A produción de eucalipto e Ence

A actividade de Ence en Galicia leva tempo nunha situación de incerteza que conviña se fora clarexando. As súas instalacións están asentadas sobre unha concesión que remata no ano 2018 e en principio non vai ter prorrogado ese prazo, pero ao mesmo tempo non hai unha localización alternativa definida e polo tanto un proxecto para a súa nova instalación industrial.

As incertezas ligadas ao futuro da planta de Lourizán e da súa localización alternativa en Galicia, que levan xa uns anos sen resolver, afecta ao meu entender a dous asuntos importantes da nosa economía: á produción forestal e á nosa actividade industrial. Pode
que aínda se manteña aberto un debate sobre as plantacións de eucalipto. Pode que algúns tiveramos preferido un modelo máis diversificado de produción forestal e que lamentemos a falta de ordenación e de certo caos coa que se fixeran na década dos noventa plantacións de eucalipto nas terras de cultivo, apoiadas en moitos casos en subvencións públicas da Xunta. Pero a realidade que temos diante de nós é que os eucaliptos ocupan unhas 350 mil hectáreas, que equivalen ao 12% da superficie total e nos últimos anos as súas cortas foron superiores a uns 2,7 millóns de toneladas, aportando case a metade da madeira galega. E esta importante superficie forestal ten que ter unha saída e unha transformación industrial acorde ao seu peso. As incertezas existentes sobre a actividade de Ence en Galicia están afectando ao seu futuro. O cambio de localización nunha actividade industrial como a fabricación de pasta de celulosa require non só de investimentos moi elevados, senón tamén dun período relativamente longo de tempo ata que esas novas instalacións estean operativas. Sería moi difícil que aínda que agora se dispuxera dese novo emprazamento a súa actividade puidera comezar antes dese ano 2015.

Nesta situación de incerteza Ence está concentrando os novos investimentos na súa planta de Navia. Esa potenciación da súa fábrica asturiana pode relegar e mesmo chegar a desbotar o comezo dun novo proxecto industrial en Galicia. E a este factor se engade
outro non menos importante como é a desvinculación de Galicia dos principais accionistas de Ence despois da venda da súa participación por parte de Caixa Galicia.

Ter un peso destacado na produción, sendo Galicia a primeira zona produtora na Península
Ibérica, sen darlle a continuidade axeitada na fase industrial, que ten o seu destino principal na pasta de celulosa, debilita a súa posición futura. Habería que evitar un mal resultado. Que as instalacións de Ence en Pontevedra non tiveran un emprazamento alternativo en
Galicia e que a nosa produción fora industrializada en Asturias ou en Portugal. Nese caso non só perderiamos o emprego e o valor xerado na industria, senón que estariamos debilitando tamén a produción forestal. E en vez de acadar o ansiado peche do ciclo
coa fabricación de papel, perderiamos tamén a produción industrial de pasta que nas últimas décadas tivo unha posición relevante na economía galega.

Comentarios