Os peregrinos Runi e Orieca

Baldomero Iglesias presentará o vindeiro domingo 2 no San Alberte de Guitiriz, no marco dos actos do XLI Festival de Pardiñas, a obra No baleiro dunha soidade, con cuxa publicación a asociación Xermolos inaugura unha nova colección editorial, Chuchamel
Mero Iglesias.
photo_camera Mero Iglesias, coa súa obra. EP

UNHA AMIZADE improbable, unha popular ruta de peregrinaxe e a paisaxe e a "paisanaxe" que lle dan vida sérvenlle ao escritor vilalbés Baldomero Iglesias Dobarrio como punto de partida da novela xuvenil "No baleiro da soidade. Unha viaxe polo Camiño Norte que nos leva a Compostela", que é tamén a primeira publicación da nova colección Chuchamel da asociación Xermolos.

Runi, un rumano que acode a Galicia na procura de seu pai, que cumpre condea no cárcere de Teixeiro, bate en Ribadeo con Orieca, un robot con algún que outro problema de funcionamento. Xuntos emprenden unha viaxe cara a Santiago de Compostela polo Camiño Norte que lles permitirá, a eles e ao lector que os acompaña, ir descubrindo "a xeografía física e humana" da ruta xacobea, precisa o autor.

"É un relato grande, con moitos diálogos", di Mero. E é que son as conversas, entre os dous protagonistas e con aquelas persoas coas que van batendo no seu camiñar, as que permiten evocar as xentes e os elementos representantivos de cada lugar, indo un paso máis alá das investigacións previa que traía feitas Runi para a súa peregrinaxe e da incompleta base de datos da máquina, que non é quen de comprender as emocións que, por exemplo, pode xerar contemplar o mar da Mariña.

O libro recolle o percorrido físico e social que os seus dous protagonistas fan polo Camiño Noirte dende Ribadeo ata Compostela

Ao paso de Runi e de Orieca repican, transmitindo unha mensaxe, esas campás que teñen nome propio da catedral de Mondoñedo, berce dun escritor que non lle pasa desapercibido á parella, Cunqueiro. E chegan a unha Terra Chá na que o autor repara "fundamentalmente", como el mesmo di, convertendo en personaxes da súa novela a amigos coma Xulio Xiz, Arturo Gómez Mato, Alfonso Blanco ou a propia María Guerrero, colaboradora habiutal de Mero e responsable das ilustracións do libro.

O Varelita tocando a Rumboia coa súa inseparable gaita ou o coñecido bibliotecario de Arzúa son outros dos persoeiros que teñen cabida nesta singular peregrinaxe que finalmente chega á meta compostelá. E alí, un matrimonio de científicos fai o posible por reparar os sistemas de Orieca e tamén a inxustiza cometida co pai de Runi.

"É un libro feito para rapaces, pero parece que tamén está gustando entre os adultos", precisa Mero sobre unha obra a que asegura que lle "tiña ganas" e coa que busca pór en valor o patrimonio cultural, natural e humano que está aí ao lado e non sempre ten o recoñecemento que merecería.

No baleiro da soidade "empezouse a cocer" hai pouco máis dun ano e vía a luz pouco antes da pandemia, polo que a súa presentación quedou no aire, esperando ao momento propicio. E ese será na tardiña do vindeiro domingo, día 2, no marco incomparable do San Alberte e dentro do progama de actos dun atípico XLI Festival de Pardiñas.

Comentarios