Samuel Solleiro: "O PP pediu explicacións cando sacamos ‘Galicia es una mierda'"

O ano que vén, o grupo formado en Santiago de Compostela cumpre dúas décadas de andaina. De ‘Galicia es una mierda’ (2008) a ‘A Alma’ (2019), do pop ao krautrock, a súa música non deixa a ninguén indiferente
Álex Charlón, Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira, Cibrán Tenreiro, Lois G. Carlín e Julio Vilariño. DAVID SILVA
photo_camera Álex Charlón, Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira, Cibrán Tenreiro, Lois G. Carlín e Julio Vilariño. DAVID SILVA

DIN QUE escriben cancións con salsa agridoce, que producen músicas tristes e himnos á derrota. A banda Ataque Escampe leva case 20 anos mudando de formación e de xénero. Nesta ocasión, falamos con Samuel Solleiro, guitarrista da formación. 

O seu primeiro álbum titúlase ‘Galicia es una mierda’. Segue existindo un complexo de autoodio entre os galegos?
Respondía un pouco a iso. Era un título que buscaba certa provocación e que saíu durante a única lexislatura na que non gobernaba o Partido Poular. Nós pensabamos que había certa compracencia por parte da xente e quixemos meter o dedo na ferida. Seguramente hoxe en día non tería moito sentido, de feito esa canción deixámola de tocar en directo, para evitar malos entendidos.

Houbo xente que se ofendeu?
No momento si. Recordo que sacamos unhas camisetas nas que só saia a frase "Galicia es una mierda", en varias edicións en distintos idiomas. Tivemos a mala elección de empezar pola francesa, porque se entendía bastante ben. Incluso chegaron a falar unha vez do disco no Parlamento, onde alguén do PP pediu explicacións.

Falando de xerar polémica, vostedes din que non teñen unha mensaxe que transmitir, que só queren suscitar temas.
Hai outros grupos que teñen uns valores que queren transmitir. Nós temos os nosos pero non nos gusta utilizar a música para transmitir iso. Creo que as cancións si que poden poñer temas enriba da mesa, incluso ser un pouco ambiguas, e que os oíntes escollan.
 

"Non somos o perfil de grupo reivindicativo, pero tampouco somos alleos a cuestións políticas e humanas"

Fan falla en Galicia grupos que só fagan música en galego, deixando a un lado a reivindicación política?
Creo que hai máis que hai dez anos. Nós estamos nun punto intermedio, non somos o perfil de grupo reivindicativo pero tampouco somos alleos a cuestións políticas e humanas. Sempre hai certo posicionamento que pode ser máis ou menos explícito nos discos. ‘O disco vermello’ (2014) ou ‘Violentos anos dez’ (2011) son discos nos que si que hai pouso político. Aínda así, claro que é importante poder usar a lingua para falar de calquera cousa, senón é moi difícil abandonar certo gueto no que só te escoita a xente xa comprometida con eses valores.

Vostedes din que intentan que cada disco sexa distinto do anterior, aínda non atoparon o seu sitio?
Cando algo sae ben non nos gusta repetilo. Aínda que o grupo se move en cauces profesionais, nós, como músicos, non vivimos do grupo e podémonos permitir o risco de probar. Cada disco bebe das músicas que escoitamos en cada época e que comentamos. Por exemplo en ‘Primeiros Bicos’ (2017) escoitábamos moita salsa, mentres que ‘A Alma’ (2019) é máis krautrock, son opostos.

E con que estilo se sentiron máis cómodos?
Cando exploramos un xénero, non facemos ese xénero, senón que levamos referencias ao pop, que é a nebulosa na que nos movemos. Se teño que escoller un xénero que puido ter máis éxito creo que sería a música negra, o soul.

E como nacían eses novos temas, tiñan algún ritual para compoñer?
Case sempre facemos a música antes que a letra, que se encaixa despois. Na miña opinión, funciona mellor cando polo menos dúas persoas meten man. Cando alguén fai só unha letra sempre vai haber elementos que poden ser demasiado propios. Cunha segunda persoa chégase a un traballo moito máis elocuente.

Gústanos tender pontes para que certos oíntes poidan encontrar elementos de cariño nas cancións


O seu último traballo chámase ‘A Alma’, a que fai referencia?
É curioso, porque en realidade é un disco moi físico, que fala do corpo. O que evoca, para min, son corpos flotando no espazo. Son tres cancións moi narrativas, que falan de persoas que están soas e illadas, e iso cadraba moi ben coa música que é bastante etérea.

No tema ‘Excalibur’, deste disco, falan de Mondoñedo e de namorar. É unha referencia a Álvaro Cunqueiro?
É gracioso, porque Cunqueiro asóciase moito con Mondoñedo e no lugar hai moitas cousas sobre el, pero se les as súas cartas ves que se aburría moito alí. Fíxonos moita graza comparar ese narrador triste coa vida de Cunqueiro. Na parte final do traballo, ‘Reparto d’Alma, din que a vida non entende de orde nin de proporción, de que entende? Platón foi un dos primeiros autores que falou da alma, que para el era de tres tipos. Nós xogamos con iso, porque son tres cancións. Platón tamén era un gran defensor da orde e de buscar a armonía, "a vida non entende de orde nin de proporción" era un xeito de desmarcarnos desa filosofía que nos parece un pouco reaccionaria e conservadora.

Na letra de ‘E eu que chorei con Ghost’ do seu penúltimo disco, din que son a xeración da eterna adolescencia, ¿son os millenials?
Cando fixemos o disco aínda non sabiamos que nós eramos millenials. ‘Primeiros Bicos’ está atravesado pola idea de facerse maior e de como mantemos certas preocupacións adolescentes. De como a idade adulta chega, pero non de todo.

Non sabían que eran millenials pero, ¿cren que a xente desa xeración se sentiu identificada co que expresan nos seus temas?
A nosa idea non é representar a ninguén, pero gústanos tender pontes para que certos oíntes poidan encontrar elementos de cariño nas cancións. En ‘Primeiros Bicos’ había moitas referencias á cultura popular, como en ‘E eu que chorei con Ghost’, esa película non é algo que metas para chulearte de cultura, senón que é algo que todo o mundo da miña idade viu na tele seguramente máis de tres veces.

Teñen algún tipo de referente a nivel nacional ou internacional?
Moitísimos. A nivel nacional, por exemplo, Víctor Coyote ou Laura LaMontagne & PicoAmperio. A outro nivel, no último disco inspirámonos no rock alemán dos anos 70, como no grupo Can, tamén noutros xéneros como o R&B ou o rap.

Que disco recomendaría a alguén que queira probar novos xéneros?
‘Pépé Lopi’ do grupo cavoverdiano Os Tubarões é moi interesante e ten a canción ‘Alto cutelo’ que é moi emotiva.

E se só poidera escoitar unha canción o resto da súa vida, coma un disco raiado, cal escollería?
‘Stand!’, de Sly and the Family Stone. Ademais é moi curta, así que sería unha tortura. Ja, ja, ja.

Comentarios