Un recanteiro meirego para cantar pola Terra Chá en 'Luar'

Jose Andrade formará parte do elenco do concurso da TVG, que comeza este venres 11
Jose Andrade. EP
photo_camera Jose Andrade. EP

"Á terceira foi a vencida", di un ilusionado Jose Andrade, o novo representante da comarca da Terra Chá no concurso Recantos do programa Luar, cando está a piques de comezar a súa andaina musical fronte ás cámaras, este vindeiro venres, día 11.

Xunto a outros 19 compañeiros, este meirego de 24 anos forma parte dun elenco que se enfrontará a cancións de calquera estilo, algo ao que non lle ten medo. "Gústanme as baladas e os temas románticos, pero ao mellor descubro que noutros estilos tamén me desenvolvo ben", explica un mozo que non ten experiencia en orquestras ou grupos, pero sóbranlle ganas e a confianza de saber que cantar é o que lle gusta. E máis na televisión.

"Canto dende sempre, pero nunca me imaxinei entrar en Recantos. É a terceira vez que me presentaba e aínda estou que non mo creo", asegura Jose, mentres relata que non é a primeira vez que se enfronta ás cámaras: "Xa estiven en "Cámbiame", aínda que non saín en pantalla, en Bamboleo, en Land Rober e en Gaña a túa sorte e, proximamente, emitirase o capítulo no que participo en Imos de feira".

O representante da Terra Chá prevé actuar en Recantos no mes de outubro, "polo menos non é tanta presión coma ser o primeiro", apunta, e entón será cando se expoña ás valoracións do xurado, para as que vai preparado. "Andrade é o que ten ese punto máis "cañero", polo que me poida dicir no momento, pero é iso ao que imos, a que nos dean a súa opinión", afirma o recanteiro, confiado en que o concurso se convirta nunha plataforma na que darse a coñecer. E se grazas a ela aparecen novas oportunidades, "non dubidaría en deixar as empanadas polo micro", di entre risas Jose, que actualmente traballa no sector da panadaría.

Jose Andrade chega a Luar coa firme convicción de "pasalo ben, intentar o máximo posible e demostrar que vallo para estar aí", para que os veciños da Terra Chá e de máis alá teñan claro o seu voto, aínda que é consciente de que "moito depende do que lle transmitas á xente, non é só a voz".

Con todo, o soño de Jose comeza a facerse realidade, en boa parte grazas á insistencia dunha amiga, a responsable de que tres anos despois de presentarse por primeira vez a Recantos, toda Galicia e parte de Portugal poida comprobar que a música é o del.

Comentarios