Para conservar as ‘raposas’ vivas

Una niña con la 'raposa' que le hizo su madre (Foto: Guille Dacal)
photo_camera Una niña con la 'raposa' que le hizo su madre (Foto: Guille Dacal)

A sega, unha das actividades agrícolas con maior compoñente festiva, é unha popular tradición galega que paulatinamente se foi perdendo. «Alí polos anos setenta chegaron as colleitadoras e esta tradición empezou a morrer pouco a pouco», conta con nostalxia José Ramón Gavieiro, secretario da asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín.

Por sorte, en Galicia aínda quedan pobos que queren conservar os antigos costumes e seguen realizando esta labor. Un exemplo é a parroquia de San Vicente, en Guntín, que, grazas á axuda da Asociación de amigos de Pallares, onte, como todos os anos, realizou a súa sega anual. «É unha tradición do pobo e gústame que se manteña, ese é o motivo de que participe. É bonito recordar o pasado», declara Jaime Núñez, un dos segadores da parroquia.

Normalmente, cada ano adoitan reunirse arredor de vinte habitantes pertencentes a distintas familias da parroquia, xa que o común é que uns axuden aos outros. «Aquí colabora todo o mundo!», exclama cun sorriso Antonio Villar, outro dos participantes na sega.

«Antes se a sega era organizada por unha casa potente, podíanse xuntar uns oito ou nove segadores, coas súas respectivas atadeiras. Agora o normal é que participen catro ou cinco segadores», explica José Ramón.

Este ano o número de participación aumentou considerablemente, según informa Carlos Vázquez, presidente da Asociación de amigos de Pallares. «A xente da parroquia é bastante participativa, e cada ano máis. Isto está empezando a medrar», conta cunha gran expresión de satisfacción.

Procedemento

Os veciños de San Vicente intentan que o paso do tempo non destrúa nin o que, nin o como. Queren conservar a súa sega, pero tamén as formas de antaño de realizala.

Os pasos a seguir sempre son os mesmos. A primeira hora da mañá reúnense familiares, veciños e amigos na leira na que está sementado o cereal para comezar a traballar. «O traballo é duro, sobre todo polas temperaturas que se alcanzan durante a mañá nesta época do ano», explica Jaime.

En primeiro lugar ségase o centeo. «Hai que esperar a que o centeo estea ben maduro, senón non se pode segar», conta José Ramón.

Posteriormente, colócase este en montóns, que son coñecidos como medeiros ou mollos. Aquí é cando as atadeiras levan a cabo o seu labor. «Nós o que temos que facer é coller o pan e atalo, facendo así os mollos», explica, con un na man, a atadeira Celia Suárez.

Cando xa están os medeiros feitos, chega o momento de cargalos no tractor para transportalos ata a eira, lugar donde se farán as medas, é dicir, «un medeiro moito máis grande», e donde permanecerán ata o día da malla.

«Antigamente, levábanse nos típicos carros galegos, pero iso é unha das cousas que se foron perdendo», confesa José Ramón. «O día da malla viña a máquina de mallar para toda a parroquia. Toda a xente do pobo ía dunha eira para a outra ata que se acababa en todas», continúa.

Unha das cousas que máis lamentan os veciños e que se perdese a participación da xuventude na sega e a presenza dos máis pequenos. «Eu vou facer 80 anos e levo máis de sesenta participando na sega. Hoxendía, a mocidade non se enreda nestas cousas», conta Antonio. «Antes, despois da sega, os rapaciños corrían pola leira apañando todas as sobras que encontraban para logo facer as ‘raposas’, coas que xogaban. Iso son cousas que xa pouco se ven», relata José Ramón.

Ferramentas

Para a sega do centeo os únicos utensilios que se precisan son fouciños e pedras para afialos. Pero non sirven uns fouciños calquera, senón que teñen que utilizarse uns de moi bo corte, os cales están reservados exclusivamente para a sega. Cada quince minutos aproximadamente hai que afilalos, e a forma de facelo é a tradicional, «dándolle ó fouciño coa pedra polos dous lados».

Comidas

A sega é un traballo moi duro, polo que os veciños que participan nela precisan dunha boa alimentación para aguantar a longa xornada laboral.

Da mesma forma que se axudan uns ós outros á hora de traballar, a colaboración tamén é mutua no momento de achegar a comida á leira.

A media mañá, os veciños levan ata a zona de traballo diversos productos «para picar». «As mulleres traen embutidos, queixo, xamón... para aguantar ata o xantar. Ademais, a esas horas tamén baixa ben algo de viño. Antigamente incluso tomaban uns vasiños de augardente», conta entre risas José Ramón. «Bebémolo viño pola bota, que neste caso é máis hixiénico que utilizar vasos, xa que a pasamos duns para os outros», explica Antonio inclinando a bota que acaba de recibir doutro compañeiro.

Ao chegar a hora do xantar, o tradicional é que a maioría dos participantes coman na casa do propietario da meda. O menú adoita facerse a base de alimentos típicos de Galicia, sendo o producto estrela a carne de porco. «Antes cocíase unha cacheira, lacón e chourizos, e con iso xantábamos todos», explica Jose Ramón.

Anécdota

Antonio Villar, uns dos homes con máis experiencia nas tareas da sega, conta que fai moitos anos, «estaba segando nun agro a todo gas e, de repente, sentía que perdía a respiración, e tiven que incorporarme para coller aire. E como esa podería contar moitas situacións máis».

"As exposicións da festa artesanal son dignas de ver"

Carlos Vázquez, presidente da asociación de Amigos do Mosterio de Ferreira de Pallares dende a súa fundación no ano 2003, síntese moi orgulloso desta asociación pola gran participación dos veciños desta parroquia.

Os principais motivos polos que se fundou este colectivo foron, esencialmente, a restauración e conservación do mosterio de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín, máis levar a iniciativa en actividades culturais relacionadas coa comarca, como o son a sega e a malla, xa que estas son actividades tradicionais galegas que se están perdendo e, segundo declara Carlos, «ésta é unha boa forma de conservalas».

Actualmente esta asociación conta con 170 socios. Todo o que queira formar parte dela só terá que acudir ó mosterio de Ferreira e cubrir o impreso de solicitud. As cotas a pagar son simbólicas, xa que o precio por ser socio é de 5 euros anuais.

Festa artesanal

A sega celebrada a xornada de onte, é unha das actividades englobadas dentro da festa artesanal, que se celebra o segundo domingo de agosto. «Este ano celebramos xa a súa séptima edición», conta orgulloso Vázquez.

O día desta festa, o 14 de agosto, realízase a malla tradicional. Ademais, nos arredores do monasterio, instálanse diversas exposicións de artesáns. «Mostran os seus productos oleiros, festeiros, ferreiros, apicultores... hai un pouco de todo. Merece a pena achegarse ata aquí e ver a mostra», conclúe Carlos Vázquez.

Comentarios