JOSÉ MANUEL BARREIRO, CANDIDATO DO PP AO SENADO

"O PP levou o gas a Alcoa e no tren o PSOE licita o que deixou Rajoy"

Ten 62 anos e, pese a levar 24 dedicado á política, semella estar en plena forma, como está, asegura, o PP en Lugo. Di que o partido gañará en Galicia e que na provincia non haberá sorpasso do PSOE , ao que ve pouco comprometido con Lugo. Di que se Rajoy non fixo máis foi pola crise
José Manuel Barreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera José Manuel Barreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ

O candidato ao Senado polo PP acode á entrevista de El Progreso nunha xornada chuviosa.

A alta participación favorece á esquerda, din. Pedimos que chova?
Non, queremos que vaia moita xente votar. Iso son tópicos.

Leva 24 anos en política. Se llo din cando empezou...
Pois francamente non o imaxinaba. Empecei no 1995. Non estaba afiliado senón dedicado á universidade e á empresa privada.

Volveremos velo nunha aula?
Eu imaxino que si, aínda me queda certo tempo para xubilarme.

Se tivera que volver a dar clase de economía, por onde empezaría?
Polo programa que me mande o departamento. Eu daba materias de comercialización e investigación de mercados. Non pode ser que cada un explique o que lle dea a gana. Pódese incorrer nos problemas que hai noutros sitos, que en boa parte creo que teñen a súa orixe no uso político do ensino.

"Casado está nunha actitude de responsabilidade, moderada, responde ao que sempre foi o PP"

Comercialización e investigación de mercados. Diso temos falta na provincia para potenciar a actividade económica.
Algúns problemas non son precisamente de falta de mercados. O de Alcoa non é de obsolescencia do produto, cuxa demanda crece un 3% anualmente. O problema é que a enerxía eléctrica suponlle o 50% dos custos de produción, cando o dos competidores está por debaixo do 40%. É unha decisión política que ten que adoptar o Goberno, e non se lle ve moito interese.

O problema non xurdiu dun día para outro. O Goberno do PP non soubo velo?
O prezo da luz non estaba nos niveis de agora. E sempre que Alcoa tivo problemas e estivo o PP resolvéronse. Non é anecdótico que Rajoy se reunira en Nova York co presidente mundial de Alcoa. Nun momento a planta de alúmina tivo problemas porque un factor produtivo era o gas e o Goberno tróuxoo. Pero a Lugo tamén lle afecta o peche das Pontes, co problema derivado, ademais, da merma que suporá de produción de enerxía eléctrica. Nós estamos a favor dun proceso de descarbonización, pero dun xeito gradual e responsable. E o terceiro problema é o de Ence, coa repercusión que pode ter na produción de eucalipto da que viven miles de familias.

Está máis cómodo agora, co Casado de barba e moderación?
Estaba cómodo antes e estou agora. Estase incorporando xente que aportou moito e que pode aportar moito. Casado está nunha actitude de responsabilidade, moderada, responde ao que sempre foi o PP. Non sei se noutros momentos se visualizou máis ou menos, pero nunca abdicamos dos nosos principios. Casado foi elixido nun congreso no que se revalidaron.

Tanta moderación está producindo fugas a Vox?
Creo que non. Nós somos o que somos: un partido de centro dereita, que recoñece os elementos de autoidentificación que ten calquera comunidade, de corte liberal no ámbito económico, progresista en determinadas ocasións... Vox polo que vexo é outra cousa.

"O PSOE non vai quedar por diante do PP; en abril eu saqueille ao senador do PSOE máis de 7.000 votos"

Que é?
Está en contra do estado das autonomías. Nós non somos un partido que nace para unhas determinadas eleccións ou nun momento conxuntural, que faga política buscando de forma inmediata e exclusivamente o voto.

Como viaxa a Madrid?
Normalmente en avión.

Pasoulle por diante o PSOE ao PP no investimento no tren en Lugo?
Non vexo en que. Que se licitou que non estivera nos Orzamentos de Rajoy? Estase facendo o que deixou programado De la Serna.

A planificación de De la Serna é de 2018. O PP gobernou dende 2011.
E non pasou nada neste país en 2011, 2012 e 2013? O PSOE deixou o país en creba, Rajoy reconduciu a situación e un proceso de investimento que ao mellor non puido ir ao ritmo que debera relanzouse.

Dixo Feijóo que o domingo houbera dúas novas, que o Lugo gañara e que o PP enchera.
E as dúas son obxectivas e certas.

É unha nova que o PP encha?
Eu creo que se refería a que iso ao mellor non se dá noutras forzas ou se dá con máis dificultade. O PP segue sendo un partido forte.

E se o domingo o PSOE lle gaña na provincia? Serán consolo os dous deputados e os tres senadores?
Iso non vai suceder.

En abril faltáronlle 750 votos.
Depende de como o mires. Eu saqueille ao representante do PSOE no Senado case 7.000 votos. Os resultados no país foron malos, pero foi a única provincia que mantivo a mesma representación.

Canto tempo á semana pasa en Lugo e que fai cando está?
Cando era voceiro no Senado pasaba a semana en Madrid. Agora menos, de luns a mércores ou xoves. Fago o que fixen sempre, estou pola provincia falando cos alcaldes e os voceiros.

E o tempo libre, en que lle gusta investilo?
Gústame moito ir á aldea e agora, estar moito co meu neto, de catro meses. Aínda que ás miñas fillas non lles guste moito.

E iso? É un avó acaparador?
Non, a veces, de broma, digo: "A ver mi heredero". E a nai dime: "Oye, de momento estamos mi hermana y yo".

Comparte momento vital con Orozco. 
Si, creo que o del é algo maior, díxomo un día.

Falan?
Si, si, ás veces, se coincidimos, ou algunha cousa así...

Comentarios