A primeira festa romana e castrexa de Friol logra congregar a 25 asociacións

Co nome de Friulio, este evento enmárcase na XXV Festa do Queixo, que se celebra este domingo ►O paseo do Narla foi escenario de recreacións históricas que se prolongaron ao longo do día
Membros da Cohors III Lucensium, de Tierra Quemada.
photo_camera Membros da Cohors III Lucensium, de Tierra Quemada.

O preámbulo do vintecinco aniversario da Festa do Queixo e Pan de Ousá, que este domingo celebra o municipio friolés, tivo sabor de recreación histórica. Un total de 25 asociacións procedentes de toda Galicia e do resto do Estado apoiaron onte a celebración da primeira edición da festa castrexa e romana de Friol, o Friulio, á que tamén se sumaron centos de visitantes e veciños.

Dende as 11 da mañá, o paseo fluvial do Río Narla puido recorrerse en dúas direccións en función do destino: o poboado castrexo ou o campamento romano. Entre un e outro, ducias de artesáns de toda Galicia expoñían as súas creacións de coiro, fieltro, produtos de alimentación ou instrumentos musicais, co son que aportaban as agrupacións de música tradicional.

O entorno fluvial tamén foi escenario privilexiado da escaramuza castrexo romana ás 13 horas, un dos momentos máis esperados da xornada, onde loitadores dun e doutro bando mediron as súas forzas. Pero o espíritu bélico non durou moito e a batalla quedou nunha aperta entre os membros da Cohors III Lucensium e os Mercenarios Galaicos.

Ás 14 horas, todos os participantes enchían a carpa habilitada na Praza de España para presenciar a entrega de obsequios ás asociacións colaboradoras por parte do xornalista friolés David Espiño.

O primeiro Friulio contou coa presenza de 25 membros da asociación Tierra Quemada, que se desprazaron dende Soria

Especiais ovacións tivo a Asociación Cultural Celtibérica Tierra Quemada, procedente de Soria, e da que se desprazaron 25 membros para apoiar esta primeira edición dunha festa que aspira a consolidarse no calendario friolés.

O maior clamor foi, sen embargo, para a asociación organizadora do evento, A Castronela, da que Espiño destacou o "sentimento e a paixón" para montar "todo isto". Tamén o alcalde, José Ángel Santos, suliñou o labor desta asociación organizadora dos festexos xunto co Concello, e agradeceu a presencia de todas as entidades que colaboraron no evento e de todos os asistentes.

Despois da sesión vermú e da comida, na que se involucraron os hostaleiros da zona coa caracterización dos seus establecementos, a programación da tarde contou con demostracións, xogos, ofrendas e talleres de moeda e de barro, entre outras actividades.

Despois do asedio ao Friulio, o colofón da recreación histórica recaeu na asociación Tierra Quemada, que escenificou o enterro celtíbero, ás 20.15 horas. Pero a festa non acabou aí, senón que continuou coa música como protagonista, coas agrupacións Gaia Pandereteiros, Trécolas, Tango en Xaneiro, Alvariza, Claxxon e Dj David Expósito.

Este domingo pola mañá tamén haberá desfiles castrexos e romanos por diferentes puntos da vila, así como música tradicional. Aínda que os verdadeiros protagonistas da xornada serán o queixo de Friol e o pan do Ousá, que a diferencia de romanos e castrexos, sempre se levaron ben ao longo da historia.

Comentarios