría o ano pasado polas festas. EP

Calculan os que os recordan que hai máis de 40 anos que os cabezudos non percorren as rúas de Meira. E xa era hora de que volvesen. Eso foi o que pensaron os responsables da Cofradía Nosa Señora do Pedregal, que decidiron facelos regresar ás rúas e presentalos oficialmente nas festas patronais da vila. Non quedan nin fotografías deles. Só algunhas imaxes gravadas nas retinas dos que suman máis de catro décadas. 

"Facía moito tempo xa que non saían os cabezudos en Meira. Cando eu era cativa habíaos, acórdome pero era moi pequena", rememora Teresa Rielo, a presidenta dun colectivo que suma actualmente ao redor de 300 socios e que o ano que vén ten previsto organizar algo especial para celebrar a súa primeira década de historia. 

"Queriamos recuperar a tradición e darlle ese punto de ilusión aos máis pequenos", explica a presidenta da confraría meirega, mentres relata o proceso que os levou a apostar por novos deseños e non rescatar os antigos. "Os cabezudos orixinais estaban perdidos, ninguén sabía onde se podían atopar, imaxino que co tempo se foron deteriorando e se perderon, así que era imposible recuperalos", explica. 

Aí abríronse dúas opcións para eles, que seguían coa idea clara de darlle vida de novo a unha tradición esquecida: ou facelos de cero ou compralos novos. 

"A idea de facelos descartámola porque o presuposto que tiñamos non nos chegaba. Cada cabezudo coa súa roupa supoñía uns 2.000 euros e non tiñamos esa cantidade para facerlle fronte", indica Teresa. Contactaron cunha casa de Andalucía, especializada nos xigantes que chaman a atención de tódolos nenos —xa sexa por medo ou por curiosidade sempre hai unha resposta—, e compraron dúas cabezas, un investimento que supuxo un desembolso de 1.300 euros para a confraría meirega, que decidiu, para abaratar custos, facer talleres para encargarse da roupa. 

O pallaso, un dos cabezudos que sairá nas festas. EP

Unha das xigantes cabezas é dun paiaso ao que bautizaron como Valentín —elixiron ese santo porque a confraría meirega foi fundada no mes de febreiro—, e a outra é de princesa. Aínda non ten nome, pero este martes, ambas se presentarán ao público no seu primeiro paseo oficial. A partir das 20.30 horas, estarán acompañadas da batukada da confraría. 

A princesa, un dos novos cabezudos que sairá nas festas. EPE este mércores pola mañá, bailarán ao ritmo dunha charanga. "A idea é ir sumando máis cabezudos cada ano, para facer un grupiño que saia tódalas festas", adianta a presidenta da Cofradía Nosa Señora do Pedregal, que calcula que entre as cabezas, os ferros e a roupa cada xigante alcanza os 1.500 euros. 

OUTRAS PROPOSTAS. A confraría meirega é un colectivo dinámico que aposta por renovarse cada ano. Os cabezudos son a última proposta deste colectivo, pero non a única. 

Colaboran coa parroquia meirega e co cura Miguel Asorey no programa de actos de Semana Santa —participan en tres procesións e promoven unha exposición na igrexa—, no de Nadal —organizan un belén vivinte— ou nas alfombras florais por Corpus. Ademais teñen unha comida anual polas Letras Galegas e moito ritmo, xa que nestes anos crearon dúas agrupacións.

"O párroco propuxo crear unha tamborrada para presidir a procesión de Semana Santa hai catro anos e a todo o mundo lle gustou a idea", explica Fran García Canto, o director de ritmos. "Actualmente hai 30 e pico persoas e moitos nenos. Tiñan feito o desembolso nos instrumentos e o ano pasado ocorréusenos a idea de facer un grupo de música máis comercial, con ritmos latinos para as festas e creamos a batukada", di o director musical. "E aí naceu a historia  dos cabezudos", di. O xerme. 

O grupo, que encherá este martes as rúas de Meira de música, conta con integrantes de entre catro e 60 anos que estrearán nestas festas unha nova proposta. "Os ritmos latinos estarán combinados con música tradicional de gaitas", indica Fran, que asegura que o grupo ten moi boa aceptación. 

"Os nenos non teñen que ter grandes coñecementos musicais para estar na agrupación. Son ritmos máis improvisados. É un sistema de oído, eu toco cun silbato e eles imitan", di o que tamén é o director da banda de música municipal, que explica que os ensaios se inician medio ano antes da gran actuación. E este martes chegou ese día. Batukada con gaitas e cabezudos de paseo abrirán as festas meiregas. 

Comentarios