Marco Foxo trae paz e sosiego nun mundo ruidoso coa súa recompilación de romances

Presentou en Monforte o seu último disco no que tivo o apoio da cantante Lucía Pérez

Interpretación dunha cantiga do disco de Foxo no mosteiro de San Vicente. L.A.R.
photo_camera Interpretación dunha cantiga do disco de Foxo no mosteiro de San Vicente. L.A.R.

O antigo refectorio do mosteiro bieito de San Vicente do Pino de Monforte, hoxe unha das salas máis destacadas do Parador de turismo habilitado no edificio e inaugurado no ano 2003, foi o escenario da presentación do disco compacto (CD) Romances Novos e Vellos, obra de Marco Foxo, quen quere dispor do seu propio protagonismo na música tradicional galega, sen ataduras co seu pai, o courelán e responsable da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo.

Tratouse dun acto sinxelo, no que Marco Foxo explicou o alcance e os motivos desta obra para, de xeito inmediato, dar paso a aos cantantes Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, que acompañados por Tatiana Kostomorova, Lucía Calviño e Ana Belén Rodríguez, interpretaron algunhas pezas das dez que compoñen o CD.

Neste traballo participaron destacados músicos, especialistas en música étnica procedentes de Irán, India, Armenia, Alemania e Galicia. A publicación está adicada á famosa romanceira de Fereirós do Caurel, quen transmitiu numerosos romances que se publicaron no seu día nos Cancioneiros de Músicas do Caurel. Aparte da selección de romances, inclúe temas que popularizou a orquesta Os Padernes, tales como No Bicarelo do Bico do Brelo, do que é autor da letra Uxío Novoneyra e da música Xerardo Fernández, da Ferrería Vella.

O traballo mantén como filosofía ofrecer á poboación música que transmite "paz e sosiego nun mundo ruidoso", destacou Marco Foxo, quen sinalou que son precisamente os vellos romances que se cantaban a carón das lareiras un guiño aos tempos de paz sen presas.

NO INCIO. O concello do Incio tivo un importante protagonismo neste novo disco do gaiteiro de orixes courelás Marco Foxo, pois varios temas foron gravados nunha intensa xornada hai un ano nos estudos A Palleira, sitos neste municipio, coa colaboración dos irmáns Lucía Pérez e Xabier Biscaíño.

O traballo discográfico contou coa participación dunha vintena de músicos. Nas gravacións realizadas no Incio, Xabier Biscaíño encargouse do control técnico do son e a cantante Lucía Pérez puxo voz a varias pezas. Entre elas atópase o Romance de Doa Ildara, unha cantiga medieval recollida na zona do Courel para cuxa interpretación se empregaron instrumentos como o organistrum, a zanfoña, o violín, a frauta barroca e o pandeiro.

Este luns foron interpretadas, de novo, por Lucía Pérez e Xabier Biscaíño fronte o antigo mosteiro bieito, a carón da Torre da Homenaxe dos condes de Lemos.

RECOÑECEMENTO. O gaiteiro Marco Foxo conta xa con outros tres traballos discográficos, entre eles Músicas do Gaiteiro de Ventosela, no que recolle melodías en homenaxe ao músico galego Xan Míguez González (1847-1912).

A pesar da súa mocidade, Marco Foxo xa dispón de numerosos premios a tanto ao seu labor musical como ao seu traballo de recuperación de pezas tradicionais.

Comentarios