Unha película sobre o suicidio asistido arranca a produción na Pontenova

A empresa 60ráfagas comeza a rodar este xoves unha longametraxe ambientada na Mariña

Un fotograma feito na Casona de Labrada. EP
photo_camera Un fotograma feito na Casona de Labrada. EP

A produtora lucense 60ráfagas comeza este xoves a rodaxe do 'teaser' da longametraxe Limbo na Pontenova, no que trata o suidio asistido. O representante da firma, o ribadense Daniel Díaz, explicou que este xoves gravarán en Labrada, nas minas e na vila estas escenas de mostra que amosarán para reunir os 200.000 euros de financiamento público e privado que buscan para desenvolver o filme. Esta fase rematará o domingo, con secuencias na praia de Lóngara (Barreiros) e nos acantilados de Morás (Xove).

Limbo comenza cunha muller (Eva) que, dorida polo suicidio do seu irmán, decide investigar os motivos. Ese interese fai que coñeza a Caronte, un home que xestiona un complexo onde viven varias persoas nun lugar próximo a Lugo.

O produtor ribadense explicou que o proxecto naceu hai medio ano a partir da relación que a súa empresa mantén coa coruñesa Ziwa, e contando co apoio da Deputación, a TIC e o Concello de Barreiros. A idea parte do director e guionista da cinta, Santiago Raimundi.

Díaz indicou que "temos claro que nos gusta unha estética escura de xénero, de thriller e suspense, tiñamos claro que non queriamos facer unha comedia".

"Vivimos tan rápido e de xeito tan superficial, precisamos ser novos, alegres e libres todo o tempo, e comportarnos como se non existise a morte", apunta o productor.

Limbo ten"un transfondo dramático" que interesa aos produtores e vai ser guiado sempre por Eva. "A perspectiva do espectador vai ser a que teña ela, polo que non saberemos se, cando descobre os personaxes do complexo, está coñecendo unha secta".

O equipo traballará este xoves en Labrada, en A Pontenova, e o domingo na praia barreirense de Lóngara e nos acantilados de Xove

A ese "transfondo dramático" suman "un trasfondo ético". Daniel Díaz sitúa na base de Limbo a pregunta de que "ata que punto podemos ser libres para elixir o momento en que morremos?". A cuestión que figura no fondo do filme é que falta de liberdade para escoller o momento do noso nacemento debe manterse no que respecta ao noso pasamento.

A rodaxe do 'teaser' contará este xoves co actor Iván Marcos, que será Caronte cando se filme Limbo. "Escollemos a Iván Marcos porque é un actor que nos gusta e que porque ten unha presenza física propia do cinema norteamericano", indica Daniel Díaz, que engade que o director e guionista, Santiago Raimundi, "traballou con el" e recomendouno.

A paisaxe da provincia lucense ten unha grande importancia na estética de Limbo. O traballo vaise desenvolver na Casona de Labrada, que está situada nun entorno entre A Pontenova e Taramundi, na Asturias occidental, na reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terra de Burón.

Os produtores explican que a estética de Limbo "busca ser coidada, na que o pulso narrativo angustie ao espectador na viaxe de Eva". Apuntan que é "unha historia sobre a vida contada a través da morte, na que ela deberá decidir se fai unha viaxe de redención ou unha viaxe de vinganza".

Comentarios