Opinión

Reboiras, unha icona da resistencia galega

Cartel de 'Reboiras. Acción e corazón'. REBOIRAS.GAL
photo_camera Cartel de 'Reboiras. Acción e corazón'. REBOIRAS.GAL

TODOS OS anos, dende o 1975, a UPG preocúpase por manter acesa a imaxe de Xosé Ramón Reboiras Noia, coñecido como Moncho Reboiras. Un tributo que se mantén ano tras ano arredor do 12 de agosto en Ferrol, onde el foi asasinado hai 45 anos pola policía franquista. O tiroteo da que sería a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza truncou a vida dun líder afouto e entregado á causa nacional galega que este venres tería 70 anos, pero foi o nacemento dun mártir que guiaría á mocidade nacionalista durante décadas.

Moncho naceu no concello de Dodro no seu dunha familia labrega. De novo, a familia trasladouse ata Vigo e mentres o seu pai embarcou a súa nai dedicouse a atender o bar Noia onde Moncho tamén colaboraba. Estuda o bacharelato e matricúlase na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo onde ademais de obter o título con boas cualificacións forxa o seu carácter e a súa ideoloxía, participando de xeito activo nas reivindicacións do estudantado contra un réxime que asoballaba cultural e economicamente a nosa nación. Nesa época Moncho forma parte da asociación cultural O Castro onde realiza coa mocidade da época un intenso labor cultural de concienciación e no 1969 ingresa como militante na UPG.

Rematada a carreira entra en contacto coas masas obreiras no estaleiro Barreras. Nese intre Moncho coñece os mecanismos de explotación do capitalismo e ten dous camiños por diante, acomodarse nunha profesión que lle depararía un futuro económico próspero para el e para a súa familia ou poñer os seus coñecementos, e directamente a súa vida, no traballo de organizar á sociedade galega co fin de acadar a emancipación nacional. A escolla é clara e na folga de setembro de 1972 xoga un papel organizativo claro tendo que abandonar Barreras como medida represiva.

A partires dese intre Moncho entrégase totalmente á causa e comeza a organizar a Fronte Cultural Galega e o sindicalismo galego da época (sería o xerme primitivo do que hoxe é a CIG). En agosto de 1975 estando en Ferrol a Brigada Político Social (BPS) realiza un control en Canido. Unha morea de policías rodea o edificio onde está Moncho acompañado doutros dous compañeiros nacionalistas. Escapan por separado e despois dunha longa persecución polas rúas de Ferrol a policía abáteo con varios tiros nas costas nun portal da rúa da Terra. Os compañeiros logran salvar a vida pero sufrirán ao igual que o resto da mocidade implicada da época unha represión brutal típica dun réxime putrefacto que comeza a dar as últimas sacudidas.

A vida de Moncho Reboiras, contada a partires de 28 testemuñas e unha recreación do que foron as últimas horas, é o obxectivo do documental Reboiras. Acción e corazón do director Alberte Mera, que dende o 45 aniversario do seu pasamento está proxectándose por toda a nación. Esta fin de semana tocoulle a Lugo nos cinemas Codex (que magnífico traballo están a realizar para traer cinema galego e cinema non comercial!), onde tiven a oportunidade de saborear o filme, dunha hora de duración, nunha sala ateigada pero respectando as limitacións impostas pola Covid-19. A oportunidade de achegarnos a unha figura histórica de relevancia do nacionalismo galego que bautiza a fundación para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza constituída pola CIG en maio de 2004. Un home solidario, de conviccións firmes, bo compañeiro que deu a vida por unha sociedade máis xusta e libre.

Comentarios