Un piso do século XIX da Coruña acollerá tradutores que exportarán libros galegos

A 'Residencia Xacobeo' acollerá e manterá hóspedes que traballen para levar as obras literarias á súa lingua
Anxo Lorenzo e Yolanda Castaño. MONCHO FUENTES (Europa Press)
photo_camera Anxo Lorenzo e Yolanda Castaño. MONCHO FUENTES (Europa Press)

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a escritora Yolanda Castaño presentaron este luns a iniciativa Residencia Xacobeo, que pretende atraer a tradutores de todo o mundo á Coruña para exportar obras en galego.

O programa consiste en que a Xunta e a Residencia Literaria 1863 facilitarán ao beneficiario un espazo en Galicia para o seu traballo e investigación durante todo o mes de maio, informa a Xunta. 

O beneficiario, que contará con billete aéreo gratuíto desde o país do tradutor e dietas para gastos básicos, aloxarase na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no centro histórico da Coruña, que combina residencia con centro de xestión cultural.

Con esta iniciativa, a Xunta aspira a contribuír á proxección exterior da literatura galega e tamén impulsar o proceso de tradución á cidadanía con accións abertas ao público.

Esta primeira edición da residencia apoiará aos tradutores literarios que traduzan unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo, facilitándolles os medios para facelo desde Galicia.

"Era preciso levar a cabo propostas como esta que nos permiten incentivar a extraordinariamente importante labor da tradución literaria, á vez que promovemos o intercambio internacional e levamos obras literarias galegas por todo o mundo desde o mesmo contexto cultural onde se crearon", explica Lorenzo.

As solicitudes poderán presentarse até o 12 de marzo por calquera tradutor literario maior de 18 anos que elixa unha obra de literatura en galego, en calquera xénero literario, para calquera lingua do mundo.

Comentarios