Paseo polas vítimas do esquecemento

O venres, ás 20.30 horas, preséntase na casa da cultura de Vilalba 'Os nomes do terror', unha obra colectiva que busca darlle visibilidade aos efectos da represión franquista en Galicia, identificando as vítimas e tamén os verdugos

Peña Novo, nun mitin en Lugo o 21 de xuño de 1936. BEN-CHO-SEY
photo_camera Peña Novo, nun mitin en Lugo o 21 de xuño de 1936. BEN-CHO-SEY

UNHA FERMOSA ROSA, pendurada boca abaixo sobre a nada, con pétalos da cor do sangue con agullas espetadas, é a metafórica imaxe de Caxigueiro que recibe a aqueles lectores que queiran aventurarse nas duras pero necesarias páxinas da obra colectiva Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, editada por Sermos Galiza.

Xosé Ramón Ermida Meilán, coordinador do libro, e Carlos Nuevo Cal, coautor, acudirán a Vilalba, a un acto organizado polo Iescha, para profundizar nalgúns dos aspectos desta obra, recuperando a tráxica realidade daquela época na Terra Chá. Xunto a eles estarán o economista Manuel Roca Cendán e o presidente de Sermos Galiza, Xoán Costa Casas.

Represores e represión franquista na Terra Chá é o título escollido para este relatorio que entra de cheo na memoria histórica local, lembrando non só as numerosas e inxustificadas vítimas, mortais ou non, duns ideais políticos, senón tamén a aqueles responsables de que se apretase o gatillo, sobre "os que había pouco escrito, porque non é doado abordar os verdugos", aseguran os autores do libro.

Ermida e Nuevo inciden en que moitas das accións que se levaron a cabo estaban premeditadas, planificadas para "instaurar o medo, instaurar o terror". "E conseguírono, a proba está en canto tempo fixo falta para que se poidese falar disto", lamentan, lembrando que en moitos casos son os netos ou os bisnetos os que tratan de recuperar a memoria dos esquecidos.

E deses quedan moitos na Terra Chá, aínda que algúns fosen pioneiros, coma Darío Rivas, que coa súa incansable loita acadou que seu pai, Severino Rivas Barja, alcalde de Castro de Rei fusilado en Portomarín o 29 de outubro de 1936, fose o primeiro exhumado de Galicia pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. Un desexo de pór un punto final polo que outros aínda agardan.

"Na Terra Chá non se ten escrito moito sobre a represión", apuntan os coautores do libro, constatando que comparativamente con outras zonas da provincia, a incidencia foi menor, probablemente porque era unha terra eminentemente labrega, e as maiores mobilizacións tiñan como protagonista ao movemento obreiro. Mais iso non quere dicir "que non é dura ou que non é masiva", aclaran.

"En Muras, dirixida polo cura, foi moi heavy", pon como exemplo Ermida. E detalla que este municipio, no que "a agrupación socialista é moi forte", era a zona de paso dos mineiros de Viveiro ao dirixírense á Coruña para defender a República, polo que "se aproveitaban de que pasaban por alí, e de que os recibían con aplausos, para ir a pola xente".

Que se teña constancia, foron máis de 30 os veciños das comarcas da Terra Chá e de Meira e das Pontes que foron paseados ou executados no ano 1936 polas súas ideas republicanas, os seus vínculos coa esquerda ou, simplemente, unha sospeita.

O destino dos cartos dunha festa condenaron ao crego vilalbés Andrés Ares, que exercía no Val de Xestoso (Monfero) e foi o único cura paseado en Galicia. A súa morte atribuíuselle ás feridas por arma de fogo sufridas ao tentar fuxir da forza pública, aínda que en realidade foi executado o 3 de outubro do 36 en Barallobre (Fene). A súa morte tería consecuencias, lembra Ermida: "Con el fóiselles a man e supuxo un punto e aparte, para ben, no que é a represión. Por exemplo, o delegado de Orde Pública é cesado despois pola presión da Igrexa".

Ás historias tráxicas de Severino, Andrés, Amadeo, Manuel, José, Maximino, Bernardo e tantos outros concelleiros, labregos, mecánicos, limpabotas, panadeiros... únense ás doutras ducias de nomes que non perderon a vida, pero sufriron o peso da represión. Só no cárcere de Lugo, consta que, entre o 36 e o 39, ingresaron preto de 30 vilalbeses, máis de 20 veciños de Guitiriz, outros tantos de Cospeito, 16 da Pastoriza, unha decena de Xermade... E detrás de cada un deses nomes "hai un drama, porque é algo que lle afecta a todo o contorno familiar".

