Opinión

Reflexións arredor da eutanasia

NA MAIOR parte dos casos a lexislación vai abrindo camiños ao ir un paso (ou máis) por diante das demandas e das expectativas da sociedade. Porén tamén hai casos nos que a sociedade vai a anos luz a respecto da lexislación vixente e iso fai que documentos tan básicos para un estado, como a constitución, poidan quedar obsoletos en temas como a monarquía (xa hai anos que o CIS non pregunta ao respecto porque sabe que o resultado é moi incómodo) ou a estrutura territorial. Outro tema no que hai un consenso social, e a nivel de partidos, bastante amplo (por non dicir abrumador) é o da eutanasia.

Hai xa moitos anos que todas as enquisas dan como maioritario o respaldo social á posibilidade dunha morte digna. O perfil das persoas que estaban a favor da eutanasia foi recollido en varios artigos como «home, mozo-adulto, con estudos superiores a secundaria, urbanita, non relixioso e de esquerdas». Estes dous últimos vectores tiveron moito peso á hora de intentar legalizar a eutanasia nos últimos tempos cando é un asunto que non debera depender nin de ideoloxías, nin de factores relixiosos. Deste xeito vemos como partidos de dereitas acaban de votar a favor de iniciar o percorrido parlamentario para despenalizar a eutanasia (Ciudadanos, PNV, JuntsxCat...) e os que votaron en contra fixérono máis por ser fieis á doutrina oficial da Igrexa católica (PP e Vox), ancorada nuns dogmas de fe que nada teñan que ver co pensamento de Xesucristo (como aseveran distintos e prestixiosos teólogos).

De aprobarse esta regulación, o Estado español converteríase no sexto país no mundo tras Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Canadá e Colombia. É indudábel que neste proceso de concienciación social foi crucial o caso do galego Ramón Sampedro, cos seus dous libros e os que se publicaron sobre a súa figura, xunto cos filmes ‘Condenado a vivir’ e ‘Mar adentro’, como tamén foi recentemente o caso de María José Carrasco, enferma terminal con esclerose múltiple, axudada a morrer por Ángel Fernández, o seu marido.

No proxecto de lei a eutanasia contemplarase como unha prestación pública ofertada nos centros sanitarios (públicos e privados) ou no domicilio privado do doente. A lei non obrigará aos médicos a realizala, podendo acollerse ao dereito de obxección de conciencia. A eutanasia poderá ser solicitada polos maiores de idade que sufran unha enfermidade incurábel ou unha doenza grave, crónica e invalidante. O proceso estará supervisado por unha serie de médicos seguindo un protocolo que asegure a vontade do doente, nun procedemento totalmente garantista.

Hai xa tres anos que me animei a facer a inscrición do documento de instrucións previas. Este é un rexistro onde toda persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e o destino final do seu corpo e dos seus órganos, co fin de que esta sexa respectada no momento en que por determinadas circunstancias non poda expresala persoalmente. A día de hoxe hai xa preto de 9.500 documentos inscritos en Galiza, sendo o prototipo do asinante unha muller (63%) de 58 anos e da provincia da Coruña (48%). Nese documento, e facendo unha previsión do que supuña que máis cedo que tarde ía acontecer, pedinlle ao funcionario que me rexistrou as instrucións previas que fixese constar en observacións que cando for legal, e chegado o momento oportuno, se me aplicase a eutanasia. Tal e como comezou o seu percorrido parlamentario, este proxecto de lei non admitiría este suposto, pero quen sabe os cambios que sufrirá a lexislación ao respecto nos vindeiros anos!

Comentarios