Imprimir

Perdeuse un bo alcalde?

Carmen Uz / El reverso de la semana | El reverso de la semana / A semana do revés

El Progreso de Lugo | 02 de julio de 2017

TRAS dezaoito anos, Jaime Castiñeira deixou o Concello quizais con peor imaxe da que merece. Certo que el contribuíu a ela incluso cando xa estaba cun pé fóra, ao poñer en risco que o edil Enrique Rozas poida empezar a percibir de inmediato a dedicación exclusiva que lle acaba de ser asignada, a raíz da reestruturación do grupo. É a que el mesmo lle retirou en 2011, o que supuxo o inicio da defenestración de Rozas e dunha guerra que acabou trasladándose ao grupo municipal e á militancia e que está moi lonxe de estar superada. Castiñeira comezou tragando algún sapo no Concello, como o de quedar de substituto de Manuela López Besteiro cando esta abandonou e ver como, a continuación, o partido elixía outro candidato para a alcaldía. Joaquín García Díez tampouco aguantou na oposición e Castiñeira tivo que volver a ser voceiro. Aínda que peor trago foi quedarse a 400 votos da alcaldía, en 2011. Ser o candidato máis votado tanto nesa ocasión como en 2015, ante un rival como Orozco, foi pouco consolo.

Dezaoito anos dan para acertos e para erros. O máis clamoroso, e que pode que lle custara a alcaldía, foi non ter a valentía de enfrentarse ao seu partido e poñerse do lado dos veciños nas máis que xustas reivindicacións dos servizos sanitarios que se lle debían á cidade. E iso que Castiñeira ten demostrado que, cando está convencido dunha cousa, turra nela. O Garañón é un dos exemplos máis salientables. Corría agosto de 2005 cando o voceiro empezou a alertar da desproporcionada urbanización que se pretendía levantar a carón do Parque. Foi o primeiro que o viu e despois evitou que o PXOM validara e perpetuara as torres.

Co PXOM, Castiñeira fi xo probablemente o seu mellor traballo no Concello. Os seus coñecementos en urbanismo e o tempo que lle dedicou ao plan contribuíron a melloralo. E axudou a centos de veciños a presentar alegacións para defender as súas propiedades. O local do PP converteuse nunha ofi cina de atención ao público, o concelleiro pateou o municipio de arriba a abaixo e, tras moitos cambios, o PP acabou permitindo a aprobación do documento urbanístico. En ocasións, e en asuntos importantes para a cidade, Castiñeira antepuxo o interese público ao propio, como na última etapa de Orozco, un mandato moi complicado e case perdido no que o PP facilitou investimentos que aínda se están executando na actualidade. Agora, a punto de irse, amosouse aberto a negociar o apoio aos orzamentos municipais, ata que o partido o enmendou. Como hai uns meses dixo —aínda que acto seguido foi el o que se corrixiu— que a proposta de Feijóo para equipar o auditorio a cambio de que o Concello lle perdoara o Ibi sanitario durante varios anos era un mal negocio para a cidade.

Castiñeira ten demostrado coñecemento, capacidade de traballo e visión de cidade, polo quen sabe se Lugo perdeu a ocasión de ter un bo alcalde. Porén, faltoulle capacidade —e ás veces pode que ganas— para conectar cos votantes. Por épocas sobroulle obstinación e faltoulle empatía.

Castiñeira versus Rozas

CASTIÑEIRA é dos que non dá o brazo a torcer facilmente e o enfrontamento que mantivo con Rozas —e que este alimentou— saíulle caro, a el e ao partido. El marcha e Rozas ascende, aínda que o exvoceiro deixa por diante (alomenos de cara ao público) a Ameijide, o seu protexido. A entente non vai ser fácil, como xa se viu esta semana. Seguramente o tempo axudará a dar e a quitar razóns.

Que pasa cos pregos?

QUE un concurso público como a xestión dos museos da cidade quede deserto dá que pensar. Hai connivencia no sector para que o Concello mellore as condicións? Están tan fóra de lugar que simplemente o contrato non interesa a ninguén? Búscase que a actual adxudicataria continúe outra tempada? Os pregos fanos os técnicos, di o goberno. Pois quizais deberían dar algunha explicación. Xa houbo problemas con varios.

Freo á accesibilidade

O PLENO autorizou crédito para investimentos, pero na listaxe non figura ningunha partida para continuar eliminando barreiras. O goberno escusouse dicindo que hai varios proxectos que mellorarán a accesibilidade, como peonalizacións, pero unha cousa non quita a outra. Sería unha pena que a cidade baixara posicións neste eido e que se desaproveitara a gran axuda que prestan as asociacións.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/carmen-uz-reverso-semana/perdeuse-un-bo-alcalde/20170702201656481655.html


© 2019 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)