Patricia Otero: "O partido está na Uci, pero pódese saír"

A tenente alcalde de Burela cre que pode dar un "aire de renovación moi necesario" para os socialistas

Patricia Otero. XESÚS PONTE
photo_camera Patricia Otero. XESÚS PONTE

Por que decidiu presentarse como candidata ás primarias?

Porque considero que o partido na provincia está nunha situación crítica, está na Uci, pero da Uci pódese saír e eu traería ese aire de renovación tan necesario para recuperar o noso espazo político que viñeron a ocupar outras forzas políticas que floreceron nos últimos tempos. Tamén podería dar un aire de ilusión aos nosos militantes para estendelo ao noso electorado, que parece que se afastou algo de nós. Ese aire de renovación vénse dando con Pedro Sánchez, con Gonzalo Caballero e esperamos que agora chegue á nosa provincia. Aparte de que son unha cara nova e creo que pode ser un dos puntos que xoguen ao meu favor. Ademais, penso que podo conseguir a unidade para ter unha dirección forte e que a cidadanía nos volva ver como única opción clara ante as políticas de regresión do PP. Tamén son a única muller dos tres e que unha muller tome o temón creo que sería importante, porque hai grandes socialistas que non se viron en certos postos que igual si lles corresponderían.

Como pretende rematar coa división no partido?

Se saio elixida secretaria xeral haberá que comezar a recorrer as agrupacións para escoitar os militantes analizando os problemas e buscando entre todos as mellores solucións para que o partido volva reflotar. Creo que podo acceder a esas agrupacións sen levar prexuízos, porque non tiven roces con membros delas que me permitan ir cunha visión que non é a máis correcta. Eu chegaría desde cero para escoitar e analizar en grupo.

Pero os seus rivais son pesos pesados do partido.

Creo que os dous reúnen valía suficiente para poder acceder á secretaría xeral. Imaxino que queren o mellor para o partido e veñen de dúas institucions diferentes, pero eu creo que traen diferenzas polos acontecementos que coñecemos e que deron unha imaxe lamentable do partido. Creo que deberían primeiro limar asperezas e despois empezar a traballar.

Baralla a integración con algún dos dous candidatos?

A día de hoxe non hai ningunha integración. Patricia Otero vai chegar coa súa candidatura e o seu proxecto ata o final.

Cal vai ser a prioridade se chega a dirixir o PSOE?

Sobre todo fortalecer a dirección do partido para que se vexa que é o que adopta as directrices políticas que despois se teñen que levar ás distintas institucións como pode ser a Deputación.

Están facendo ben as cousas no goberno da Deputación?

Bueno, unha cousa son as directrices que se poidan marcar e outra as decisións que tomen o presidente e os deputados provinciais para resolver os problemas da cidadanía e para axudar os concellos.

Comentarios