''Reivindico la actividad política, trabajan y no todos ganan tanto''

É arquitecta, pero dende hai máis dunha década a súa traxectoria profesional está vencellada á política, da man do Partido Popular de Galicia. Foi delegada provincial de Cultura en Pontevedra entre 1996 e 2001 e dous anos máis tarde situábase á fronte da Consellería de Familia. Tras catro anos de deputada na lexislatura do bipartito, e co retorno do PPdeG ao Goberno da Xunta, foi nomeada presidenta do Parlamento de Galicia, cargo que ostenta dende fai algo máis dun ano.

Pregunta:
Cal é o balance deste periodo de lexislatura?

Resposta:
Foi un ano moi intenso, nalgúns momentos duro porque comezamos o periodo parlamentario con certas tensións, pero creo que se resolveu ben. Resolvéronse acordos e paréceme que os grupos da oposición teñen moitísimo protagonismo nesta lexislatura, polo que a Cámara estase a convertir nunha verdadeira cámara de control ao goberno. As preguntas ao presidente fainas a oposición e non hai autopreguntas. E nese sentido, o Parlamento é unha cámara máis democrática.

P: A tensión segue coa cuestión do galego.

R: Sempre haberá cuestións que susciten debate.

P:
Hai quen di que con Fraga non pasaba que un membro do goberno ou un deputado non usase o galego no Parlamento.

R:
Con carácter xeral todo o mundo fala galego. É verdade que hai xente que o fala mellor e xente que o fala peor, pero nunca escoitei a un membro do goberno non falar galego. Si a algún deputado, pero creo que cun carácter moi puntual. Non é un tema xeralizado. Os deputados teñen claro que estamos no Parlamento de Galicia e que unha das prioridades é axudar a divulgar e dar a coñecer a lingua galega. O que non quita que hai dúas linguas cooficiais e que nun momento determinado un deputado poida exercer ese dereito.

P: Tense falado de mudar o regulamento. Que pensan facer?

R: É un tema que vai na axenda dos tres partidos pero creo que se se aborda unha reforma temos que ser serios e ver en que puntos entendemos que hai que facela, non facer unha modificación hoxe dunha cuestión e outra mañá, aínda que eu plantexei unha reforma puntual, que é a delegación de voto das embarazadas.

P:
Por que esa proposta?

R:
Paréceme discriminatoria de partida, é unha cuestión que afecta só ás mulleres e polo feito de ser muller. É unha reforma puntual e moi sinxela. Estou esperando que se faga e agardo que non se demore moito máis.

P: Como muller, parécelle que ten que facer un esforzo maior para amosar a súa valía?

R:
En xeral as mulleres temos que facer en todos os traballos e eidos da vida maiores esforzos para acadar o mesmo recoñecemento. Con carácter xeral creo que é así, e non só polo feito de ser presidenta.

A clase política
P: E que lle parece que unha das preocupacións dos cidadáns sexa a clase política?

R: Preocúpame moito porque ás veces dase unha imaxe distorsionada do que é a política en realidade. É certo que en política hai xente que non o fai ben, hai desvergoñados, pero como os hai noutros ámbitos da vida. O que pasa é que os políticos saen na prensa. Preocúpame porque se está a dar ás veces un debate interesado. Eu reivindico a actividade política como servizo público. En política non hai horarios, non tes xornada de traballo e ás veces sabes a hora á que saes da casa e non á que volves. É certo que é voluntario, que a xente está porque quere, pero hai moitísima xente que traballa a cambio de nada. E falo de moitísimos concelleiros que traballan a cambio de nada porque non sempre hai soldos. Son debates preocupantes e non sei que se gaña con iso. Creo que pagan xustos por pecadores.

P: Polémicas coma os pagos por desprazamentos dos deputados, teñen contribuido a esta visión negativa da política?

R:
Si. Igual podemos falar de empresas públicas do Estado, do que cobran directivos... É un debate que teremos que sacar á rúa, porque nin todos gañan tanto diñeiro nin os políticos non traballan. Hai moitísimos mileuristas na política ou que non cobran nada.

P:
Os senadores terán plenos en xaneiro e xullo. Haberá contaxio ao Parlamento galego?

R:
Non é verdade que haxa vacacións parlamentarias neses meses, polo menos eu nunca as tiven. Non hai plenos en carácter xeral, pero si pode habelos. E se con carácter xeral na reforma do regulamento se establece como norma o feito de que haxa plenos, pola miña parte non hai inconvinte.

Portas abertas
P: Por que decidiu organizar unhas xornadas de portas abertas no Parlamento?

R: É importante que os galegos coñezan a súa Cámara de representación. Hai cuestións nesta cámara que nada ou pouco trascenden e interésame que os galegos teñan presente na súa vida o que é o Parlamento. É moi importante o que pasa aquí. Trabállase arreo e deben coñecer como traballan os deputados. Gustaríame poder institucionalizar esta convocatoria.

P:
Acolleron con boa receptividade os grupos esta iniciativa?

R:
Moi boa, eu falei cos portavoces e dende o primeiro momento se mostraron dispostos a colaborar. É importante que en actos así haxa deputados e tamén persoal do Parlamento. Son unha parte importantísima da Cámara.

P: Ademais deste achegamento á cidadanía, ten outros proxectos en mente?

R:
Temos moitas ideas, porque quero que o Parlamento sexa unha Cámara na que se fagan outras cousas, aínda que o papel primordial é o control ao Goberno. Estamos facendo unha aposta importante polas tecnoloxías da información, porque se facemos un Parlamento virtual na rede a xente vaise achegar a nós con moitísima máis facilidade. Quero que sexa un lugar de debate, de foros, reunións e que a xente, estudantes e investigadores formen parte desta casa.

Comentarios