Imprimir

"A peonalización da Mosqueira contribuirá a pór en valor a muralla"

Arsenio Coto | 13 de septiembre de 2020

Rubén Arroxo. SEBAS SENANDE
Rubén Arroxo. SEBAS SENANDE
O edil nacionalista arranca o curso político enfundado no mono de traballo, pois acaba de presentar o proxecto de peonalización da Mosqueira e o luns comezan as obras da de Quiroga Ballesteros.

Comeza un novo curso político. O segundo desde que o BNG cogoberna co PSdeG-PSOE no Concello de Lugo. É todo de cor de rosa ou prodúcense inxerencias?

Estamos tratando por ambas partes de que haxa unha boa comunicación para que funcione ben o goberno e para que Lugo vaia ben. Gústanos manter certo diálogo continuado. Aínda que temos autonomía nas nosas áreas, hai cuestións que son transversais. Vexo un traballo bastante leal por ambas partes.

Cando estaban na oposición un dos seus cabalos de batalla foi o Garañón, pero as torres das costas do Parque seguen en pé.

Cando fixemos o pacto de goberno acordamos o reparto de áreas e de responsabilidades e ter un programa común. Nese programa vai o derribo do Garañón. Igual que noutros asuntos, como no Plan Xeral, temos posicións diferentes, nese aspecto temos a mesma postura PSOE e BNG, que é a demolición do Garañón e a recuperación da legalidade desa finca. Aínda que nós non o levamos, porque está ao cargo dunha concellería que xestiona o PSOE, urbanismo, cónstame que se está traballando para poder derribar canto antes as torres do Garañón.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkO BNG terase que encargar de encher de contidos o novo auditorio, cando será unha realidade?

O do novo auditorio é para escribir unha telenovela. Feijóo veu inauguralo en abril do 2016, pero non llo entregou ao Concello ata máis de catro anos despois, en xuño deste ano. Cando se entregou xa os propios técnicos apuntaron que había varias deficiencias, moitas delas debido ao tempo que estivo pechado, como o sistema de climatización. Sábese que entrou auga pola cuberta e causou danos nas madeiras por humidades. Agora o Concello vai ter que reparar esas deficiencias e ademais hai que dar de alta a instalación eléctrica, que aínda é a de obra, para comprobar como funciona toda a maquinaria. O Concello está intentado dasolución a todas esas deficiencias porque Lugo ten aí ese gran edificio que temos que poñer a funcionar canto antes.

Manexan algunha data?

Temos a dúbida de ata que punto van chegar esas deficiencias. Agardo que falemos de meses, non de anos como aconteceu desde a inauguración.

O auditorio evidenciou as tirantes relacións entre Xunta e Concello, en cambio parece que vostede tiña boa sintonía co que fora delegado territorial José Manuel Balseiro.

Co delegado territorial que houbo en Lugo tiven unha comunicación fluida sempre que foi necesario durante o ano que coincidín con el. Aínda que sexamos ideoloxicamente opostos e bastantes distantes, a todos os cargos políticos non nos queda máis remedio que intentar falar e entendernos para que as cousas se solucionen.

O San Froilán está á volta da esquina, haberá festas?

Temos que ser moi responsables. Vendo o que está a pasar noutros sitios, o San Froilán tamén está no tiro da diana de que poida caer. Desde a área de cultura fixéronse todos os traballos posibles para que se se pode facer, se faga. Pero entendendo que este ano o San Froilán non vai ser unha festa como tal, senón un evento cultural. Non vai haber casetas do polbo, nin recinto feiral, nin concertos de masas... Vai constar de seis escenarios dispersos, cos protocolos covid, con aforo reducido, unhas 200 persoas cada un, e onde habería grupos locais. Trátase de intentar manter viva a chama da cultura.

Empezou o curso académico con certos atrancos. No caso de Lugo tiveron que reducir as prazas nos comedores escolares. Non tiñan outra opción?

É un curso escolar moi difícil. Entendo que non é nada doado, pero vexo desde o Goberno galego que non se xestionou nada ben porque houbo moitos meses para facelo. Estamos véndoo coa dimisión de altos cargos dentro da consellería, co cambio da propia conselleira, co atraso do curso en secundaria... No Concello estamos xestionando varios servizos que non nos competen, pero estámolo facendo porque se non quedarían ser dar. Un deses casos é o dos comedores en varios colexios públicos. É competencia da Xunta, pero non o fai e estamos a xestionalos nós cun custo importante para o Concello. Este curso vainos custar máis. Imos ter dous turnos, pero aínda así non poderemos ter o mesmo número que había antes. É unha cuestión física, non económica, nin organizativa. Ou sacamos aos nenos a comer á rúa ou non temos outra posibilidade. Iso vai ser un problema para as familias afectadas, pero non hai outra solución por moitas voltas que lle deamos. Fixénrose unhas bases para poder acceder aos comedores dándolle prioridade a aquelas familias que máis o necesitaban ou que máis problemas podían ter de conciliación.

Que outros proxectos ten a área de educación?

