EDU RODRÍGUEZ, ADESTRADOR DEPORTIVO DO LEMOS

Rodríguez: "En Preferente xogaremos igual. Se me botan será coas miñas ideas"

O adestrador do Lemos teno moi claro. Os resultados son importantes, pero tamén o xeito de conseguilos

DSC_0166
photo_camera Edu Rodríguez, adestrador do Lemos. M.P.

A aposta de Edu Rodríguez desde que comezou a súa traxectoria coma técnico, que o levou tamén polas categorías inferiores do CD Lugo, é a de saír co balón xogado desde atrás e atacar. Este estilo debe levarse a cabo, ademais, con xogadores de Monforte e da comarca. Anticipa que non vai mudar esa filosofía a vindeira tempada malia estar en Preferente, unha categoría máis alta na que cre que será duro conseguir os obxectivos.

Polo momento, toca saborear un ascenso que chegou cando aínda quedaban cinco xornadas para rematar a tempada en Primeira Autonómica e cuns números moi destacados: 79 puntos equivalentes a 24 partidos gañados, sete empatados e só tres perdidos.

Imaxino que estará contento co ascenso.
Por suposto. Cando se cumpren os obxectivos marcados ao comezo da tempada é para estar satisfeito e feliz.

Ademais dos resultados, que foron moi bos, déixalle especialmente satisfeito a maneira na que se conseguiron? 
Cando collín o equipo e aceptei facerme cargo de toda a parcela deportiva do club puxen coma condición que sería coa miña filosofía. Os resultados son importantes, pero para min tamén o é o xeito de chegar a eles. Hai moitas maneiras de entender o fútbol. Eu respéctoas todas, pero teño a miña propia e gustaríame que tamén se respecte. Encántame que a xente que veña ata o campo da Pinguela o pase ben co fútbol que practicamos. Así que estou dobremente contento, porque o Lemos ascendeu e a afección gozou moito con nós cada domingo.

Agardaba un ascenso tan folgado como o conseguiron?
A verdade é que non. Creo que aínda non nos damos conta do que logramos. Non é nada doado subir a falta de cinco xornadas, que son 15 puntos en xogo. Levamos un mes e medio ascendidos nunha categoría con equipos coma o Outeiro de Rei, con bos xogadores, algúns deles coma Dani Renda con experiencia en Terceira División. Nós tiñamos bos futbolistas tamén, cun alto nivel individual. A diferencia respecto ao ano pasado é que neste fomos máis competitivos, porque se falamos só de xogo non houbo moitas diferenzas. Este curso gañamos varios partidos grazas a que tiñamos xogadores máis experimentados que hai un ano.

A súa aposta polo fútbol de toque parece inamovible.
Como dixen antes, respecto todas as formas de ver o fútbol, pero a miña mantéñoa desde que comecei no benxamín B do Calasancio ata agora, que adestro o Lemos. Se algún día me botan será coa miña idea. Por outra banda, creo que é a maneira de xogar que está tendo máis éxito e coa que a xente máis se identifica. Non hai máis que ver as semifinais de Champions e a aposta dos equipos que a xogaron (Liverpool, Tottenham, Barcelona e Ajax), que non son precisamente conservadores e que foron obxecto de boas palabras de case todos os afeccionados ao fútbol.

Que espera da vindeira tempada en Preferente?
Será un ano complicado e seguro que pasaremos por momentos difíciles, aínda que intentaremos que sexan os menos posibles. É importante non esquecer de onde vimos. Hai dous anos, o Lemos estaba máis morto ca vivo e agora ten unha identidade propia, con dous equipos (esta tempada recuperouse o Lemos B, que competiu en Terceira Autonómica), unha masa social que se triplicou e unha débeda considerablemente reducida. Aínda así, as categorías están para algo. A Preferente ten máis nivel que a Primeira Autonómica e o equipo necesitará todo o apoio para conseguir os obxectivos.

Cre que vai ser necesario fichar para non pasar excesivos apuros ou co plantel actual abondaría para manterse?
Cos xogadores que temos hoxe en día seriamos un equipo competitivo. Xa renovamos a 14 futbolistas que lograron o ascenso e intentaremos seguir medrando con eles. Só incorporaremos futbolistas que realmente suban o nivel. A prioridade será mirar á comarca e se atopamos aí xogadores que nos poidan axudar, mellor. Do contrario buscaremos fóra, pero só un ou dous futbolistas se fixeran falta.

Entendo por todo o que está dicindo que o Lemos non cambiará moito a vindeira tempada.
En Preferente xogaremos igual e esa filosofía é innegociable mentres siga no clube. Se eu fora só o adestrador do primeiro equipo e non tivera toda a responsabilidade deportiva do Lemos podería haber unha maneira de xogar distinta no grupo de Preferente e no Lemos B, pero Juan Rodríguez (preparador do filial) e eu traballamos de maneira conxunta e a aposta é a mesma para os dous. E será así ata que me vaia do Lemos.

Comentarios