Portos mellorará a nave de redes e fai o proxecto de dragaxe de Burela

A pesca recreativa terá peiraos de libre acceso, outros con restricións e algúns vetados, pero haberá que facer seguros
Instalación do porto de Burela. D. V.
photo_camera Instalacións do porto de Burela.

As próximas actuacións de Portos de Galicia en Burela pasan pola execución das obras de mellora da envolvente da nave de redes, cun contrato que xa está asinado por importe de 267.000 euros, e a redacción do proxecto de dragaxe, pendente de estudo e tramitación ambiental, segundo informou no Parlamento a presidenta do ente público, Susana Lenguas, a preguntas do deputado José Manuel Balseiro. Lenguas sinalou que "a maiores están en licitación melloras no control de accesos do peirao comercial rexido polo código internacional de seguridade, o deseño da solución técnica para incremento de prazas de amarre e o estudo para o reforzo do dique.

"En total, o importe xa comprometido a día de hoxe para as próximas actuacións achégase ao millón de euros", engadiu.

Para Portos, o de Burela é un referente en venda de pesca fresca e a Xunta leva investido no peirao dende 2009 arredor de 11 millóns de euros. Nos últimos meses, as melloras acadan máis de dous millóns ao rematar a segunda fase das obras de ampliación do abrigo co segundo martelo. Nel o investimento foi de 1,2 millóns.

"Así mesmo —indican—, rematáronse xa os traballos de renovación da cuberta dos departamentos de armadores, o corte do peirao para facilitar a operativa de atracada para os barcos de maior calado e a reparación da cuberta da nave de Expomar, actuacións que supuxeron unha achega de 100.000 euros".

PESCA RECREATIVA. Respecto a autorización da pesca recreativa nos peiraos de titularidade autonómica, asunto polo que tamén se interesou Balseiro, Lenguas entrevistouse con representantes de entidades relacionadas coa práctica e establece como condición as garantías de seguridade das instalacións e dos usuarios, así como a compatibilidade coa normal actividade de operativa portuaria e dos sectores profesionais.

Portos avanza a categorización dos portos en tres niveis, os que se podería pescar libremente, outros que terán restricións e nos que non estarán autorizada a pesca deportiva. Habería que facer un seguro con cobertura aos danos persoais e a terceiros, a reserva de solo, xestión dos residuos xerados e uso axeitado dos aparcadoiros e instalacións. Están previstas novas reunións.

Comentarios