Pemán: ''Tengo pensado hacer un libro donde se hable de meteorología y refranes''

Santiago Pemán falou cos lectores esta tarde. Estas son as sús repostas:

Anxeliño: Don Santiago, ¿Por que os mozos que presentan o tempo hoxe en día parece que sairon todos dunha fábrica? ¿Cal é o 'home do tempo' actual que máis lle gusta?

R. Si, semella que saen da mesma fábrica porque dalgún xeito non hai unha escola que lles poida ensinar a orde que deben de levar na presentación do tempo. Dalgún xeito, a carencia de coñecementos, e, igual que a xente, teñen a ansiedade de dar a nova de que hai bo tempo (iso de que ''xa chega o anticiclón'') e non poden dar boas novas todos os días hai que ser profesional.   En canto á segunda pregunta, a meteoróloga que máis me gusta é unha galega, Rosalía, que está en Telecinco. É unha persoa que estudou físicas e sabe transmitir os seus coñecementos.

Xaime Lou: ¿Como e iso que lin de que vostede imitaba a Mariano Medina?

R. Imitei a Mariano Medina cando fun a ver a TVG por dentro e me colleron a escopetazo para poñerme diante dun croma (eu non sabía o que era). Alí fixen o que vira na casa, como calquera.

Ro (desde Santiago): ¿Cando vai nevar?

 R. De momento non vai nevar. Nos últimos quince anos, as nevaradas, para cidade de Santiago prodúcense nos primeiros días de abril. É o que se chama a nevada do cuco. Nestes últimos anos, foron catro veces as que nevou. Como caso inédito, o ano pasado, o 30 de novembro (outono) nevou en Santiago. Así que, polo momento, nada.

LaoLaShee: ¿cre vostede que o cambio climático fará desaparecer as costas galegas? En concreto, que me di da zona de Redes, onde vive a miña nai?
Grazas e un abrazo, víalle todos os días pola tele e son unha entusiasta do seu blog www.santiagopeman.com (aínda que o ten un pouco abandonado)

 R. Viva vostede tranquila. De desaparecer a costa galega, como din nalgúns medios, pode ser dentro de 60 millóns de anos. Polo tanto goza da vida e de Redes. Como din os Betanceiros, "golpe de mar, trago de caña". En canto á web, está un pouco abandonada. Posiblemente a finales de xaneiro volva a estar, de novo, metido máis nas redes. Moitas grazas polo agarimo.

XaimeFDZ: Pemán, en xaneiro teño que pedir as vacacións para o verán . Quero sol que este ano papei moita auga ¿Que mes pensas que será o máis seco? Unha aperta, crack

 R. É imposible facer unha predicción. Non cabe duda que sería bo xogar coa referencia de que do 23 de xuño ao 23 de agosto, o lóxico é que veña bo tempo. Cruza os dedos para non ter un verán coma o do ano pasado.

AnaPadín: Me caso en marzo y ya sé que falta mucho tiempo, pero ¿tiene idea de cómo nos vendrá el mes?. Un abrazo, echo de menos verle en la tele

R. O mes de marzo caracterízase pola alternancia de nubes e claros e, pola tarde, esas nubes deixan chuvias e algunha tormenta. Por iso di o refrán: "marzo-marzán, pola mañá cara de rosa, pola tarde, cara de can". De todos os xeitos, para saber as posibilidades de que o tempo lle sexa máis favorable, mire, nese mes, cando é lúa chea. Mentres que sexa crecente-a chea, as posibilidades son mellores. De chea-a minguante, hai máis posibilidades de que chova. Non xogues ás casiñas e "por San Marcos, agua en charcos"

 XabiconB: Primerio quitaron Pemán da TVG. Anos despois, a Roberto Vilar. Sr. Pemán, ¿Cal é o segredo de Gayoso?

R. A mín quitáronme relativamente, porque sigo dando o tempo para os mariñeiros e na radio. O de Gayoso, está claro, sempre estivo 'na lúa': "Non hai luar como o de xaneiro, nin amor como o primeiro", e neste refrán sempre hai algún que engade "sempre polo último".

ISABEL: Semella que os novos formatos de información meteorolóxica na televisión tenden a explicar con máis detalle como e porque se producen os fenómenos. Cando vostede traballaba na TVG, ¿notaba tal necesidade?

 R. Penso que non. O labor dun presentador do tempo é dicir o tempo que imos ter. Meterse en tecnicismos ou en informacións científicas, é algo que non interese a todo o mundo.

