A importancia da conduta dos cidadáns nos montes

A prevención e a concienciación, claves na loita contra os lumes

Ata un total de 7.000 efectivos poden chegar a traballar en Galicia cada verán para facer fronte aos incendios nos montes da nosa Comunidade. Nesta tarefa, a implicación da sociedade resulta fundamental, en particular no que atinxe á prevención e a toma de conciencia sobre a necesidade de coidar e protexer os bosques desta lacra
Actuación dos bombeiros nun dos incendios deste verán en Galicia
photo_camera Actuación dos bombeiros nun dos incendios deste verán en Galicia

A PREVENCIÓN e a concienciación da cidadanía son claves na loita contra os incendios forestais. Teñen tanta ou máis importancia como os labores de extinción que se desenvolven cando se rexistran os lumes. Todos estes aspectos son contemplados no Plan de Prevención e Defensa contra os incendios Forestais de Galicia (PLADIGA), da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Este documento, que cada ano renova a Xunta, é a referencia fundamental nesta materia e inclúe diferentes apartados que abordan tanto o relacionado coa extinción, como coa prevención e moi especialmente a necesidade de involucrar a toda a sociedade na loita contra esta lacra.

Isto compleméntase co establecido na normativa, que vén de ser reforzada coa entrada en vigor o pasado 1 de xullo da reforma do Código Penal. Esta modificación ofrece unha resposta máis adecuada ante os incendios de maior gravidade que, as máis das veces, teñen unha causa intencionada e ocasionan importantes danos ao patrimonio natural e aos bens públicos e privados ou xeran situacións de perigo para a integridade física das persoas.

As infraccións en materia forestal poden ser consideradas de tres tipos: moi graves, graves ou leves, segundo consideracións como son a extensión da superficie afectada, a intencionalidade, a situación de risco xerado para as persoas ou bens, os prexuízos causados, a agrupación ou organización para cometer a infracción ou a reiteración, entre moitas outras.

Aínda que a reforma do Código Penal mantén as penas vixentes ata o de agora para as infraccións máis leves -penas de prisión dun a cinco anos e multa de 12 a 18 meses-, nos casos nos que o incendio alcance especial gravidade serán castigados cunha pena de prisión de tres a seis anos e multa de 18 a 24 meses.

A reforma do Código Penal deste ano ofrece unha resposta máis adecuada ante os incendios intencionados de maior gravidade

Tamén se inclúen novos agravantes nos supostos especialmente lesivos para o medio ambiente ou que xeren un perigo elevado. Se ditos incendios afectan a espazos naturais protexidos, serán castigados igual que os delitos contra o medio ambiente, o que implica que os seus autores poden ser sancionados coa pena superior en grado que, neste caso, supón nove anos.

Na mesma liña, a reforma incorporou a posibilidade de impor aos responsables actuacións orientadas a reparar o dano causado, e dita reparación se considerará atenuante. Tamén se inclúen, como suposto agravado, os incendios provocados cando as condicións climatolóxicas ou do terreo incrementen o risco de propagación.

Mais chegar ás sancións é a medida final. Nin sequera tódalas penas do mundo poden recuperar o patrimonio, natural e humano, que se perde cada ano por mor dos incendios, sexan provocados ou accidentais. Nos últimos anos, búscase previr de antemán este tipo de accións delituosas con diferentes plans de prevención, levados a cabo dende a Consellería do Medio Rural e do Mar en conxunto con outros organismos.

PREVENCIÓN. A prevención constitúe un dos piares fundamentais na loita contra os incendios forestais, xa que baséase en labores encami- ñados a eliminar os riscos que poden ser orixe de lumes e da súa propagación. A Consellería do Medio Rural e do Mar leva a cabo unha serie de accións, dirixidas á poboación e ao territorio, para evitar que o lume se produza e, en caso de producirse, minimizar os danos.

Non serve de nada calquera tipo de tarefa que se realice para rematar cos incendios sen un labor de prevención previo. Así, asuntos como o control de queimas, a limitación de acceso aos montes nas épocas de alto risco ou a concienciación da poboación mediante campañas de educación ambiental son fundamentais non só no verán, senón durante todo o ano.

DETECCIÓN E DISUASIÓN. Son varios os organismos que contribúen a reducir o número de lumes e a influír de maneira positiva no comportamento da poboación, co fin de evitar neglixencias e exercer unha función disuasoria nos causantes de lumes intencionados, ao saber que a investigación, a presenza policial e a vixilancia é continuada e que non se limita só ás épocas de maior perigo.

