Opinión

Pintar de verde a terra

NON SE escoita avanzar ao deserto. Faino en silencio. Para velo habería que ter os ollos abertos durante anos. O deserto avanza e vai borrando con goma seca árbores e pradarías, cultivos e matos. Despois do seu paso non quedan animais grandes nin bicharía miúda. Foxen as persoas. Logo, o deserto. E a nada.

A nada aquí é moi grande. Na España interior medran as Laponias demográficas. No sueste, unha zona baldeira esténdese entre Murcia, Almería e Granada. Máis dun millón de hectáreas devastadas.

Pero non todo está perdido. Lemos historias de resistentes que se enfrontan ao deserto que avanza. Proxectos e accións para rexenerar a terra, optando por unha agricultura respectuosa para mimar o chan, multiplicar a microbioloxía e a riqueza. Todo un programa de amor á terra.

Convén empezar polos xigantes xenerosos que dan tanto a cambio de tan pouco: árbores. Queren plantar cincoenta mil encinas, pinos, sabinas. Este proxecto no sur da península éche tan ambicioso que vai a alterar o clima local retendo máis auga no chan e máis evotranspiración das árbores, explica o experto da Onu.

O proxecto do sueste español recorda que 2.000 millóns de hectáreas do planeta, a superficie de China, están degradadas. En África e Australia, zonas con grandes desertos, hai proxectos en marcha. O obxectivo é recuperar a cor verde da vida, 350 millóns de hectáreas nunha década.

No sur do Sáhara, outro xigantesco proxecto en marcha é a Gran Muralla Verde: 5.400 quilómetros por quince de ancho. Un bosque para conter o silandeiro e implacable avance do deserto.

O curioso e demoledor é que o que hoxe intentamos era a práctica habitual dos avós labregos: cultivar sen esquilmar. Respectar os ciclos da natureza. Deixar que descanse. Non envelenar o chan con soupa química que mata as pragas pero tamén bacterias, fungos, insectos beneficiosos, todo ese entramado invisible que terma da vida.

Nestas zonas recuperadas ao deserto, os cultivos serán ecolóxicos ou non serán. A gandeiría será ecolóxica ou non será. Non collen aquí xigantescas granxas porcinas que envelenan acuíferos. Ou eses cultivos imposibles de froiteiras, fresa, verduras que beben tanto onde hai pouca auga, sobreexplotando e contaminando o sangue da terra.

Neste proxecto de vida involucran á xente, sobre todo aos novos, donos do presente, herdeiros do futuro, para que aprendan a convivir cos outros veciños vivos, plantas e animais. Para que aprendan a amar respectando a terra.

Tomillo, lavanda, romeo, plantas melíferas, ben acostumadas á sede, alfombran con cores as enrugas do deserto do sueste. As cores traerán aos insectos. E logo aos amigos alados co seu canto a favor da vida. Despois animais grandes. Ao fin, xente. Convivindo harmoniosamente. Pintando de cor verde a terra.

Comentarios