Oito queixos lucenses, galardoados nas Catas de Galicia 2018

Feijóo destacou que tanto o Arzúa-Ulloa como o Queixo de Tetilla están colocados nas primeiras posicións do ranking de queixos nacionais

As empresas que recibiron os galardóns de ouro nas catas de queixos e mel. XUNTA
photo_camera As empresas que recibiron os galardóns de ouro nas catas de queixos e mel. XUNTA

Oito queixos lucenses foron premiados na XXI edición de Cata dos Queixos de Galicia celebrada este martes en Santiago.

A empresa vilalbesa Crisanto logrou dous ouros polos queixos Don Crisanto, das variedades tetilla e San Simón da Costa, respectivamente. A firma Daniberto, tamén con sede en Vilalba, conseguiu dous bronces tamén con queixos desas dúas denominacións de orixe. Nesta localidade tamén foi premiada a empresa Fontelas, que logrou a prata polo seu San Simón da Costa.

A organización tamén premiou o Arzúa-Ulloa curado de Artelac, que logrou a distinción de outro. Da denominación de orixe Cebreiro foron galardoados Gran Despensa Real Abadía de Samos e Sto André, de Castroverde.

SECTOR ESTRATÉXICO. Alberto Núñez Feijóo, que presidiu o evento, apostou pola transformación dos produtos alimentarios galegos para crear valor engadido. Na súa intervención, o presidente galego aludiu ao investimento de 80 millóns de euros que a Xunta leva a cabo no últimos tres anos e da cal unha parte importante van destinadas a apoiar iniciativas vinculadas ao sector lácteo, un dos considerados estratéxicos da comunidade.

Como exemplo referiuse á gran planta de transformación que constrúe Inleit en Curtis; á nova liña de produción de queixos de Entrepinares en Vilalba, e á ampliación da planta de Leite Celta en Pontedeume para elaborar leite pasteurizada.

De igual forma, destacou tamén a importancia da innovación, ao lembrar que en xaneiro de 2019 porase en marcha a primeira aceleradora galega do sector da alimentación para tratar de consolidar ás compañías innovadoras neste sector, baixo tres obxectivos: captar e reter talento, fortalecer o posicionamento dos produtos alimentarios, e incrementar a súa proxección internacional.

Así mesmo, subliñou a creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para promover e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios amparados baixo estes indicativos, así como da área de Calidade Alimentaria específica con rango de subdirección, que terá como obxectivo ser o interlocutor coas denominacións de orixe e indicacións xeográficas.

Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou o valor total da produción certificada, superior aos 400 millóns de euros, dos cales dixo que preto do 10% corresponden a queixos e meles, cun número de produtores en activo que chega aos 23.000.

Tamén se referiu ao volume total de produción de mel certificado en España e indicou que a comunidade galega representa máis do 64%, sinalando que a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia alcanzou un valor económico superior aos 2 millóns de euros, mentres que o catro denominacións de orixe queseras superaron os 34 millóns.

Feijóo destacou que tanto o Arzúa-Ulloa como o Queixo de Tetilla están colocados nas primeiras posicións do ranking de queixos nacionais: por produto comercializado atópanse no segundo e cuarto posto respectivamente, mentres que por valor económico están no segundo e no quinto respectivamente. 
 

181218_listado gañadores catas queixos e meles

Comentarios