A detección dos incendios realízase, principalmente, grazas a unha rede de postos fixos e cámaras de vixilancia. Mais estes dispositivos reciben a axuda de patrullas móbiles nas zonas que escapan á observación directa, así como de agrupacións veciñais de vixilancia forestal, voluntariado ambiental e agrupacións e asociación con convenios de colaboración coa Consellería. Tamén é moi importante a cooperación do resto da cidadanía a través dos teléfonos de emerxencias -o 112 e o número específico para incendios, o 085-. A finalidade destes dispositivos e operativos é a de detectar os lumes que poidan aparecer no territorio galego e transmitilos aos Centros de Coordinación correspondentes.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva imputadas 52 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

O traballo de disuasión tamén constitúe un asunto importante. Realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade, complementados coa actuación de Patrullas das Forzas Armadas, cunha misión disuasoria a través dun convenio co Ministerio de Defensa, empregan diferentes aparellos como helicópteros, cámaras ou vehículos aéreos non tripulados para levar a cabo este labor de vixilancia fronte ás accións das persoas que provocan incendios, tanto de forma involuntaria como intencionada.

POLICÍA. Un dos piares da actividade da Policía Autonómica (UPA) é a prevención e investigación dos incendios forestais. Esta actividade mostra, desde o primeiro momento, o compromiso da Xunta contra a actividade delituosa incendiaria en Galicia.

Nestes labores, os axentes traballan incansablemente durante todo o ano, producíndose un incremento durante os meses de verán. O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA). Este plan contempla cada ano a colaboración específica do persoal da Policía Autonómica en tarefas relativas á prevención de lumes e á posterior investigación dos mesmos.

As actividades de prevención, tales como patrullas, identificacións de persoas e vehículos ou a colaboración con outros corpos teñen un efecto real na minoración do número de lumes, evitando en moitos casos que teñan que actuar os Servizos de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.

No 2015, a UPA está a despregar 274 efectivos polos montes galegos, nove axentes máis que o pasado ano. Destes, 243 son efectivos permanentes e os 31 restantes actúan como reforzo nos casos de urxencia. Ademais, para dar unha resposta policial efectiva, estes axentes contan con corenta vehículos todoterreo, cinco turismos camuflados e oito motos de montaña. Durante a campaña de verán, a maioría dos efectivos concéntranse nas parroquias de especial vixilancia (PEV) e nos Concellos aos que pertencen ou en zonas de especial vixilancia (ZEV).

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva imputadas un total de 53 persoas coma presuntas autoras de incendios forestais, das cales 29 son da provincia da Coru- ña, 8 de Pontevedra, 9 de Ourense e 7 de Lugo.

A Xunta está inmersa na creación dun Equipo Multidisciplinar de Investigación de Lumes que reforzará o labor da UPA

Os oito imputados na provincia de Pontevedra foron por incendios en Dozón, Pontevedra, Vila de Cruces, Meaño, Lalín, Silleda e Mondariz, sendo estes dous últimos intencionados. No caso de Lugo, as persoas foron imputadas por incendios en Quiroga, Sarria, Palas de Rei, Riotorto, Xermade, Pastoriza e Castroverde.

Os de Ourense foron en A Peroxa, Toén, Avión, Cortegada, Nogueira de Ramuín, San Amaro, Sandiás e Palmés. Estes dous últimos destacan por ser dos máis grandes dos deste ano. Os da Coruña foron en concellos como Ribeira, Negreira, Fisterra, Frades, Ordes, Oroso, A Pobra, Mugardos, Miño, Laracha, Abegondo, Ferrol, Rois, Culleredo, Santiago, Teo, Curtis e Cambre. Os últimos imputados por incendios intencionados son os correspondentes aos lumes de Ribeira, a principios de ano, e os de Fisterra e A Pobra do Caramiñal.

O EMIL. En maio, o Consello da Xunta informou dos cambios operativos e organizativos programados pola Policía Autonómica para este 2015. Entre eles, recóllese unha mención expresa a mellorar a atención de determinados servizos operativos, especialmente os relacionados coa prevención e investigación dos incendios forestais.

Estas competencias, nas que se vén mantendo a acción da UPA nos últimos anos, veranse reforzadas na medida do posible nas funcións preventivas, de investigación e de intervención. Así, por exemplo, en incendios trabállase na confección dun Equipo Multidisciplinar de Investigación de Lumes (EMIL). Este grupo, con competencia en todo o territorio galego, estará formado por un especialista en investigación, que debe contar co curso superior de investigación de incendios; outro na área de Medio Ambiente Natural e un terceiro con coñecementos técnicos en pericias informáticas.

Comentarios