Pontón: "Se eu fose presidenta, tería enriba da mesa unha proposta para salvar Alcoa"

A candidata do BNG á Xunta lamenta que os despedimentos se fagan conforme á "contrarreforma laboral do PP que non derrogaron PSOE e Podemos"
Ana Pontón, en la marcha de Alcoa. ÁLVEZ
photo_camera Ana Pontón, en la marcha de Alcoa. ÁLVEZ

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, asegurou que se ela fose "a presidenta de Galicia, tería encima da mesa unha proposta de nacionalización para salvar a Alcoa". 

Así o dixo en declaracións aos medios, após participar nunha reunión con representantes da Federación Galega de Alzhéimer (Fagal), nas que volveu a incidir na situación que viven os traballadores de A Mariña coa "decisión firme, por parte da multinacional, de despedir a 534 traballadores". 

Neste sentido, insistiu en que se trata da "antesala" do peche da factoría e lamentou estes despedimentos, que se farán conforme á "contrarreforma laboral do PP, que non derrogaron nin PSOE nin Podemos" no goberno. 

Pontón subliñou que os traballadores "merecen respostas". "Se eu fose presidenta de Galicia, tería unha proposta concreta de nacionalización, acompañada por unha tarifa eléctrica pública", aseverou a dirixente do Bloque, quen incidiu en que unha comunidade que produce "electricidade a esgalla", non pode ter "en risco" unha factoría e centos de postos de traballo por "o custo da electricidade".

"RESPOSTA CONTUNDENTE". "Non vale o que di o candidato do PP, é necesaria unha resposta contundente por parte da Xunta á hora de defender o emprego en Alcoa", sinalou Pontón, en referencia á reclamación do Goberno galego de que o central publique xa un estatuto electrointensivo. 

"Se hoxe fose presidenta de Galicia, tería unha proposta para salvar o futuro de Alcoa e toda a comarca", remachou Pontón quen, sobre a firma para a construción dunhas cimentacións dun parque eólico mariño, dixo que "habería que analizar canta carga de traballo para o sector naval" vai supor. 

Dito isto, evidenciou que "cada vez que hai eleccións, anúnciase carga de traballo", así que esperou que "se verifique e non sexa propaganda electoral, senón compromisos concretos". 

Ao fío diso, advertiu o "escapismo de Feijóo", que, cando "hai unha boa noticia, colócase o pin", pero cando "hai un problema, non existe". "Non se atreveu a pór un pé na comarca da Mariña e non achegou unha solución real", remarcou Pontón, quen lamentou que "non vale porse medallas só cando hai boas noticias". 

Comentarios