"Podería dicirse que 'A realidade' é a novela máis complexa e ambiciosa que fixen ata agora"

O sarriao Manuel Darriba lanza A realidade, unha novela que conta cunha peculiar estrutura e unha portada moi actual: un home cunha máscara nun escenario apocalíptico. A obra, que comezou a xestarse hai 8 anos, non versa sobre a pandemia pero aborda outras catástrofes e ten tintes autobiográficos
Manuel Darriba. EP
photo_camera Manuel Darriba. EP

Acaba de publicar ‘A realidade’, a súa última novela que ten detrás oito anos de traballo. Como xurdiu a idea de facer este libro?

A idea inicial era contar unha historia que transcorre nunha noite cun personaxe estrambótico que se vai cruzando con outros e a partir dese panorama intentar trazar a miña visión sobre moitos aspectos políticos e sociais do mundo actual. Os primeiros borradores son de hai máis de oito anos e fun escribíndoa con calma porque o compaxinaba cos meus outros oficios como editor de revistas, guionista e xornalista. Neste tempo publiquei ademais outra novela, un libro de relatos e un poemario. A última fase de ‘A realidade’ tivo lugar no período 2019-2020 e o final está datado en setembro do 2020 na Fonsagrada, que é onde vivo coa miña muller e o meu fillo. Podería decirse que é a novela máis complexa e ambiciosa das que fixen ata o de agora.

A portada podería estar perfectamente vinculada á actualidade: un home cunha máscara nun escenario apocalíptico. Presaxiou a súa obra o futuro?

Casualmente a novela rematouse no ano do covid, pero xa viña de moito atrás. A portada foi obra do meu amigo Toño de López, que en pleno confinamento fixo fotos alegóricas da situación de afastamento e perigo que estabamos a vivir e considero que a imaxe elexida cadra moi ben cos contidos e a filosofía da miña obra, que non ten nada que ver coa pandemia, pero aparecen outras catástrofes planetarias como o cambio climático ou a desigualdade social.

O protagonista é un escritor que vaga por unha cidade nas últimas horas do mundo. Ten algo de autobiográfico?

Efectivamente, dentro da obra hai un grupo de textos que son fragmentos da autobiografía do protagonista e aí si que hai bastantes cousas da miña propia vida.

"O final desta obra está datado no 2020 no Fonsagrada, que é onde rematei a novela e onde vivo coa muller e o fillo"

Que se vai atopar o lector en ‘A realidade’?

Coa miña narrativa intento abrir novos camiños na literatura galega, aínda que soa un pouco pretencioso, é o que intento. Aparte diso esta obra ten unha estrutura moi particular con cinco grupos de textos: unha trama principal do protagonista, unhas cen notas a pé de páxina nas que se van dando detalles adicionais das peripecias deste home de xeito irónico, outro grupo de textos que son anacos da biografía do protagonista, outros que son as súas fantasías sobre xeitos de morrer e tres relatos inéditos atribuídos ao protagonista (aínda que os escribín eu). Ao final configúrase un collage ao que podemos chamarlle novela pero ten similitudes con outros xéneros como o teatro, a prosa poética... Todo isto convírtea nunha obra particular.

Falando de abrir novos camiños, ‘O bosque é grande e profundo’, que sacou no ano 2013, foi considerada unha das obras máis innovadoras da literatura galega dos últimos anos. Satisfeito?

(Risas) Iso foi o que dixeron os críticos. A verdade é que estou moi satisfeito dos bos comentarios recibidos tanto por esa novela como do meu libro de relatos titulado Elefante. Apuntan ao intento de facer unha literatura diferente, que sexa artisticamente esixente e que non renuncie a falar da problemática real política e social do mundo en que vivimos; eses dous rasgos están presentes tamén nesta nova novela.

É guionista e escritor literario. É moi diferente o xeito de escribir nos dous ámbitos?

Si, nun guión estás producindo algo que despois será usado por un equipo para convertelo nunha obra audiovisual, é un documento de traballo. Cando escribes unha obra literaria creas algo que xa vai ter esa forma final e vai chegar ao lector tal e como ti queres.

Comentarios