Neste curso imos intentar facer un plan piloto con algún centro de ensino para ver como funcionan os vieiros escolares para que os nenos poidan ir sós ao colexio camiñando por un itinerario seguro e ao aire libre e de paso para axudar á conciliación aos pais. Pode haber voluntarios que axuden ou comercios colaboradores.

PSOE e BNG temos a mesma postura sobre o Garañón. Cónstame que se está traballando para poder derribalo canto antes

En que fase se atopa a reorganización do transporte urbano?

Estamos na fase final. O proxecto de novas liñas está rematado. Foi consensuado cos catro grupos que formamos a corporación. Ademais recolléronse propostas de veciños. O proxecto está agora pendente da resolución do servizo de contratación porque hai que facer unha modificación do contrato. Cando se resolva, automaticamente entrarán en funcionamento as novas liñas, que van aumentar un 20% con respecto ás actuais. As liñas que crucen de norte a sur van pasar cada 12 minutos polas paradas. Incrementa as conexións cos barrios e co Hula, que era unha das demandas existentes. Nesa modificación do contrato vai incluida a instalación do sistema SAE que é o que vai permitir que funcionen as pantallas, a información desde os teléfonos móbiles... Agardo que se resolva de forma inmediata porque está todo feito.

O luns comezan as obras de peonalización da Rúa Quiroga Ballesteros. É un proxecto importante, que pode causar moitos atrancos ao tráfico e á actividade comercial. Como están planificadas?

Este vai ser o terceiro gran corte do casco histórico. Primeiro foi o da Rúa Raíña e o segundo o de San Marcos. Foise moi coidadoso para que os negocios se vexan o menos afectados posibles. Estes días estívoselles informando. Os cortes vanse facer por tramos. O primeiro vai ser o luns desde o centro social Uxío Novoneyra ata fronte a entrada principal da praza de abastos. Haberá dobre sentido para entrar cos vehículos en Quiroga Ballesteros e no fondo de Santo Domingo.

Que resposta están a ter dos empresarios?

Hai un pouco de todo. Hai persoas que están moi ilusionadas con este proxecto porque ven que outras zonas, como Raíña, Bispo Aguirre, San Marcos... gañaron coa peonalización e outras que teñen algo de medo, non pola peonalización senón polas molestias que poidan causar as obras aos negocios. Tratamos de que a actividade económica, sobre todo nun momento coma este, sufra o menos posible.

É a antesala do gran proxecto do grupo municipal do BNG, a peonalización da Mosqueira.

Vai ser o proxecto máis importante no entono da muralla desde que se derribaron as casas, desde que se fixo a operación Muralla Limpa. Cando se vexa a Mosqueira peonil a balanza vaise desequilibrar nunha forma importante cara a xente que está a favor da peonalización da Ronda. Contribuirá a pór en valor que Lugo ten a única muralla romana completa do mundo, que a temos convertida nunha rotonda, ademais dos danos que causan ao monumento as propias vibracións dos vehículos. O Icomos fixera un informe advertindo diso e solicitara hai anos ao Concello de Lugo que tomara medidas para reducir o tráfico.

"Temos idea de facer en plataforma única algunha das rúas da Milagrosa"

Que outros proxectos de peonalización ten a área de mobilidade e infraestruturas que dirixe?

En menos dun ano imos ver a peonalización das rúas Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, no barrio de Recatelo. E pode acontecer algo que lle teño escoitado moito ao alcalde de Pontevedra, que cando se mellora o espazo urbano dun barrio con casas abandonadas os propios propietarios tratan de arranxalas, dentro das súas posibilidades. Pode ser un puntal importante para empuxar este barrio, como queremos facer co da Milagrosa. Temos idea de facer neste mandato algunha das rúas en plataforma única, seguindo o modelo europeo con zonas de convivencia entre peóns e vehículos, limitadas a 20 quilómetros por hora, que animen aos propietarios a darlle importancia ao seu barrio e a cuidar os seus edificios. Estase utilizando en moitas cidades europeas, sobre todo en barrios máis tradicionais con viais máis estreitos. Na Milagrosa hai varias que se poden adaptar a isto. Está demostrado que cando o espazo público mellora, as edificacións tamén.

Cal será algunha desas rúas nas que actuarán no barrio da Milagrosa?

Unha delas é Luis Seoane, que atravesa transversalmente a parte máis histórica da Milagrosa. Ten o pavimento bastante deteriorado, polo que xa se podería aproveitar para facer un cambio importante.

Proxectan outras obras en rúas?

Temos en mente arranxar rúas que son avenidas principais, como Montero Ríos ou Lamas de Prado, que ten moitos problemas de accesibilidade, para transformalas e convertilas en rúas modernas con beirarrúas máis anchas. En Montero Ríos podería gañarse case medio metro en cada lado, e máis agora cando está en debate que as beirarrúas deben ser máis anchas para manter a distancia física entre persoas.

 

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/lugo/peonalizacion-da-mosqueira-contribuira-valor-muralla-temos-rotonda/202009131755571459625.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)