Nesa longa lista de presos políticos figuran nomes ilustres coma o de Lois Peña Novo, membro das Irmandades da Fala e impulsor do Estatuto de Autonomía de Galicia. O avogado e político vilalbés protagonizou actos coma un mitin en Lugo celebrado o 21 de xuño de 1936 -nel tamén estaba Alexadre Bóveda, asasinado pouco despois- e mantívose firme na defensa da República, o que o levaría a unha peregrinaxe carceraria.

Peña Novo logrou sobrevivir á experiencia penitenciaria, da que foron vítimas os irmáns Avelino e César López Otero, destacados activistas e políticos nados en 1903 en Acevedo (Ribeira de Piquín). Avelino, xornalista que se sumou á redacción do Estatuto, morría en setembro do 36 no hospital polas feridas que lle causaron na cadea. César, avogado e dirixente das Irmandades da Fala, finaba no 39, pouco despois de saír do cárcere.

Son só exemplos dun poder represor que conlevou moitas "mortes civís", como as definen os autores do libro, facendo referencia, por exemplo, aos 48 mestres do partido xudicial de Vilalba que foron "apartados do maxisterio por motivos políticos".

Froito deses colvulsos anos xurdiron os guerrilleiros, aos que o paso do tempo converteu case en seres míticos, malia a que as súas historias sexan, ante todo, dramáticas. Ermida lembra dous especialmente coñecidos.

O vilalbés Roberto Alonso Díaz, O Barbas, nado en Cienfuegos (Cuba), "botouse ao monte no 37, ao caer o Frente Norte" e crese que foi asasinado en 1948. Detivérono, levárono declarar e non se soubo nunca nada máis del.

Sobre o polense Manuel Castro Tellado escribiu un estudo a profesora da USC Ana Cabana. Líder do PSOE de Pol e presidente da Sociedade de Traballadores da Terra, botou anos á fronte dunha partida composta por veciños de Pol, Castroverde ou Meira e foi nomeado comandante en xefe da III Agrupación da Federación de Guerrillas Galicia-León. Morreu nunha emboscada a comezos de 1947.

Eles son só algúns deses nomes unidos para sempre ao terror e ao horror dun tempo silenciado que o venres terá, aínda que sexa momentaneamente, voz en Vilalba.

Con nome propio: uns de tantos
José A. Rivas Carballés
Zoqueiro polense de 39 anos, era veciño de Fraialde, onde recibiu sepultura en 2011 tras décadas soterrado nunha fosa sen nome. Morreu o 30 de agosto de 1936 en Río (Portomarín) por feridas de bala, logo de que os falanxistas o sacasen de noite da súa casa. Rexistrouse como descoñecido e non foi a única vítima da súa familia: o seu irmán Manuel e o seu sobriño Homero tamén sufriron a represión.
Juana Ferreiro
O asasinato da única muller paseada na zona visibilizase na mostra Vermellas (chamábanlles rojas), lembrando que non estaba soa. Esta pontesa de 59 anos foi asasinada o 5 de setembro do 36 nas Barosas xunto ao seu home, Manuel Ramos Fernández, de 65 anos —tenente de alcalde e membro do Partido Agrario—, e dous fillos, José, de 28 anos, e Manuel, de 25. Foron exhumados en 2006 da fosa común no cemiterio das Campeiras grazas ao traballo da ARMH.
Antonio Lafuente
Mestre en Muras, natural de Valencia e vencellado ao PSOE, foi xulgado en Lugo por rebelión militar e senteciado a morte. Foi executado o 29 de xaneiro do 37. Tiña 27 anos.
Segundino Álvarez
Militar de 23 anos natural de Ribeira de Piquín, era cabo de aviación. Foi detido o 2 de agosto de 1936 e fusilado o 29 de outubro en Las Palmas.
José Eirado Fernández
Unha hemorraxia interna foi a causa da morte, o 24 de setembro de 1936, deste limpabotas ‘paseado’. Nado en Vilalba e residente na Coruña, o seu cadáver apareceu en Bastiagueiro (Oleiros).
Amadeo García Mao
Guitiricense de 35 anos que traballaba na estación de tren da Coruña, desapareceu días despois do golpe de Estado.
Benito Folgueira
Labrego de Álvare (A Pastoriza) de 64 anos, morreu o 12 de outubro do 36 na porta do cárcere de Lugo dun síncope cardíaco.

Comentarios