Pardiñas cumpre os 40 e celébrao recordando os grandes fitos do festival

O programa inclúe un espectáculo con artistas que xa pasaron polo escenario de Guitiriz

photo_camera Presentación do XL Festival de Pardiñas, en A Coruña. JUAN LUIS TOMÉ

O XL Festival de Pardiñas celebrará os seus 40 anos recordando os grandes fitos da historia "festival moi noso, moi do noso país". Así o definiu Víctor Mantiñán, o delegado de Estrella Galicia, empresa patrocinadora do evento, e que acolleu o mércores na súa cervexería de A Coruña a presentación oficial do programa.

Xurxo Souto foi o encargado de exercer de mestre de cerimonias e deu paso a cada un dos convidados. Entre eles estaba Alfonso Blanco, da asociación cultural Xermolos, que se alegrou de poder seguir traballando nun evento que é froito do esforzo de varias xeracións. Tamén engadiu que en Pardiñas sempre haberá un oco para a xente do país, xa que "Galicia é un pobo de artistas".

Antón Reixa, Richi Casás, ou Susana Seivane foron outros dos que se achegaron á presentación e que estarán tamén a fin de semana do 2 ao 4 de agosto na parroquia guitiricense. Seivane contou como dende pequena acudiu a Pardiñas e como agora, cando non ten obrigas laborais, leva aos seus fillos a que desfruten del.

A principal novidade desta 40 edición será que todos os artistas que se suban ao escenario xa pasaron polo festival nalgún momento ao longo da súa historia. Actuarán grupos como Harmonica Creams, que xa estiveron en 2013; Habelas Hainas, que actuou en 2015; Dubhlinn & Anxo Lorenzo, que acudiron en 2016; o grupo Zënzar, que foi en 2008 ou TT Syndicate, que tocou dez anos despois

O pregón será musical e terá lugar o domingo 4, da man de Pilocha, Miro Casabella, María Manuela e Mero, que xa cumpriron ese papel noutras ocasións.

Na mesma xornada celebrarase o espectáculo Cantando as 40 -o mércores na presentación houbo un pequeno adianto-, que contará coa presenza de Susana Seivane, Xurxo Souto, Antón Reixa e outros solistas que xa son caras coñecidas de Pardiñas e que, xunto coa denominada Banda Pardiñazo, a coral, o grupo de gaitas e o Bloquinho de Xermolos, ofrecerán unha actuación que recordará os grandes fitos do festival.

A presentación deixa a mel nos beizos e inicia a conta atrás para o XL Festival de Pardiñas, que encherá a primeira fin de semana de agosto de música, arte, tradición e unha chea de actividades.

PROGRAMA: AS OUTRAS CARAS DUN HISTÓRICO FESTIVAL
O programa comezará xa o venres día 2, como é costume nos últimos anos. O certame de Cantos de Taberna, que vai pola súa sétima edición e que conta cunha gran acollida por parte do público, abrirá os actos do XL Festival de Pardiñas e levará aos festeiros de local en local cantando e bailando ao son da música tradicional. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración dos hostaleiros da vila.
Artesanía, música e deporte
O sábado e o domingo terá lugar a XL Mostra de artesanía e a XXVI Mostra de instrumentos de música tradicional. Este último acompañado, na tarde do sábado, do pregón de Lois Mourinho. Ademais, ese mesmo día, celebrarase un aberto de billarda e a carreira popular que se vén facendo dende o inicio do festival. Os nenos, o futuro do festival, terán o seu protagonismo o domingo no Pardiñas Miúdo, no que actuará Peter Punk.

 

Comentarios