 JacintoB: Señor Pemán, tenme fascinado coa cantidade de refráns que se gasta vostede, ¿Pensou algunha vez en facer un libro sobre fraseoloxía popular e meteoroloxía? ¿De quen se fía máis, do refraneiro ou das isobaras? ¿Ten algún refrán para este mes de decembro?

R. Teño pensado facer un libro onde se fale de meteoroloxía e dos refráns. Moi rapidamente, hai 500 anos, España tiña 10 millóns de españois, o 80 por cento analfabetos. Esa xente estaba obrigada a mirar sempre o ceo e, esaxerando, déronse conta de que o bo tempo era en verán e, o malo, en inverno. E desde ese punto foron creando a sabedoría popular, da que podemos fiarnos, un pouco, e das isobaras, tamén (son máis exactas para 24-48 horas). Mañá, día 14, 15, 16 e 17, son as témporas do inverno, que comezará o 21 de decembro... Todo parece indicar que o inverno será chuvioso.

Sara, de Begonte. ¿Que o motivou a saltar dende o avión á pequena pantalla?

 R. Eu xa levaba moitos anos como piloto e inspector de aviación civil e cando fun á televisión, de casualidade e para coñecela, decateime de que á miña idade era máis bonita a TV que voar.

Silvia: ¿Non o tentaron nunca a facer outro tipo de programa, como un de tarde por exemplo? ¿Que programas lle gustan a vostede da televisión actual? ¿E da radio? Unha aperta.

 R. Non me tentaron. Colaboro en A Solaina, o venres. Os programas de TV que me gustan son, principalmente, de La 2. Da radio, escoito moito Radio Clásica.

Marisa: Fuches piloto!!! ¿Ti tamén eras dos de folga cada cinco minutos? ¿Alguna vez levaches un susto no avión?

 R. De folga, nada. Eu fun piloto cando non se podía facer folga... En canto a sustos, non. Pero houbo algún voo no que se me ten escapado o cu do asento... cousa das tubulencias. Pero nada máis aló, afortunadamente.

fouciñojack ¿Non cre que as autoridades se curan en saúde e decretan alertas polo tempo por todo? Antes a isto chamabamolo inverno.

R. Estou contigo, tes razón (pero eso de dar alertas en cores 'mola moito')

Ann: Quixera saber se as figuriñas de galos e virxes orixinarias de Portugal predín realmente o tempo ou se é un mito. Moitas grazas.

R. Si, predín o tempo. Cando na masa de aire aumenta a humidade, ponse de cor vermello. Iso pode durar dez días. Pero, pola contra, cando se pon azul, que o pode facer especialmente en xaneiro e febreiro, o tempo é moi bo, pero moi fresco. Hai anos, cando a matanza se facía e se metía a carne de porco na artesa, coa sal, nesa sal sempre había unha pedra redonda que, unha vez lavada, poñíana fóra, nun sitio en que non lle dera o sol. Facía como o galo portugués: se a predra suaba, é que viña mal tempo. Se seguía seca, os labregos sabían se o tempo ía ser bo. Na actualidade, hai casa de pedra, no interior rural, que cando vai haber mal tempo, súan.

pacomontesdeoca:  Corre o rumor de que vostede presentou o tempo unha vez cunha enorme serpe dos ombreiros. ¿É certo? De selo, ¿con que outro animal salvaxe lle gustaría repetir experiencia?

R. Si, varias veces presentei o tempo cunha pitón, pero sempre a levaba no brazo. As serpes gústame e hai moito que contar delas, pero outros animais salvaxes non me tiran tanto.

¿Descubriu algún fenómeno natural que indicase que vai chover ou vai facer bo tempo? Por poñer un exemplo, a cor da posta de sol nunhas zonas de Galicia augura bo tempo, noutras, que o bo tempo marcha...

R. A posta do sol, sempre que sexa encarnada (no caso de Galicia) quere decir que, ao día seguinte, será bo, en xeral. Tendo en conta a curvatura da terra e a cantidade de auga que ten Galicia, quere decir que non hai nubosidade, polo que o día seguinte será bo. No caso de Galicia: "Arco da vella a levante,colle os bois e adiante; arco da vella poñente, garda os bois e vente" Como curiosidade, o único sitio de Galicia polo que vemos sair o sol, polo mar, é en verán desde o Cabo Ortegal ou o de Estaca de Bares. No resto, sae por terra.


MENSAXE DE DESPEDIDA. Gracias polas preguntas e pola charla. E despídome como adoito facer: "Isto é todo. Boas noites. Ata mañá"

Comentarios