A pegada da pandemia no Camiño

Un peregrino ao seu paso por Palas de Rei. XESÚS PONTE/SEBAS SENANDE
photo_camera Un peregrino ao seu paso por Palas de Rei. XESÚS PONTE/SEBAS SENANDE

EN PALAS DE REI vívese do turismo. Se normalmente o Camiño e, por conseguinte, os peregrinos, son unha importante fonte de ingresos para a vila, nun ano véspera de Xacobeo como este 2020 estas cifras dispáranse. Con todo, esta non é a realidade actual, pois debido á pandemia do Covid os empresarios hostaleiros de Palas están a vivir un verán tan atípico como incerto.

ALBERGUE PIONEIRO. Amelia Martín abriu o Buen Camino, unha das primeiras hospedaxes privadas de Palas, no Amelia Martín.ano 2005. Daquela era unha peregrina que, mentres percorría a ruta xacobea decidiu abrir un albergue en pleno centro da vila. Escolleu Palas porque foi un lugar que lle gustou, e o local onde se atopa desde hai 15 anos o albergue cativouna pola súa céntrica ubicación, que o facía ideal para acoller peregrinos.

Ao levar tantos anos no negocio hostaleiro, esta emprendedora sabía "que este iba a ser un año muy bueno, similar a los anteriores o incluso mejor", afirma. Pero a irrupción da pandemia do Covid-19 cambiou totalmente ese panorama, forzando o peche prematuro do albergue cando estaba por empezar a tempada alta de turismo.

A empresaria nota que a afluencia de peregrinos é moi inferior a outros anos e que "sobre todo vienen peregrinos jóvenes, en grupos de amigos". Tamén notou un incremento na presenza de turistas galegos. Amelia reabriu o Buen Camino o pasado mes de maio, cando se permitiu volver usar as terrazas, e percibe un maior número de clientes da vila. Porén, a clientela que ten agora non é suficiente para facer fronte ás perdas económicas que sufriu nos meses previos.

RESERVAS Á METADE. Ocorreulle algo semellante a Lucía Mejuto, que tiña pensado abrir a súa pensión, Lar do Lucía MejutoPeregrino, o 30 de marzo. Porén, a crise sanitaria obrigouna a retrasar a apertura do aloxamento ata o 4 de xullo. Se ben en marzo contaba con todas as reservas completas, hoxe ten "o 50% de clientes que tería normalmente, ou incluso menos". As perdas económicas afectáronlle por partida dobre, xa que ademais do Lar do Peregrino, súa nai rexenta outro aloxamento en Palas, o 'hostel' O Castelo, que tamén tivo que pechar as súas porras durante o confinamento.

Aínda que desde a súa apertura hai apenas un mes está experimentando unha pequena recuperación, Lucía admite que non sabe como vai evolucionar o turismo, pois "estanse a producir moitas cancelacións de reservas nas próximas semanas, a xente ten medo a posibles rebrotes", explica.

As medidas de seguridade que tiveron que adoptar para poder desenvolver a súa actividade non foron tan extremas como as dos albergues, pois o seu aloxamento conta con habitacións privadas. Con todo, afirma que tiveron que restrinxir o acceso ás zonas comúns da pensión, así como "ir detrás de cada peregrino desinfectando todo o que toca".

En canto ao incerto futuro, tanto Amelia como Lucía teñen a vista posta no Ano Xacobeo, aínda que con puntos de vista diferentes. Ambas coinciden en determinar que será a pandemia a que marque o transcurso do ano, pero a primeira cre que, se todo sigue como ata o de agora, "quizás tenga que cerrar el albergue, porque con la afluencia actual no podemos afrontar un año entero". De feito, mesmo está considerando pechar o Buen Camino en setembro en vez de a finais de outubro polas baixas cifras de peregrinos que están rexistrando. Pola súa parte, Lucía é máis positiva e afirma que "seguramente se traballe dunha forma diferente, pero vaise traballar igual".

Comentarios