Quen é quen? O xogo dos persoeiros

Mestres, poetas, pintores, xornalistas, avogados e ata un sacerdote revolucionario son os nomes que se agochan detrás das denominacións dos colexios e institudos de Terra Chá, Meira e As Pontes

Os nomes propios inundan os colexios e institutos da Terra Chá, Meira e As Pontes. Moitos deses persoeiros que se agochan detrás destas denominacións son un auténtico misterio para o propio alumnado e para a veciñanza en xeral.

Entre eles hai mestres, avogados, xornalistas, poetas, escritores e ata un sacerdote revolucionario. Persoas con relevancia a nivel local ou nacional, mulleres e homes, coetáneos ou non, e mesmo algún que aínda vive. Animádesvos a xogar ao quen é quen?

Dos 29 centros de educación infantil, primaria e secundaria das tres comarcas, ao redor do 45% levan nome propio. Se hai un concello que teña o título por cantidade ese é Vilalba, onde catro dos seis centros escolares recordan a algún ilustre veciño.

Eses nomes repetidos xa por varias xeracións son o pintor Antonio Insua Bermúdez, o escritor e historiador Manuel Mato Vizoso -tamén foi secretario do xulgado municipal de Vilalba- e os avogados Santiago Basanta Silva e Lois Peña Novo.

Castro de Rei é o segundo municipio con máis representación de persoeiros. O avogado Ramón Falcón e o escritor e xornalista Xosé Trapero Pardo, os dous naturais do municipio, son dous dos exemplos. A eles súmase un terceiro, que moitos consideran que fai referencia a unha única persoa. Nada máis lonxe da realidade.

Detrás de Veleiro Docampo, o colexio de Castro de Ribeiras de Lea, está o matrimonio formado por Caridad e Emilio, que exerceron de mestres durante máis de catro décadas en diferentes centros da provincia de Lugo. Ela si era da vila, el de fóra.

En Abadín, decidiron render homenaxe a un ilustre veciño, Aquilino Iglesia Alvariño, natural da parroquia de Vilarente. E seguindo a estela de poetas, tamén fixeron o propio en Guitiriz con Xosé María Díaz Castro, ou en Meira, con Avelino Díaz, que aínda que naceu na Órrea (Riotorto) pasou algúns anos da súa infancia nesta vila ata que emigrou.

Hai outros centros que se decantaron por homenaxear a personaxes de fóra das súas fronteiras. É o caso do Ceip Rosalía de Castro de Pol unha das primeiras mulleres que lle deu nome a un centro da volta ou o párroco revolucionario Moncho Valcarce, que aínda que non era natural das Pontes, exerceu docencia neste instituto, onde deixou unha fonda pegada entre compañeiros e alumnos da época.

Un dos últimos en sumarse á longa lista de centros con nome propio foi o colexio de Muras. A pedagoga Antía Cal, coñecida como Tita, recibiu o cariño dos veciños e alumnos do centro murés nunha homenaxe multitudinaria que se celebrou hai tres anos.

A todos estes exemplos hai que engadir outros dous, aínda que as portas pechasen para sempre. Castelao era o persoeiro que lle daba nome ao colexio de Belesar (Vilalba), que dixo adeus hai dous cursos, e o filólogo Aníbal Otero foi durante anos a denominación do centro de Ribeira de Piquín, unha instalación que pasará proximamente a albergar un centro de día.

E OS DEMAIS? O resto de centros da volta que non fan referencia a ningunha persoa decantáronse por render tributo a lugares como é o caso dos colexios de Bretoña, Baamonde, Muimenta, Xermade ou o Monseivane (Lanzós) e o Terra Chá (Román), paraxes naturais como o Pedregal de Irimia, en Meira; A Fraga, nas Pontes; ou Fonmiñá, na Pastoriza ou a algunha virxe como a do Corpiño de Begonte ou a do Monte de Cospeito.

En imaxes
Antía Cal. CRISTINA ARIASMURAS ANTÍA CAL
A súa familia, orixinaria de Muras, emigrou a Cuba, onde naceu Antía. Logo retornou a Vigo e en 1961 abriu na Rúa Pizarro a Escola Rosalía de Castro, na que se impartía unha educación bilingüe e laica. En 2015 recibiu o título de Filla Adoptiva e dende entón o centro escolar leva o seu nome.
 

