O Portal das Palabras anima á cidadanía a participar na elección da Palabra do Ano

A gañadora será a elección colectiva do termo que mellor resuma ou identifique a realidade que, dalgunha maneira, marcou os últimos doce meses
O proxecto está impulsado pola RAG e a Fundación Barrié. EFE
photo_camera O proxecto está impulsado pola RAG e a Fundación Barrié. EFE

O Portal das Palabras, un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico galego, abriu o prazo de presentación de propostas aspirantes a converterse na 'Palabra do Ano 2019'. 

Segundo informa a institución académica, a elección colectiva do termo que mellor resuma ou identifique a realidade que, dalgunha maneira, marcou os últimos doce meses constará de tres fases. 

A primeira será na que calquera persoa poderá enviar as súas suxestións e permanecerá aberta ata o 15 de decembro. Posteriormente, do 16 ao 25 de decembro, someterase a votación telemática os termos máis significativos ou máis repetidos na primeira fase. 

Finalmente, o 27 de decembro darase a coñecer a Palabra do Ano 2019. Esta iniciativa é un proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación do galego. 

Deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) refuxiados (2015) e corrupción (2014) foron as palabras que o público escolleu nos anos anteriores.

Comentarios