Opinión

Papel mollado

TODO O mundo se indigna, aínda que ninguén se sorprende, co caso dos papeis de Panamá, a maior filtración xornalística da historia, con moita máis información da que divulgou no seu día Wikileaks coa publicación de cables diplomáticos estadounidenses. Nuns días, como con Wikileaks, o caso deixará de acaparar a atención dos medios internacionais e, o que é peor, a súa divulgación non servirá para que os dirixentes mundiais se poñan ao choio e supriman dunha bendita vez os paraísos fiscais. Non o farán pola sinxela razón, entre outras, de que moitos deles teñen a bon recado os seus bens en empresas pantalla opacas ao fisco que operan neses territorios. Que consecuencias tivo para Estados Unidos o caso Wikileaks? Ningunha. Si as tivo para Julian Assange, o fundador de Wikileaks, refuxiado desde 2012 na embaixada de Ecuador en Londres, e para o soldado Manning, condenado a 35 anos de cárcere pola filtración dos documentos. O estalido do caso dos papeis de Panamá non propiciará que a partir de agora todos os posuidores de grandes fortunas paguen relixiosamente os seus impostos nos países nos que obteñen eses beneficios. Os gobernantes que promoven as amnistías fiscais e permiten -cando non fomentan- que os empresarios paguen menos a Facenda cós seus empregados non serán os que lle poñan o cascabel ao gato. O de Panamá quedará so en papel mollado.

Comentarios