Ramón Carballo: "Puídose interpretar que non tiña ganas, pero non é así; isto sen ganas non se gaña"

► Veterinario de profesión, con tres décadas de militancia no PP, hai pouco máis dun ano asumiu a dirección local do partido para intentar pacificalo e agora acepta o reto de intentar recuperar a alcaldía da capital. di que, a diferencia doutras ocasións, poñerá "toda a carne no asador"
 

Ramón Carballo. XESÚS PONTE
photo_camera Ramón Carballo. XESÚS PONTE

Ramón Carballo quere ser alcalde? Xa sabe o que din por aí...

Non sei o que din... 

Sabe, sabe.

O que digo é que cando dou un paso adiante é con toda a ilusión e responsabilidade. Sempre dixen que no seu momento. Púidose interpretar que non tiña ganas? Puido...

Non cre que lle perxudicou non ter aproveitado este tempo?

En absoluto. Non me gusta tomar decisións por anticipado, non tiña sentido que me proclamara, se despois o partido ao mellor tomaba outra decisión. E dende a Subdelegación do Goberno tampouco me gustaba involucrarme en temas de política municipal.

Foi alcaldable en Pedrafita e na Fonsagrada. Á terceira vai a vencida? Ou non hai dúas sen tres?

Pois non o sei. No 87 acabara a carreira, empezara a traballar alí e naquel momento se algo me preocupaba era a miña profesión, non ser político, e eso sabíao o partido. Tivemos moi bo resultado, pero probablemente se me houbera involucrado máis poderíamos ter gañado as eleccións. Para min a política sempre foi unha segunda actividade, nunca pretendín vivir dela. Estiven onde se me pediu.

"Teño experiencia para desbloquear os temas de personal no Concello, onde os traballadores teñen que fichar"

Pois leva moitos anos en política.

Se cargos políticos lle chama a ser xefe territorial ou dos servizos veterinarios… Son prazas de funcionarios en comisión. Eu cargos políticos considéroos o de subdelegado e deputado autonómico.

Cre que é coñecido en Lugo?

Haberá moitos lucenses que non me coñecen, pero temos tempo a proxectar a miña imaxe. Pero tampouco son un descoñecido. Levo en Lugo dende os once anos.

Carballo texto Nos últimos anos, o PP obtivo en Lugo os mellores resultados das urbes galegas (estivo ás portas da alcaldía) e agora volve a ter esperanza en Lugo. Moita presión?

Supón un desafío ilusionante. Isto sen ganas non se gaña. Vou poñer toda a carne no asador. Voume involucrar para ter o mellor resultado. Se é maioría, será goberno do PP. Se non, trataremos de ter o mellor resultado sempre pensando en gobernar, en facer un cambio, esta cidade necesítao.

Que tal se leva con Olga Louzao [candidata de Cs? Vea como a súa tenente de alcalde?

Non vamos a adiantar nada. Os lucenses terán a palabra o 10 de xuño. Despois poderá haber as combinancións que haxa. Dialogarei con tódolos grupos.

Dialogará ou podería chegar a pactar con grupos de esquerdas?

Non será fácil, por suposto que non, pero pola miña parte... O que pasa é que entre eles mesmos non foron capaces de facer un goberno. O único obxectivo foi que non gobernara o PP. Polo tanto, para estar no meu goberno terían que ter intención de gobernar, e non sei se estarían dispostos.

Ten experiencia municipal de oposición nunha época e nuns concellos moi distintos a Lugo e de xestión en áreas e en administracións que tampouco se parecen ó Concello da capital. É o precedente que tiña a actual alcaldesa e pesoulle. Podería sucederlle o mesmo?

Non é comparable. Coñezo a administración por dentro bastante ben, a función pública e o procedemento administrativo. Tes que chegar a acordo con comités de empresa para poder pactar RPTs e o que faga falta. Teño experiencia nese terreo para intentar desbloquear o tema de persoal.

Como o enfocará?

Hai que actualizar a RPT e facer unha reestruturación.

Reto de tódolos gobernos...

Este o que intentou foi arranxar unha RPT en función de certos colectivos. E ten que ser de todos.

Non comparte a proposta, que beneficia a sectores con peso?

Ten que ser para todos. Se ese colectivo precisa un tratamento especial hai que demostralo e irá na RPT, pero tamén o dos outros. Levei persoal en Medio Rural onde a xefatura ten máis ou menos os mesmos traballadores que o Concello. Fíxose un esforzo daquela pola paz social e por respectar os dereitos dos traballadores. Pero estes teñen unhas obrigas e é responsabilidade de quen dirixe  que cumpran co traballo e co horario.

Cre que non é así? Deben fichar?

Como en todos os lados, hai xente que cumpre e xente que non. A maioría dos funcionarios son cumpridores e traballadores, pero hai que estimulalos. E hai que ter un control de entrada e saída.

Asumiu a dirección local do partido como unha figura de consenso para pechar as feridas que deixara o congreso provincial e o enfrontamento entre o exportavoz e o edil Enrique Rozas. Como o recibiron?

Recibíronme magnificamente, creo que cos brazos abertos, só tiven facilidades por parte de todos. A sensación é que era unha ilusión, unha nova etapa. En ningún momento percibín división.

Xa sabemos que falta moito para que se coñeza a lista, pero que perfís lle gustan?

E non me diga iso de experiencia e renovación. Direillo tamén, pero creo que temos que aproveitar a xente que  coñeza as necesidades de Lugo e se queira involucrar, que non veña á lista a aparecer.

Que cidade quere vostede?

Quero unha cidade ordenada Agora a sensación é de falta de aseo urbano e o problema da mobilidade é sangrante.

Restaurará a Ora?

Un sistema de Ora é necesario. Gratuíto ou de pago? Eu son partidario de gratuíto.

Que proxecto de cidade ten?

A cidade medrou, empeza a ter moito turista, e non se lle está dando resposta, hai que mellorar os servizos, empezando polos municipais. E non se está facendo chamamento, a xente chega por outras vías, hai que aproveitar o turismo da provincia.

Levamos anos de enfrontamento entre a Xunta e o Concello e a cidade resíntese. Cre que é imprescindible que sexan do mesmo partido para que iso non suceda?

Non. Hai exemplos de alcaldes de distinta cor cá Xunta que se manexaron perfectamente na súa cidade. En min non van encontrar enfrontamento. Pero a esta alcaldesa dende o primeiro día parécelle que a mellor defensa é o ataque, botar a culpa aos demais.

Algunha responsabilidade terán tamén os demais.

Terán, pero se alguén se pon en frente en todo... Que pasa coa praia fluvial? Parécelle que se lle pode botar a culpa á Confederación, a Medio Ambiente... cando nunca se iniciou un expediente en tempo e se continuou?

É estendida a opinión de que a xestión que fixo a Xunta e o PP do tema da Hemodinámica impediu que gobernara en Lugo. O servizo segue sen funcionar 24 horas. Volverá a ser un lastre?

Puido influír, pero temos que ser quen de vender o que fixo a Xunta pola sanidade nesta cidade.  Chegamos a un acordo de que os informes técnicos irían marcando os tempos.

Os informes xa din que hai volume de pacientes para as 24 horas.

Imos intentar que iso funcione, eu son defensor acérrimo.

Ten máster?

Non, e non é porque non mo ofreceran, pero non tiña tempo.

Ofrecéronllo?

Quero dicir, alguén que o facía dicíache por que non o fas...

E agora será un alivio.

Faríao ben, non o dubide.
 

Comentarios