A pel da terra é de plástico

No supermercado de Aceña de Olga o amo da casa vai metendo a compra en catro bolsas de plástico. Hai outras tres caixas con colas de xente. Centos de bolsas cada día. Miles de bolsas na cidade de Lugo. Millóns de bolsas cada día nos hipermercados de España. Miles de millóns de bolsas nos centros comerciais dos países ricos e dos menos ricos.

Os sete días da semana. Os trescentos sesenta e cinco días do ano. E xa van moitos anos que o plástico nos acompaña. Unha pel multicor sucia vai envolvendo a Terra. Ás diversas capas de aire, auga e terra que compoñen a biosfera hai que engadir unha máis, a plasticosfera? O plástico, toda unha tolemia de obxectos multiusos e multiformes fabricado cun dos materiais máis revolucionarios ideado pola mente humana. Semella imposible imaxinar hoxe a nosa vida sen este material dúctil, de coste tan reducido e con propiedades aislantes. Pero cun problema ben gordo: a case nula capacidade para biodegradarse.

Moitas das bulsas e envases de plástico do amo de casa de Aceña de Olga e de todos os mercados do mundo recíclanse, pero outras moitas van cubrindo a terra, esvaran polos ríos, acumúlanse finalmente en mares e océanos.

Un sexto continente de lixo tóxico está a medrar imparable desde a década de 1950: a Mancha de Lixo do Gran Pacífico, entre a costa californiana e as illas Hawai, unha xigantesca sopa de plástico cun peso de máis de tres millóns e medio de toneladas. As altas presións e as correntes circulares da zona están a convertir esta zona, máis grande que os Estados Unidos, nunha trampa perfecta para atrapar o lixo. O máis terrible é que pouco ou nada se pode facer mentres dure a nosa tóxica dependencia do plástico. Só un masivo esforzo internacional que costaría moitos miles de millóns de euros podería frear este continente de plástico que ameaza con asolagar a biosfera.Esta contaminación que provocamos e non vemos, é dicir, que non doe, ten efectos letais para a vida mariña, para a vida do planeta, para a nosa vida. Certamente mares e océanos, que ocupan as tres cuartas partes do planeta, teñen o lombo ben grande e terman con todo, pensamos.

E pensan desde os barcos que verten impunemente a súa merda no mar, aínda que a maior parte da marea de plástico inicia a súa andaina nas costas. A bulsa que flota debaixo da ponte romana de Lugo acabará no mar.Poderiamos cambiar os hábitos de consumo. Usar materiais biodegradables, bulsas de papel utilizadas unha e outra vez. Esixir que os alimentos non veñan plastificados: unha hixiene idiota que os mantén limpos pero ensucia e contamina o planeta.

E mentres, continúa a nosa festa pantagruélica. Comemos excesivamente, consumimos como tolos, os nosos fillos aprenden a comportarse como insaciables gargantúas mentres cantan como cigarras. E todo ese consumismo desaforado está envolto en plástico. O amo de casa saca os cartos para pagar. Coa xente da cola empurrando con impaciencia, a penas ten tempo para pensar que mercou máis cousas das que tiña anotadas. A señora da caixa sorrí e pregunta con voz amable: necesita unha bolsiña máis?

Comentarios