Xermade

Protección Civil, un servizo necesario

▶ A agrupación de Xermade, que se constituíu en 2014 e iniciou a súa actividade en 2016, participou en máis de 80 operativos este ano
▶ A entidade, que suma máis dunha ducia de voluntarios, colabora en accidentes, emerxencias ou na recuperación de animais
Membros da agrupación de Xermade diante do consistorio. M.MANCEBO
photo_camera Membros da agrupación de Xermade diante do consistorio. M.MANCEBO

A agrupación de Protección Civil de Xermade converteuse nos últimos anos nun servizo necesario no día a día dos veciños, que recorren aos seus voluntarios sempre que teñen algunha incidencia ou emerxencia.

A entidade constituíse en 2014, pero non foi ata case dous anos despois cando comezou a operar de maneira ininterrompida as 24 horas do día

"Estaba creada con anterioridad, pero sin un plan estratégico de actuación", recorda o rexedor, Roberto García, quen lembra tamén como ao principio eran unhas oito as persoas que colaboraban desinteresadamente co servizo, un número que foi crecendo pouco a pouco co tempo.

Actualmente son un total de 14 os voluntarios que participan de maneira activa nos operativos nos que se require a súa presenza dentro do termo municipal de Xermade, pero tamén fóra del, e que van dende rescates de animais abandonados ou perdidos, a accidentes de tráfico, pasando pola busca de persoas desaparecidas, sinalizacións en todo tipo de eventos ou a colaboración en incidencias sanitarias ou en problemas causados polo temporal, por exemplo. 

OPERATIVOS. Neste último ano que está a piques de concluír, a agrupación de Protección Civil de Xermade participou en máis de 80 operativos, aos que destinou un total de 785 horas de traballo, segundo se desprende da memoria anual que elabora a entidade. 

Así, colaborou en seis intervencións para recuperar animais, en 13 actividades culturais ou deportivas en distintos recunchos da comarca, como por exemplo, na Ruta BTT Queixo de San Simón de Vilalba, no Northwest Triman Ironman das Pontes, no Festival de Pardiñas de Guitiriz, ou no Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, entre outros moitos.

Os seus voluntarios tamén interviron en 39 accidentes de tráfico, en cinco incidencias de circulación, noutros 17 operativos por temporal ou incendios e tamén deron apoio en dúas asistencias sanitarias.

"Es un lujo para Xermade, y especialmente para los vecinos, que siempre haya alguien disponible para intervenir y coordinar un operativo en caso de que se produzca alguna situación de emergencia. Y hacerlo sin cobrar por ello, es digno de valorar", afirma Roberto García, quen recorda que coa axuda de distintas administracións, a agrupación foi ampliando os materiais e equipos para as súas intervencións.

Actualmente, a agrupación xermadesa dispón dun amplo parque móbil. Así, conta cun furgón de usos múltiples, unha bomba urbana lixeira e un remolque de emerxencias.
"Somos un grupo de apoyo para aquellos casos donde los bomberos o la policía se puedan ver saturados", explican os voluntarios, conscientes da importancia da súa figura en situacións complexas, pero tamén do necesaria que é a súa formación para intervir da mellor maneira posible e axudar así aos seus veciños.

Comentarios