Antonio Insua Bermúdez. EPVILALBA INSUA BERMÚDEZ
Natural de Goiriz, Antonio Insua Bermúdez estudou na escola de San Fernando, onde obtivo o título de profesor de debuxo. En 1934 expuxo conxuntamente con figuras eminentes como Solana ou Vázquez Díaz, en Madrid. Morreu en Vilalba en 1953, onde un dos centros leva o seu nome.
 

Xosé María Díaz Castro. AEP
GUITIRIZ DÍAZ CASTRO
O autor de 'Nimbos', que na imaxe posa xunto a Manuel María, é recordado polo instituto de Guitiriz. Un centro que impulsou a súa figura xunto a outras entidades locais, para que a Real Academia Galega o recoñecese no día das Letras Galegas de 2014. Faleceu en Lugo en 1990.
 

Xosé Trapero Pardo. AEPCASTRO DE REI TRAPERO PARDO
Xosé Trapero Pardo, que dá nome ao instituto de Castro, foi escritor e xornalista. Traballou para El Progreso, onde se xubilou no 72. Redactou as historias de Pelúdez, que creara Antonio de Cora. Na imaxe está xunto a José de Cora na entrega de premios do Anxel Fole. Faleceu en Lugo no 95.

 

Rosalía de Castro. AEPPOL ROSALÍA DE CASTRO
'Cantares gallegos' e 'Follas novas' son as grandes obras de refernecia dunha poetisa que, aínda que non tivo vínculo coa Terra Chá, si fixo unha defensa a ultranza da Galicia Rural. O único centro educativo de Pol leva o seu nome.
 

Moncho Valcarce. AEPAS PONTES MONCHO VALCARCE
Coñecido como o cura das Encrobas pola súa participación nun conflito coa empresa Lignitos de Meirama, exerceu de profesor no instituto pontés que leva o seu nome. Vencellado ao nacionalismo, pasou en varias ocasións pola cárcere. Morreu na Coruña en 1993.

 

Aquilino Iglesia Alvariño. AEPABADÍN IGLESIA ALVARIÑO
O autor de 'Cómaros verdes', recoñecido por moitos como o primeiro libro publicado en galego despois da guerra, dá nome ao centro de Abadín, de onde era natural. Foi membro da Real Academia Galega ata a súa morte en Compostela en 1961.
 

Manuel Mato Vizoso. IESCHAVILALBA MATO VIZOSO
Secretario do xulgado municipal de Vilalba, localidade onde naceu en 1846, Manuel Mato Vizoso tamén exerceu de historiador, poeta e xornalista autodidacta. Fundou e dirixiu El Eco de Villalba e foi membro da Real Academia Galega. Faleceu en 1909.
 

Caridad Docampo. AEPCASTRO DE REI VELEIRO DOCAMPO
A mestra Caridad Docampo, natural de Castro de Rei, dá nome xunto ao seu home, Emiliio Veleiro de Francisco, ao colexio de Castro. É a única muller que conta co recoñecemento de Filla Predilecta na Terra Chá, compartido con Veleiro, Fillo Adoptivo da vila.
 

Avelino Díaz. AEPMEIRA AVELINO DÍAZ
En 2016 oficializouse o cambio de denominación do colexio de Meira, que pasou a chamarse Avelino Díaz, en recordo dun humilde poeta emigrado a Bos Aires, onde morreu no 71. 'Debezos' é a obra máis coñecida do Poeta de Meira, polo que pelexan para que se lle dedique un Día das Letras Galegas.
 

Lois Peña Novo. BEN CHO SEIVILALBA LOIS PEÑA NOVO
Nado en Vilalba en 1893, Lois Peña Novo estudou Dereito e fundou, en 1916, a primeira Iramandade da Fala. Foi o primeiro concelleiro electo nunha candidatura nacionalista en Galicia, na cidade da Coruña. Morreu en 1967 en Outeiro de Rei nun accidente de tráfico.
 

Ramón Falcón. AEPCASTRO DE REI RAMÓN FALCÓN
Nado nunha aldea de Castro de Rei en 1924, Ramón Falcón (á esqueda na imaxe) licenciouse en Dereito en Madrid. Exerceu como docente e foi subdirector xeral de Belas Artes (1965), etapa na que foron restauradas as murallas romanas de Lugo.

Comentarios