A pegada meirega na emigración

Foi clave para a cultura galega no século XX pero o seu nome quedou relegado a unha especie de segundo plano, o mesmo no que el traballaba como "verdadeiro motor". Trátase da figura de Xosé Bieito Abraira, que saltou do Miño ao outro lado do Atlántico, onde se converteu nun dos grandes legatarios de Castelao.

Habitación do Centro Galego de Bos Aires na que faleceu Castelao. C.A.
photo_camera Habitación do Centro Galego de Bos Aires na que faleceu Castelao. C.A.

PARA MOITOS é un rostro descoñecido e un nome entre outros, pese a que o seu papel foi fundamental para a cultura galega no século XX. Non ten rúas nin estatuas. Por non ter, non ten nin páxinas. Apenas un pode atopar unha foto minúscula del nese infinito mundo cibernético no que ao gran Google non se lle escapa unha agulla. Tecleamos: Xosé Bieito Abraira. En Wikipedia existe! Premio? Non hai sorte, artigo baleiro. E José Benito? Dez liñas!

"Non hai nada escrito sobre el, e habería que facelo para dalo a coñecer máis", valora ao outro lado do teléfono Ramón Villares, expresidente do Consello da Cultura Galega. "Xosé Bieito Abraira foi un home de acción máis que de pensamento e unha figura importantísima para a vida cultural e a relación entre a Galicia franquista e a emigración. Non tiña gran formación, pero foi un home feito a si mesmo, tivo trato con moitos intelectuais e converteuse en legatario de Castelao", apunta o historiador chairego.

E repasa nunha memoria rápida que non necesita consultar páxinas nin pantallas unha pequena biografía do de Meira, coetáneo e coincidente —na emigración e xa antes na escola—con outro meirego, o poeta Avelino Díaz. No seu caso, unha asociación e dous concellos, Meira e Riotorto, loitan por difundir e espallar os seus versos. Letras vivas que non alcanzan o soño de ser por título "galegas".

En Meira traballou de canteiro, o oficio de seu pai, antes de empezar nun comercio de roupa para homes

Xosé Bieito Abraira (1904-1987) naceu na casa dos de Lenza, na Pena, en Meira —"a miña aldea que ten algunha pretensión de vila"—, ao pé desa serra que marca a alma dos meiregos mentres acubilla baixo o Pedregal as primeiras augas do Miño. Ese río dende o que tomou impulso con 17 anos para saltar o Atlántico na procura dunha vida mellor.

A súa marcha non foi política. En Meira traballou de canteiro, o oficio de seu pai, antes de empezar nun comercio de roupa para homes. Cambiou de país, tamén de continente, non de mundo laboral. Continuou entre patróns e traxes ao outro lado do charco. Traballou en varios negocios téxtiles ao chegar a Bos Aires —din que alí coñeceu a Gardel— ata que en 1934 abriu o seu comercio, a xastrería Celta, despois de casar con Mercedes. Tiveron tres fillos: Carlos, Demetrio e María do Carme.

Castelao foi o acontecemento central da súa vida. Acompañouno ata o final, nesa habitación 222 do Centro Galego na que se conxelou o tempo

Defensor da importancia do idioma, empezou a colaborar na revista Céltiga, na Federación de Sociedades Galegas e no coro Utreia. O seu compromiso medra tras a guerra e o seu nome empeza a repetirse en innumerables cargos, pero din os que o coñeceron que "sempre traballaba nun segundo plano como verdadeiro motor": secretario da comisión organizadora da homenaxe a Rosalía de Castro —a primeira tras a guerra—, fundador da Irmandade Galega, xunto a Manuel Puente e Rodolfo Prada, ou da agrupación A Terra do Centro Galego de Bos Aires, coa que recibe a Castelao en 1940 cando chega ao exilio.

Contan dende a Associaçom Galega da Língua que dende aquela Abraira foi un dos seus amigos "máis fieis" e que non dubidaba ao afirmar que coñecer a Castelao foi o acontecemento central da súa vida. Acompañouno ata o final, nesa habitación 222 do Centro Galego na que se conxelou o tempo. Está igual que daquela.

"Abraira converteuse nun mito do galeguismo porteño, pois foi un dos últimos representantes da xeración de emigrantes incorporados ao galeguismo antes da Guerra Civil e tiña unha importante presencia nos círculos culturais e políticos galegos de Bos Aires, que se reforzaba pola súa forte personalidade", recolle Marcelino Xulio Fernández, documentalista do Arquivo da Emigración Galega, na presentación do informe que escribiu Abraira tras o seu primeiro regreso á terra. Houbo outros. Entre os destacados, en 1984, a repatriación dos restos de Castelao. Seica veu sen pasaxe oficial.

El era arredista, máis que galeguista, e foi clave no movemento cultural

Na primeira viaxe pasaran 20 anos. Voltou como representante do Consello de Galiza e da Editorial Nós. E deixou unha ducia de páxinas, das poucas publicadas por el, que reflicten a súa "panorámica" do galeguismo en América e en Galicia tras os contactos mantidos cos núcleos galeguistas —aparecen nomes como Ben-Cho-Sei, Álvaro Xil, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Vilar Ponte ou Ramón Piñeiro como interlocutores—. As mesmas páxinas reflicten o seu continuo traballo por dar a coñecer e vender As cruces de pedra na Galiza, derradeira obra de Castelao, nese traballo como "testamenteiro" e "legatario" do de Rianxo.

"Sería un bo momento para tratar de recuperalo agora que se está falando de Avelino", comenta o meirego Miguel Anxo Abraira, que destaca o seu papel como "figura de organización", clave para facer "ese traballo espurio necesario para manter vivo todo" pero relegado co paso do tempo a unha especie de olvido histórico por "lagoas e desconexións entre o interior e o exterior e o propio nacionalismo co galeguismo da época". "El era arredista, máis que galeguista, e foi clave no movemento cultural. A Esmorga é o encargo que lle fai o grupo no que se move en Arxentina a Eduardo Blanco Amor; unha novela longa en galego", di. Cando se escribirán páxinas para el?

As datas coñecidas da súa historia
1904. Nace en Meira.
1922. Emigra a Bos Aires con 17 anos.
1930. Casa con Mercedes Cela. Na súa voda cantou Suárez Picallo e tocou o piano Blanco Amor.
1940. Acolleu a Castelao cando chegou ao exilio a Arxentina. Dende aquel momento fixéronse amigos.
1941. Funda as Irmandades Galegas. 1950. Acompaña a Castelao ata o seu final e ese mesmo ano volve a Galicia como representante do Consello de Galiza e da Editorial Nós. Publica un informe da súa estadía. Permanecerá dous meses e asiste ao acto constitucional de Galaxia. Antes de volver viaxa a Cuba e a México.
1956. Participa na organización do I Congreso da Emigración Galega.
1968. Forma parte da organización dos Xogos Florais do Idioma Galego, aos que asiste Jorge Luis Borges.
1982. Impulsa con Manuel Pedreira o xornal Patria Galega.
1984. Repatriación de Castelao.
1987. Falece aos 83 anos en Arxentina.
2004. O concello de Meira acolleu unha homenaxe polo centenario do seu nacemento.

 

Comentarios