Pontón abre a campaña na súa casa familiar de Sarria

A súa nai, a mellor defensora da candidata do BNG: "é unha grandísima política, boa persona, honesta, traballadora e honrada"
Ana Pontón, acompañada de sus padres en Chorente. VILA.
photo_camera Ana Pontón, acompañada de sus padres en Chorente. VILA.

"Diríalle aos galegos que lle dean unha oportunidade metendo o voto nas urnas. Non se van a arrepentir, é unha grandísima política, boa persona, honesta, traballadora e honrada". Con estas palabras avalou Aurita, a nai de Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977), a candidatura da cabeza de lista do BNG á Presidencia da Xunta. 

Tamén o seu pai pon a man no lume pola súa filla, que até a chegada dos netos, segundo matiza a líder nacionalista, tiña a Ana como a súa 'favorita', en palabras de Aurita. "Non vos estrañedes se me chaman Belén, aquí chámanme así", dixo a coñecida en política como Ana Pontón ao entrar na leira da casa familiar na aldea de Chorente, en Sarria, onde viaxou este primeiro día de campaña electoral para coller o impulso que lle leve a "liderar o cambio" na Xunta e "facer historia" converténdose na "primeira presidenta nacionalista" de Galicia. 

Pontón Mondelo tivo idilios co xornalismo na súa mocidade e chegou a ser censurada, no instituto, xunto ao resto do comité de redacción dunha revista que finalmente saíu á luz grazas ao financiamento conseguido fóra dos muros do centro escolar. O director quíxoo censurar e retirou o apoio económico por conter un artigo erótico gai que, dixo a candidata, non causou "o balbordo" que el predixo. 

"Nunca me resignei cando me dicían que non, que non podía ser por muller, por ser dunha aldea do rural, por falar galego... e aquí estou, asumindo o reto de ser a primeira presidenta deste país"

Tamén barallou estudar Dereito, aínda que finalmente apostou por Ciencias Políticas. A dirixente xa encabezou a lista do BNG fai catro anos e conseguiu que retivese un grupo parlamentario no peor momento da historia recente da súa formación, cando ningunha enquisa apostaba por unha formación cuxa candidata, Pontón, triunfou —segundo as opinións públicas posteriores— no único debate electoral na CRTVG. "Estou a desexar que chegue o luns", afirmou, ao respecto da contenda que terá lugar o próximo 29 de xuño xunto aos outros seis candidatos das forzas políticas principais. 

A candidata compartiu con xornalistas que seguen a caravana nacionalista un café (acompañado de doces, pero tamén con empanada e embutido feito pola súa nai) na súa casa natal, construída polo seu bisavó hai 104 anos. A xanela da súa habitación, onde durmía coa súa avoa nunha vivenda que, como é habitual no rural galego, estaba sobre a corte das vacas, agora está rota. Pero non foi desde ela, aclarou, de onde saltou e 'escapouse' a Compostela a dous días de cumprir 18 anos para vivir o seu primeiro Día da Patria, dous anos despois de afiliarse a Galiza Nova.

"VÉXOME CON MÁIS SOLIDEZ". "Véxome con máis solidez e coñecemento. A oposición é unha boa escola para gobernar e isto percíbense", reflexionou, ao ser preguntada por como é a Ana de agora con respecto á de hai catro anos e a cando empezou. Pontón chegou á Cámara autonómica en 2004 para dar substitución a Pilar García Negro, pero uno dos fitos parlamentarios foi o seu primeiro corpo a corpo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no debate sobre o estado da autonomía após as escisións do BNG, un episodio cicatrizado que ela capitaneou. 

"Quero facer co País o que os meus pais Aurita e Luís fixeron por min, darlle un futuro de progreso e con oportunidades"

"Eu son optimista por natureza, pero agora vexo posibilidades reais de que se poida producir un cambio. O que estou a sentir na rúa é que hai moita xente que está a empuxar, xente que non está organizada en militancia, e que che escribe por redes para saber como poden facer para que se produza o cambio", asegurou Pontón, quen salientou que o panorama está aberto", apoiándose en que "tres de cada dez non teñen decidido o voto". 

