A Policía reforzará con prevención e seguridade o turismo na vila de Viveiro

O xefe superior de Policía en Galicia e o subdelegado do Gobierno subliñaron este feito na toma de posesión do novo xefe da comisaría
As autoridades, na toma de posesión de Seco, con Ramón Carballo falando
photo_camera As autoridades, na toma de posesión de Seco, con Ramón Carballo falando

O xefe superior da Policía en Galicia, Manuel Vázquez, presidiu este xoves a toma de posesión do novo xefe da comisaría de Viveiro, Jesús María Seco Pernas (Xermade, 58 años) situando como obxectivos manter a baixa tasa de criminalidade, a atención aos colectivos vulnerables, a trata de persoas e a seguridade para potenciar o turismo na cidade, "que vean que Galicia es un destino seguro para veranear y un lugar ideal para vivir" e promete aportar os recursos precisos para logralo.

Vázquez subliñou a necesaria colaboración das forzas de seguridade, destacou a traxectoria "holística" de Seco, quen levou casos coma o do Pazo de Baión en blanqueo de capitais, terrorismo ou seguridade cidadá. Eloxiou o traballo do plantel viveirés dirixido polo inspector Manuel Borrajo. Acompañárono o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; a alcaldesa, María Loureiro; o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro; o comisario de Lugo, responsables da Guardia Civil en Lugo e Burela, o inspector xefe da Policía Local e o sarxento dos Bombeiros.

Carballo apuntou que Seco ingresou en 1982 na Policía e pasou por Mataró, Lugo ou Santiago. Traballou na unidade de Delictos Económicos ou á fronte da Policía Xudicial na central, sempre con profesionalidade e vocación de servizo, polo que recibiu felicitacións e dúas cruces ao mérito profesional. Apostou pola prevención e dixo que o Goberno espera cubrir tódalas vacantes. Agradeceu a laboura de Borrajo e Prieto, o anterior xefe. Loureiro destacou fóra do acto o labor do Corpo Nacional de Policía co que cada vez colabora máis o Concello e tamén a Local precisa ese apoio da Nacional.

A rexedora subliña que pese a eventos de grande afluencia coma o Resu, "a criminalidade é moi baixa, polo que contribúe a que Viveiro sexa seguro". A Policía actúa en violencia de xénero ou atención ás persoas vulnerables con charlas a maiores e novos, pero "tamén é importante que as forzas de seguridade estén integradas cos veciños e estívose facendo un gran traballo con Borrajo á fronte".

Comentarios