Blog | A Semana do Revés

Paz sindical con talonario

O GOBERNO lucense superou unha das probas máis difíciles que tiña por diante, o apoio dos sindicatos á nova relación de postos de traballo (RPT) do Concello. O 80% dos delegados das cinco forzas con representación na mesa negociadora avalou a proposta tras semanas de quita e pon no documento. Só a CIG votou en contra. No órgano non está o sindicato que representa a máis funcionarios, Ágora. É unha candidatura independente formada por traballadores (a maioría técnicos) que se impuxo en 2015, pero non puido entrar na mesa porque, inexplicablemente, non fixo as cousas como debía ao non presentarse como sindicato. Outras forzas vetaron a súa presenza na mesa e, aínda que o goberno se comprometeu a contar con eles en asuntos importantes e xa é sindicato, quedaron excluídos das mesas de traballo da RPT.

O documento debe superar agora os informes de Intervención e Persoal para ser aprobado polo goberno. A continuación é probable que empece a recibir recursos de traballadores descontentos e as consecuencias destes son incertas. Os intereses da Administración en cuestións laborais non adoitan saír ben parados nos xulgados.

É posible que haxa recursos porque o consenso sindical pode ser enganoso. Da revisión da RPT saen claramente favorecidos algúns colectivos que, ben sexa polo número ou polas especifidades do seu labor, teñen máis forza á hora de negociar, como a Policía e os Bombeiros. Segundo o goberno, dos máis de 600 traballadores do Concello, só 17 verán reducido o salario, pero unha RPT é máis que retribucións. Implica reorganización e redifinición de postos (uns cantos ocupados de forma irregular) polo que nos vindeiros anos debería haber convocatorias de prazas e movemento de persoas. E xa se sabe que iso sempre xera problemas.

A sensación que hai é que os sindicatos foron a "arranxar o seu". Axuda que, á mesma hora que chamaban os traballadores á mobilización, votaban si ao documento. O gasto global en persoal non aumenta, porque a lei impídeo, senón que se xogou coas distintas partidas do capítulo de persoal, pero hai traballadores que sacaron moita tallada. A cidadanía, e tamén moitos funcionarios, está escandalizada coa suba dos policías. Ao goberno tamén lle saíu redonda a xogada. Fronte a calquera futura reivindicación laboral, non ten máis que ensinar o acordo con sindicatos. Este tamén é un pulo para a tan cuestionada dirección xeral de recursos humanos, creada o ano pasado coa funcionaria Ana Sáez á fronte. E para o edil de persoal, Daniel Piñeiro, que sudou moito no último ano. Ademais, a aprobación da RPT permitirá iniciar a negociación coa oposición para o orzamento municipal.

É, en definitiva, un tanto para o goberno de Lara Méndez, moi necesitado deles. As dificultades na xestión diaria e a tardanza de resultados en moitos asuntos fan que, a miúdo, a sensación sexa de que o Concello está a piques do colapso. Pero, de repente, saen adiante temas capitais que para calquera goberno en minoría serían un desafío ou que gobernos maioritarios non foron capaces de resolver. E sen saber moi ben como. Canto hai de bo facer e canto de fortuna.


López Pombo cotiza á alza?

AS INTERVENCIÓNS e a presenza pública da edil do PP Ana López Pombo aumentou dende hai unhas semanas. Iso, xunto aos cambios que traerá a renovación da xunta local do PP, fai que nalgúns ámbitos se especule con que a presidenta dos veterinarios poida xogar un papel máis importante no Concello. Foi a principal fichaxe do PP local nas últimas eleccións, pero ata agora mantivo un perfil baixo.


Fomento non trae noticias

UN SECRETARIO de Estado de Infraestructuras non visita a provincia tódolos días (a anterior vez foi en 2007), por iso chamou a atención a intervención que fixo esta semana en Lugo Julio Gómez Pomar, no acto do Eixo Atlántico. Dedicou case a totalidade do discurso a relatar os investimentos e os avances no arco atlántico, para as infraestruturas de Lugo deixou cinco minutos e das pendentes non trouxo ningunha noticia.


Cartos para frear o cancro

SUPONSE que as investigacións médicas deberían sufragalas as administracións, ás que os cidadáns contribuímos con impostos, pero o enfoque que o grupo do doutor Rafael López dá ao seu proxecto de investigación da biopsia líquida ten o seu interese. A técnica que busca detectar e vixiar o cancro xera moitísimas expectativas e López plantea unha campaña de micromecenado para que arrimemos o ombreiro.

Comentarios