A líder do Bloque, formación que nas enquisas está á alza, destaca que esta situación é "resultado dun traballo colectivo da organización, que demostrou que conta con xente seria, que ten proxecto e principios, ideas, e capacidade de levalas adiante". "E esta é a onda de simpatía na que estamos nun momento en que a sociedade está cansada das políticas da dereita e centralistas", aseverou. 

E é que Pontón, Ana Belén (xa que tamén ten unha curmá en Bilbao que se chama Ana e que xa foi vítima da confusión), cre que é o momento "dunha muller na Presidencia da Xunta, con mans libres e que acabe con tanta subordinación". 

"As túas orixes son algo que te marcan para a toda a vida e é moi imporante que esteamos  orgullosas de ser quen somos"

Lectora voraz e estudante de sobresalientes, a líder nacionalista confesa a súa "timidez" de mocidade e explica que se vinculou á política porque ela percibía que "había discriminación". "Viamos que aquí (en Galicia, e no rural) chegábase máis tarde, parecíame que pasaban os trens por diante e ningún paraba na estación", explicou Ana Pontón. 

Aínda que neste caso era unha metáfora, a casa natal de Pontón está próxima á estación ferroviaria de Ourol e para acceder a ela por un dos camiños, hai que atravesar un paso a nivel "moi perigoso", obxecto de promesas incumpridas, xa que nunca chegou o paso elevado.

FEMINISMO, ALGO "NATURAL" INCULCADO POLA AVOA. O feminismo é algo "natural" nela e aprendeuno da súa avoa, moi "moderna" --en palabras de Aurita Mondelo--, polas pequenas cousas cotiás. "Ela inculcoumo, porque o viviu nas súas propias carnes e dicíame que non podiamos aceptalo", manifestou, e narrou ao que se refería: chegaba de traballar no campo e, mentres, os homes sentaban, facía a comida; cando eles durmían a sesta, ela limpaba e lavaba a roupa". "Nunca permitas que digan que non traballamos ou que somos menos", rememorou as palabras da súa avoa, á vez que asegurou que o seu propio pai, Luís, que "sempre lle dixo que tiñan que valerse por si mesmas e non depender dun home". 

Así, un dos seus "logros" de mocidade foi conseguir ser monaguilla na parroquia de San Xulián. "Foi unha pequena vitoria", reivindicou Pontón, quen asegurou que lle gusta "moito volver", porque en Chorente, onde a leira da casa onde antes había unha palleira e agora colonizan galiñas poñedeiras-- está "unha parte moi importante" dela. 

Pontón empezou a participar en política no instituto de Sarria, porque había cuestións que non lle gustaban e quería facer algo por cambialas

Non en balde, Pontón sente "orgullo" de onde procede, unha familia de catro irmáns que percorría un quilómetro de ida e outro de volta para comer e regresar ao colexio. Aprendeu que como o seu pai "non tiña unha máquina de facer diñeiro" e que outros tiñan "máis", había que traballar con tesón e duramente para conseguir os seus obxectivos. 

"Dixéronme que non se podía ser de aldea, muller e falar en galego", lembrou, e iso levoulle, asegurou, a "tirar para adiante", aínda que non se imaxinou --agora si o fai e proclámao-- que sería candidata á Presidencia da Xunta. 
Asegura que non é "mitómana" e inspíranlle "" máis persoas como as caixeiras de supermercado, como a súa irmá, ou as sanitarias. O seu motivo para seguir en política e avanzar: "non aceptar o non", como na súa mocidade. "Galicia non ten que aceptar o non, o non a aceptar un futuro mellor. Se algo me ensañaron os meus pais é que podemos construír e avanzar para ter máis posibilidades das que eles tiveron", manifestou.

ORIXES. Ana Pontón elixiu a súa aldea porque é "importante estar orgullosos das orixes" e "recoñecerse neles". E trasládao á política: "este país ten que confiar en si mesmo e saír adiante desde o orgullo do que representamos". 

A candidata do BNG caracterízase pola súa capacidade de estudo e concentración, calidades lembradas na conversación de máis dunha hora deste venres. De mozo encerrábase nunha habitación para estudar, como tamén lla lembra naquel primeiro debate do estado da autonomía repasando apuntamentos nos xardíns do Pazo do Hórreo xunto á que era a súa asesora naquel entón. "Sempre estaba cos libros, o xornal. Xa se vía que ía chegar lonxe", sentenciou a súa nai. 

Comentarios