Praza de Lenin, s/n, A Pobra de Burón

O rueiro comunista é o día a día para os buroneses grazas ao pulo de Enrique Fernández, que custeou os letreiros hai máis de tres décadas
Antonio Fernández, na praza adicada a Lenin. VICTORIA RODRÍGUEZ - A Pobra de Burón
photo_camera Antonio Fernández, na praza adicada a Lenin. VICTORIA RODRÍGUEZ

Praza de Lenin, s/n, A Pobra de Burón. O recibo do teléfono de Josefa Fernández aínda chega a este enderezo que, con seguridade, fixo saltar de asombro os ollos do persoal de facturas de Telefónica ou dalgún novel carteiro. E o seguirá facendo. Os veciños desta vila da Fonsagrada non pensan cambiar o rueiro co que o seu veciño, Enrique Fernández, quixo render homenaxe aos seus amados líderes comunistas e á cultura rusa que tanto admiraba.

"Cando volveu de Barcelona, onde estivo emigrado, costeou do seu peto as placas para as rúas", comenta Josefa. Coas letras rotuladas coma en calquera cidade, A Pobra de Burón converteuse nos primeiros anos da democracia nun caso excepcional, un dos poucos núcleos rurais con rueiros en Galicia. Mao Tse-Tung, o mariscal Zukov, Lenin ou Fidel Castro son algúns dos que locen, en porcelana azul, neste lugar no que Enrique Fernández soñou co Burón Roxo, como a el mesmo lle chamaban.

Praza adicada a Mao Tse-Tung. VICTORIA RODRÍGUEZ - A Pobra de Burón

Porque, se os nomes das rúas figuran nos recibos do teléfono foi porque Enrique Fernández encargouse de reunir e tramitar as 22 solicitudes necesarias para que a compañía fixese a ampliación da liña até A Pobra. Por suposto, o Burón Roxo puxo daquela cartos do seu peto. E quen deu nomes de prazas e avenidas ten, como é debido, a súa propia. A que el mesmo custeou ata Carracedo, para que os veciños non tivesen que pasar pola Fonsagrada para iren a Lugo ou a Navia, por exemplo. Acurtar, acurta, pero a motivación era devolverlle á Pobra o apoxeo que tivera cando fora capitalidade do municipio.

Do seu peto tamén saíron cartos para organizar as festas patronais, ou para pagar a diferenza dos queixos que vendía a menos prezo do que lle custaban, e que repartía nunha furgoneta rotulada con Comestibles El Buronés, el más barato del norte de España. Fernández chegou incluso a comprar o castelo de A Pobra –hoxe noutras mans– cos cartos que fixo en Barcelona, e para facer del, algún día, un reclamo turístico.

Cada vez son máis fracos os muros da fortaleza medieval, pero na Pobra hai cartas que seguen chegando ás rúas dos compositores Igor Stravinsky e Rimski-Kórsakov, ou da primeira muller astronauta, Valentina Tereshkova.

Josefa Fernández, na praza adicada a Fidel Castro. VICTORIA RODRÍGUEZ - A Pobra de Burón

LENIN E TROTSKY, XUNTOS. "Saca de aí, Trotsky!", dille Josefa ao mastín que se achega á praza de Lenin con ganas de xogar. Hai que beliscar o brazo para saber que non, que non estamos soñando, que a Revolución Rusa tomou aquí unha forma peculiar, case imposible.

Antonio Fernández, da casa de Paradiñas, ten un todoterreo vermello, e abertas as portas da casa onde vive coa súa muller, Carmen. El foi un dos veciños que, cando morreu Enrique Fernández, promoveron a placa que leva o seu nome na entrada do núcleo onde hoxe viven case un centenar de veciños. "Merecía aínda moito máis do que se lle fixo, por todo o que el fixo por nós", di Antonio.

"Era un amante do pobo que metía medo!", continúa, mentres prepara un café recén moído. Medo, porque o amor tamén lle viña desa animosidade que tiña coa Fonsagrada, e que a máis dun lles fixo temer algunha locura. Pero non, a revolución non chegou a tanto.

Antonio, igual que Carmen e Josefa, está contento con este rueiro que tanto chama a atención dos peregrinos que cruzan a praza de Lenin ao seu paso polo Camiño Primitivo. Só nunha ocasión provocou queixas dalgún grupo de visitantes, que foron até o Concello da Fonsagrada para preguntar a conto de que as rúas de Burón estaban cheas de "comunistas". Ás veces, todo o contrario, e cando morreu Fidel Castro moitos se achegaron con flores a un dos poucos lugares que leva o nome do líder revolucionario, despois de que este deixase por vontade no testamento que non se lle rendese culto con nomes de prazas.

Avenida de Mariscal Zukov. VICTORIA RODRÍGUEZ - A Pobra de Burón

Conta Antonio que Enrique falaba varios idiomas, e que cando volvían os emigrantes retornados polo verán os veciños comprobaban que era certo, que o Burón Roxo sabía comunicarse en inglés e francés. Nunca tiveron ocasión, sen embargo, de contrastar se tamén podía falar en ruso, como el dicía, pero a súa capacidade non debera deixar xa lugar a dúbidas. Quen sabe se algunha destas rúas, de xeito secreto, conduce á Praza Roxa de Moscú.

Festas patronais. O día en que actuou o Coro do Exército Roxo
Enrique Fernández foi experto en mesturar soños e realidades. Así, no cartel das festas patronais do ano 1987 anunciou, a carón da orquestra Unissón de Vigo, a actuación do Coro do Exército Roxo.

No mesmo cartaz, propoñía como pregoeiro a Rafael Alberti, e daba noticia dun partido de fútbol entre o Dinamo de Kiev e o Estrela Roxa de Belgrado. O veciño máis fabulador da Pobra de Burón describía os fotos de artificio como "círculos de estrellas maravillosas descendiendo en forma de palmeras del paraíso".

Todo por Burón
A rivalidade coa Fonsagrada levouno ao arquivo de Simancas, en Valladolid, para reunir documentación coa finalidade de que A Pobra de Burón recuperase a capitalidade do municipio, que perdeu no ano 1839.

Comentarios